Sábado, 3 Maio de 2025

Roberto Mera presenta en Covelo o seu libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”

Mañá, venres, 28 de xaneiro, ás 20 h, no Auditorio Municipal

O avogado e politólogo de Ponteareas Roberto Mera Covas presenta mañá no Auditorio Municipal de Covelo, ás 20.00 h, o seu libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”, publicado por Belagua Ediciones. Acompañarán o autor o presidente da Comunidade de Montes de Paraños, Xosé Manuel Sendín, e o xornalista Gabino Porto.

Roberto Mera recuperou para a historia a vida do seu tío bisavó, o deputado republicano Alejandro Viana (Ponteareas, 1877-México DF, 1952), cuxa intervención foi decisiva para a evacuación dende Francia cara a América de 17 000 refuxiados republicanos tras o estoupido da guerra civil española.

A través dunha inxente documentación atopada en diversos arquivos, Mera Covas constrúe un libro ameno e de áxil lectura para contar os dezaséis últimos anos da vida de Alejandro Viana, «un home íntegro e entregado aos demais», que fuxiu a Francia co goberno da República e arriscou a súa vida, acosado pola Gestapo e a Falanxe, para salvar a decenas de miles de persoas antes de poder el mesmo embarcar cara ao exilio en México, onde morreu en 1952.

O libro é, en palabras do seu autor, «un acto de xustiza para un home que merecería o apelativo do Schindler galego por méritos propios e que, porén, foi vítima, como tantos e tantas, do sepulcral esquecemento imposto polo medo e o terror de corenta anos de ditadura, alongado ata os nosos días por un vergoñento pacto de silencio».

Precisamente, para facerlle xustiza, recuperar a memoria e espallar a figura de quen foi, ademais, un relevante persoeiro do empresariado, a política e a sociedade viguesa anterior ao golpe de Estado de 1936, o autor está celebrando numerosas presentacións por toda Galicia. Polo momento, están programadas para o vindeiro mes de febreiro presentacións en Allariz (día 4, na Fundación Vicente Risco), O Porriño (día 5, no Círculo Recreativo Cultural), Ourense (día 10, na libraría Espacio Lector Nobel), Ribadeo (día 11, na Casa do Viejo Pancho) e Monforte (día 12, no Ateneo Casino).