9.2 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeA ParadantaCoveloO GDR Condado Paradanta colabora no proxecto europeo EC4RURAL para ser parte...

    O GDR Condado Paradanta colabora no proxecto europeo EC4RURAL para ser parte activa da transición enerxética

    O GDR Condado Paradanta presentará o seu proxecto piloto “Condado Paradanta Xera” na xornada organizada polo proxecto europeo EC4RURAL que afondará no papel do rural na transición cara enerxía limpas a través de comunidades enerxéticas

    O xerente da Asociación de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta, Paco González, exporá na sede da FEGAMP en Santiago de Compostela, o proxecto “Condado Paradanta Xera”, recollido na súa estratexia de desenvolvemento local participativa “Reverdecendo Condado Paradanta”. Farao na xornada que organiza o proxecto europeo EC4RURAL, liderado pola Universidade de Vigo e que busca impulsar comunidades enerxéticas en 22 concellos.

    Nesta xornada o GDR Condado Paradanta afondará, xunto ao resto dos participantes, no plan de traballo inmediato para promover a participación rural na transición cara enerxía limpas a través de comunidades enerxéticas; coñecerá as iniciativas que se están promovendo e desenvolvendo e avaliará as posibles sinerxias que se poidan xerar entre o traballo do GDR e EC4RURAL.

    A estratexia de desenvolvemento do GDR de cara aos vindeiros anos xa contempla ser parte activa da transición enerxética motivo polo que o xerente do GDR Condado Paradanta compartirá co público “Condado Paradanta Xera”, unha iniciativa que pretende dar un servizo á poboación facilitando o aforro enerxético e a implantación dunha economía verde de escala; fomentar a cultura da enerxía innovadora para crear un entorno medioambientalmente sostible e establecer canles colaborativas comunitarias coa fin de facer realidade a creación da primeira comunidade enerxética comarcal.

    Ao igual que “Condado Paradanta Xera”, o proxecto EC4RURAL, financiado polo Programa LIFE, busca afondar e transformar as relacións entre as autoridades locais e rexionais e as comunidades rurais para contribuír á transición enerxética limpa en Europa ao tempo que se garante a participación activa dos axentes locais, evitando que sexan deixados de lado nestes procesos. O proxecto garantirá que as comunidades rurais formen parte e se beneficien dos procesos da transición enerxética limpa fomentando a creación de comunidades enerxéticas rurais para producir electricidade a través de paneis fotovoltaicos.

    Nesta liña de traballo no pasado ano, o GDR Condado Paradanta organizou un ciclo de xornadas dando a coñecer o concepto de comunidades enerxéticas e modelos que se estaban a desenvolver.

    A acción de EC4RURAL aborda o cambio nos comportamentos dos consumidores e empresas, para facilitar un maior diálogo e investimento conxunto dos actores públicos e privados (inalcanzable a nivel individual), tal e como establece o Pacto Verde Europeo. O proxecto tamén contribuirá ao desenvolvemento rural dentro da nova Política Agraria Común, así como ao Pacto Rural Europeo e á Política de Cohesión Territorial.

    EC4RURAL porá en marcha este novo cambio de paradigma a través de 2 pilotos en Estonia e España, cun total de 34 casos de estudo en diferentes municipios rurais, co obxectivo de propiciar a replicabilidade, non só nas rexións participantes, senón tamén a nivel europeo, a través das actividades de comunicación, divulgación e explotación levadas a cabo coa rede de socios e colaboradores externos.

    EC4RURAL reúne a un grupo de 10 entidades que compoñen un consorcio multidisciplinar situado en 3 países diferentes da UE (España, Estonia e Bélxica). O consorcio está liderado pola UVIGO e participan diferentes autoridades públicas locais e autonómicas, xunto con diferentes entidades capaces de proporcionar aos concellos, cidadáns e pemes o apoio necesario para desenvolver, implantar e controlar as comunidades enerxéticas rurais.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.