Venres, 9 Maio de 2025

Covelo destina 6.000 € aos clubs deportivos locais

O Concello de Covelo informa da sinatura dos distintos convenios mediante os que se apoia aos clubs deportivos locais para facilitar que sigan desenvolvendo a súa actividade.

En concreto, o Club Covelo de Patinaxe Artística recibe 2.500 €, o Covelo Club de Fútbol, 3.000 € e o Covelo Fútbol Sala, 500 €. Segundo explica o alcalde Pablo Castillo, é imprescindible brindar todo o apoio  posible a estes clubs que fan posible a práctica deportiva non só de ducias de nenos e nenas, tamén de adultos. “Ter a posibilidade de desenvolver actividades deportivas no propio lugar de residencia é un servizo moi importante non só por cuestións lúdicas e deportivas tamén para fomentar hábitos de vida saudables e promover momentos de encontro e socialización”.

Estas axudas ao deporte, dun total de 6.000€, súmanse ás concedidas a asociacións e colectivos de carácter cultural e medioambiental por un total de 8.000 € e ás concedidas á Asociación de Nais e Pais do CEIP Antonio Blanco Rodríguez de 5.700 €. Deste xeito, o goberno de Covelo destina un total de subvencións nominativas a clubs e entidades sociais de 19.700 € promovendo, así, o asociacionismo local “tan fundamental para o desenvolvemento persoal do día a día das persoas”, engade Pablo Castillo.