Sábado, 3 Maio de 2025

A Xunta comeza as obras de mellora do firme na estrada PO-406 en Crecente

A actuación, cun investimento autonómico de preto de 50.000 euros, ten un prazo estimado de execución de dous meses

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou as obras de mellora do firme na estrada autonómica que une Varóns e Filgueira, a PO-406, no concello de Crecente.

Estas obras, cun investimento autonómico de preto de 50.000 euros, teñen un prazo de execución estimado de dous meses.

A actuación consiste na rehabilitación do firme nun treito antigo da estrada autonómica PO-406, que é utilizado para acceso a varios núcleos e vivendas, e que dá continuidade ao viario municipal.

As tarefas inclúen a disposición dunha nova capa de rodadura, cun espesor de 5 centímetros de aglomerado en quente, realizando unha previa regularización superficial do firme onde sexa necesario.

Tamén se realizarán traballos de limpeza neste punto, así como de reperfilado de gabias de drenaxe.

Ademais, aproveitando as obras, instalarase un colector de saneamento que dará servizo a varias vivendas, cunha lonxitude de 405 metros e un cruce baixo a estrada PO-801. O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a traballar na mellora e conservación da rede viaria da Xunta co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas máis cómodas, seguras e eficientes.