Domingo, 4 Maio de 2025

Aplausos no Rosal a todas e todos os profesionais esenciais para combater o coronavirus

Homenaxe no Rosal a todas e todos os profesionais que cada día saen á rúa para combater o COVID-19, para velar polo benestar da veciñanza en plena crise sanitaria ou para garantir os produtos de primeira necesidade en pleno estado de alarma. Membros de Protección Civil, Garda Civil e do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) da Guarda reuníronse onte na Praza do Calvario e acenderon as súas sirenas para visibilizar o seu agradecemento a todos aqueles servizos esenciais que colaboran día a día en plena emerxencia sanitaria.

Uns aplausos mutuos que se sumaron aos que se escoitaban desde balcóns e fiestras e que se fixeron extensibles tamén a todas as forzas e corpos de seguridade e a outro dos eixos vertebradores nesta loita contra o coronavirus, o persoal sanitario. Un xesto importante co que tamén se quixo homenaxear ao sector da alimentación, que está a desempeñar un papel clave e leva traballando a pleno rendemento dende o inicio da crise para garantir que toda a cidadanía dispón do necesario nestes intres.

Agradecemento tamén a todas as veciñas e veciños que achegan cada día o seu gran de area sendo responsables, quedando na casa e cumprindo todas as medidas de seguridade necesarias para tentar frear a expansión do COVID-19.