Venres, 2 Maio de 2025

A Xunta remata a humanización da contorna da capela de Santa Marta de Albeos, en Crecente

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de rematar as obras de humanización e embelecemento da contorna da capela de Santa Marta de Albeos, no Concello de Crecente, que foi financiada cunha achega de máis de 52.000 euros ao abeiro do Plan Hurbe.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou este mediodía, xunto ao alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, esta actuación de mellora urbanística e estética, que contaba cun orzamento global de 110.000 euros, xa que tamén incluíu a dotación de mobiliario urbano e vexetación.

“Seguimos colaborando cos concellos en todos os eidos e, por suposto, tamén na mellora e dotación de confortabilidade aos seus núcleos residenciais. No caso de Crecente, actuamos na zona da Capela, cun resultado excepcional, e damos continuidade a outra axuda anterior do Plan Hurbe tamén nesta contorna, neste no caso no camiño entre este lugar e Coedros, para que o municipio incremente o seu atractivo e os veciños estean cada vez máis a gusto nas súas aldeas”, detallou o representante autonómico.

O proxecto realizado na Capela consistiu na demolición do asfaltado preexistente para dotar a toda a contorna dunha nova pavimentación en formigón armado nos dous ramais de acceso ao interior do núcleo de Santa Marta e dun firme de lastro de granito de país no caso do vial cara a ermida.

Así mesmo, procedeuse á modernización e soterramento de todas as redes de servizos, entre as que figuran as canalizacións de pluviais; o sistema de abastecemento de auga potable; a liña de enerxía eléctrica; o tendido de telefonía e a rede de alumeado público, que xa conta con catro novas luminarias Led máis eficientes.

A actuación completouse coa instalación dun banco de sete metros; a plantación de camelias e oliveiras; a renovación da sinalización; a construción dun novo espazo de ocultación en madeira de pino para os contedores de lixo a carón do merendeiro; a delimitación de espazos con postes e malla, e a supresión dunha marquesiña.