8.7 C
Pontevedra
Martes, 5 de Decembro de 2023
Máis
    HomeA ParadantaCoveloCovelo reclama ante a falta de subministro de bombonas de gas nas...

    Covelo reclama ante a falta de subministro de bombonas de gas nas parroquias

    Ata dous meses sen subministro de bombona de gas nalgunhas parroquias de Covelo, esta é a situación que viven algúns veciños e veciñas dende que comezou o presente ano 2023. Ante isto, o Concello de Covelo tentou acordar unha solución coa empresa subministradora, GASCÍES S.L. Vigo ao longo das diferentes chamadas e reclamacións enviadas.

    “Neste ano 2023 recibimos numerosas queixas dos veciños e veciñas de Covelo de tódalas parroquias referentes á falta da regularidade no subministro das bombonas de gas e propano nos seus domicilios, motivo polo que contactamos en varias ocasións coa empresa”, explica o alcalde, Pablo Castillo.

    Sen obter mellora no servizo de reparto que durante meses deixa sen subministro a varios barrios, e a outros tantos asiste de xeito desorganizado e con retraso, o alcalde vén de trasladar á xefatura territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación o seu malestar ante a falta de seriedade da empresa subministradora. No seu escrito relata que a empresa subministradora advirte que deben trasladarse á gasolineira de Paraños para mercar a bombona ante a falta de persoal, “unha resposta que non imos aceptar xa que non é compatible coas condicións sociodemográficas do noso concello con boa parte da veciñanza de idade avanzada e sen recursos para desprazarse que debe afrontar os custos de pagar un taxi para ir a gasolinera a mercar a bombona de gas”.

    O Concello de Covelo solicita apoio e a intermediación da Consellería para resolver o problema e recuperar o reparto coa normalidade que se viña dando con anterioridade, cada semana nos lugares con máis poboación e cada quince días no resto dos lugares. O Concello sinala que a maioría dos fogares utilizan a bombona para as cociñas, para a auga quente e para sistemas de calefacción.

    Ademais, esta situación prexudica ao sector hostaleiro que tamén se ve na obriga de desprazarse a mercar as bombonas interrompindo así o seu traballo diario.

    Esta situación provoca queixas e malestar constante ademais dunha situación de inseguridade e risco de sanción nos desprazamentos ao portar unha mercadoría perigosa. “Pedimos a colaboración de Industria para que a empresa cubra as necesidades da poboación axeitadamente ao ver mermado este servizo básico que é tan preciso para as nosas e os nosos veciños”.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.