Mércores, 7 Maio de 2025

Covelo convida á cidadanía a facer un uso responsable dos contedores de lixo

O Concello de Covelo solicita a colaboración da cidadanía para un uso máis responsable dos contedores de lixo e recorda que existe un servizo municipal gratuíto no que depositar os enseres domésticos, Punto Limpo.

Dende o Concello informan da importancia de non depositar restos de obras, mobles, colchóns, ferramentas ou utensilios vellos que soen atoparse nos contedores de lixo. Polas súas característicias e dimensións non deben deixarse nos contedores de lixo xa que os enchen e non deixan espazo para depositar os restos diarios das familias. Este mal uso dos contedores provoca, ademais, contínuas avarías no camión da recollida de lixo imposibilitando ofrecer un servizo axeitado ao resto da cidadanía cada vez que o camión debe ir ao taller. Os entullos resultantes das obras son os principais causantes das roturas do sistema hidráulico de elevación dos contedores, entre outros problemas provocados por enseres e materiais pesados que nunca deben ir aos colectores de recollida de residuos destinados para plásticos e restos ordinarios,

A cidadanía dispón dun Punto Limpo ubicado xunto á residencia de maiores que abre cada sábado en horario de mañá, de 09:00 horas a 13:00 horas. Un servizo totalmente gratuíto no que os particulares poden deixar todo aquelo que xa non precisen e que non ten cabida nos contedores de recollida de lixo doméstico. Para aquelas persoas que non estean en disposición de desprazarse ao Punto Limpo Municipal, existe a posibilidade da recollida a domicilio únicamente para persoas empadroadas en Covelo que previamente deberán solicitalo nas oficinas do Concello de xeito presencial ou telefónico. Nesta ligazón poden obter información sobre o Punto Limpo de Covelo.

A cidadanía de Covelo dispón de contedores amarelos para plásticos e briks e contedores verdes para os restos domésticos así como os iglús verdes para vidro nas parroquias. Ademais, no centro urbano hai un colector téxtil para roupa e calzado xunto ao pavillón deportivo, contedores azuis para cartón e papel, contedor de aceite de cociña e contedor de recollida de pilas, en distintos puntos do centro urbano.