Este mércores chegou á Biblioteca Municipal do Rosal «A maxia dos contos» unha actividade enmarcada dentro do programa «Ler conta moito» coa que se busca fomentar e dinamizar a lectura entre os diversos colectivos.
Con «A maxia dos contos», os máis cativos tiveron a oportunidade de experimentar as sorpresas que se agochan dentro dos libros, de ser os protagonistas das historias escritas nas súas páxinas e mesmo de escribir coa forza das súas mentes un conto sobre animais.
Foi unha actividade máxica na que os personaxes dos contos cobraron vida a través de monicreques e na que os asistentes riron, crearon, cantaron e ata se mergullaron nas historias que se contaron.
Quedan moitas máis actividades coma esta programadas para as próximas semanas, actividades que poden ser consultadas na web do Concello do Rosal.