Venres, 2 Maio de 2025

O BNG lamenta a “tardía actuación” para evitar os 27 contaxios na residencia de maiores de Crecente

A formación nacionalista ponse ao servizo do Goberno local ante a crise do coronavirus

O BNG de Crecente manifestou hoxe o seu “máis sincero apoio” a todas as medidas tendentes a resolver a crise sanitaria do coronavirus, e ponse ao servizo do Goberno local de Crecente para “o que sexa necesario coa finalidade de traballar para pór fin a esta situación”.

Non obstante, tal e como sinalou o portavoz do Bloque no municipio da Paradanta, Benigno López, “as medidas adoptadas dende o Concello e dende a Xunta foron tardías e claramente insuficientes, tal como demostran as cifras de 27 persoas contaxiadas polo COVID-19 que veñen de producirse na Residencia San Pedro de Crecente”.

A formación nacionalista relata que o 18 de marzo, o BNG tivo coñecemento de que a empresa adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Crecente “tiña intención de deixar de prestar o servizo debido á falta de material de protección como mascaras ou luvas, manténdoo só ás persoas máis necesitadas”.

A raíz disto, continúa o BNG, “visto o acontecido en diversas residencias de maiores, dirixímonos por escrito ao alcalde para preguntarlle pola situación exacta do SAF e das medidas que se ían tomar ao respecto. Ademais, preguntamos polas actuacións de prevención que se estaban a levar a cabo na Residencia, tanto para o persoal como para as persoas usuarias”.

O BNG lamenta que a resposta recibida o luns 23 “fora xenérica e falta de concreción”, xa que na mesma, sinala a formación nacionalista “indicábase que o Concello estaba en contacto coa empresa concesionaria do SAF, e que estaban operando de acordo as instrucións das autoridades sanitarias”.

No tocante a Residencia, a resposta do alcalde “indica que se lle remitiu un escrito á residencia o día 20 de marzo para avaliar a situación, non dando máis detalles”. Segundo o BNG, o alcalde asegura que “a residencia esta a aplicar un protocolo dirixido polo órgano designado pola Consellería de Sanidade e Política Social que está a ter unha resposta acorde ao momento que estamos atravesando rápida e eficaz”.

En vista dos feitos, afirma o BNG, “este protocolo non foi o máis axeitado, xa que a día de hoxe, unha semana despois da resposta da alcaldía, a Residencia de Crecente xa conta cando menos con 27 persoas contaxiadas entre usuarias e traballadoras”.

Así mesmo, dende o Bloque lamentan que o goberno de Crecente “reaccione só cando esta formación política require información, aínda acusándonos subrepticiamente de obstaculizar a labor do goberno e de falta de lealdade”.

Solicitude de explicacións no Parlamento Galego

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu trasladar a súa preocupación pola “situación de extrema gravidade que se vive nas residencias de maiores” e reclamou a comparecencia urxente do Goberno en sede parlamentaria para aclarar unha situación que está xerando unha xustificada alarma social.

“Temos unha situación dramática de alarma social nas residencias e por iso é urxente esa comparecencia”, reclama Pontón, quen se pregunta “que máis ten que pasar para que o Goberno informe das medidas adoptadas e para tranquilizar ás familias. Temos moitas preguntas que precisan respostas porque o Executivo non está actuando con celeridade, previsión nin anticipación precisamente ante un colectivo especialmente vulnerable”.

“É necesario reforzar a atención sanitaria, a realización de test masivos, o envío de material de protección, todo co obxectivo de anticiparse á extensión do virus porque estamos vendo casos de contaxio masivo nas residencias sen que o Goberno aporte medidas eficaces ante unha situación que era previsible”, explica a líder do BNG.