Xoves, 8 Maio de 2025

Música tradicional nunha nova cita coa Mostra de Produtos de Covelo

A Mostra de Produtos de Covelo sigue sumando fans e, por iso, a praza Mestre Cerviño volverá abrir as súas portas para o desfrute de veciñanza e visitantes. Este sábado día 4 de 10 a 14 horas haberá unha nova cita con produtos de proximidade. Postos de alimentación ecolóxica, estética, artesanía, cervexa artesá, plantas, postos solidarios, roupa e xoiaría, entre outras moitas propostas encherán de vida o centro urbano.

Como de costume, a Mostra de Produtos de Covelo irá acompañada de música, nesta ocasión será o grupo de pandereteiras da Asociación Cultural Son das Ferriñas de Vigo.

A Mostra de Produtos de Covelo está enmarcada dentro das actividades estables que o Concello de Covelo oferta ao longo de todo o ano en colaboración coa Deputación de Pontevedra. Cada primeiro sábado de mes, Covelo acolle a todas as persoas que desexan atopar produtos de calidade nun espazo rural, acolledor e no que entrar en contacto coa natureza, coa gastronomía local e descubrir así o seu extenso patrimonio histórico e medio ambiental.