O Concello de Covelo celebrará o vindeiro martes día 25 as súas festas patronais e do churrasco con concertos, verbena, tirada de foguetes e postos de artesanía. A festa da xuventude abre o programa de festas esta noite a partir das 23:30 na praza Mestre Cerviño onde os Djs porán música e moito ritmo. Esta noite, ademais da oferta hostaleira do centro urbano, tamén haberá un posto de pizza italiana.
O programa continúa e, dentro da programación do Verán Cultural, o 23 de xullo organízanse varias quendas para poder participar na visita guiada ao Serradoiro dos Carranos, en Maceira, da man do guía de montaña Julio Eiroa. O 24 de xullo chegan as verbenas coa orquestra Ritmo Joven a partir das 23:30 horas e o día 25 ás 12 horas haberá misa seguida de procesión acompañada da actuación da Banda de Música Municipal de Mondariz. Co obxectivo de que todas as persoas propietarias de animais de compaña poidan tomar as medidas precisas, o Concello de Covelo informa que a tirada de foguetes das festas patronais e do churrasco serán o día 24 ás 12 e ás 21 aproximadamente e o día 25 de 10 a 13 horas.