Domingo, 4 Maio de 2025

Julio Eiroa e Estanislao Fernández de la Cigoña, galardonados na séptima edición de “Síntete Covelo”

O investigador Estanislao Fernández de la Cigoña e o biólogo e guía de montaña Julio Eiroa recibiron os galardóns pola súa implicación na posta en valor do noso patrimonio cultural e natural

O Concello de Covelo entregou os galardóns “Síntete Covelo” ao biólogo Julio Eiroa Mera e ao investigador Estanislao Fernández de la Cigoña destacandoa súa contribución ao coñecemento e posta en valor do patrimonio natural e cultural. O Concello de Covelo, a proposta da cidadanía, fixo entrega destes premios que salientan o traballo das persoas que pola súa implicación contribúen a difundir o nome de Covelo e as súas riquezas medioambientais, etnográficas e culturais.

O acto foi conducido pola concelleira do goberno, Lourdes Enes e os galardóns foron entregados pola concelleira do BNG, Laura Santiso Castillo e polo concelleiro do PSOE, José Fernández Muradas. Na entrega, o alcalde Pablo Castillo lembrou os primeiros contactos que o intrépido divulgador e investigador, Fernández de la Cigoña, facía no concello de Covelo, percorrendo cada corredoira na procura da singularidade e de pistas do rico pasado que agocha esta terra. Tamén augurou un futuro cheo de premios para o guía de montaña e fotógrafo Julio Eiroa e salientou dos dous a súa paixón pola investigación, pola natureza e polo patrimonio cultural.

Os artistas Ialma e Antonio Barros pecharon esta gala cunha entrañable actuación musical para dar paso a un brindis e compartir un tempo de conversa distendida cos galardoados.