Xoves, 8 Maio de 2025

Selada a unión entre Arbo e Sainte Terre

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, acompañado da directora de Turismo de Galicia e membros do goberno arbense, recibian no Salón do Pleno do Concello de Arbo, a Agnès Alfonso-Chariol, alcaldesa de Sainte Terre, Agnès Alfonso-Chariol, que chego acompañada dun membro da Irmandade da lamprea, Gérard Spéranzini e David e Sabine pescadores da lamprea no Rio Dordoña – Sainte Terre.

Abril é a cita da “Festa da Lamprea de Arbo”, onde rendemos homenaxe a unha forma de vida que dá sentido a un territorio e a un sabor inconfundible que convida a viaxar no tempo e en Villa de Sainte Terre, eses mesmos días celebran tamén a súa Festa da Lamprea, co mesmo sentimento.

Son moitas as características que Arbo e Sainte Terre teñen en común e son evidentes os vinculos que os une: o escudo, a lamprea, a Festa da Lamprea, o viño, o Museo da Lamprea e o río onde pescamos a lamprea: o Miño en Arbo e a Dordoña en Sainte Terre.

“Ao descubrir tantos puntos en común entre Arbo e Sainte Terre, establecemos contacto para coñecer máis en profundidade estes puntos en común” manifestou o alcalde de Arbo, Horacio Gil.

Durante a recepción no Consistorio, o alcalde, que estivo acompañado por Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, puxo en valor este encontro e expreso o “orgullo” de poder celebrar este acto e recibir aos representantes da Lamprea en Francia en Arbo. Tamén dixo que “Arbo sente tremendamente orgulloso de ter entre nós a veciños franceses que veneran da mesma maneira que Arbo á Lamprea.

Para coñecer os costumes, a gastronomía, a tradición e todo o que envolve a Lamprea en Arbo, se preve a visita da delegación de Sainte Terre visita ao Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea “Arabo” e a degustación da lamprea ao “estilo Arbo” e na maneira seca preparada de distintas formas. Tamén descubriran o traballo dos lampreeiros que con paciencia, esforzo e un saber facer herdado xeración tras xeración, capturan este manxar do Miño con métodos de pesca ancestrais e sostibles.

Arbo é terra fértil, de albariños excelentes. Cunha longa tradición adegueira, aberta ao viaxeiro que busca novas sensacións e a tranquilidade do turismo consciente, próximo, familiar e en harmonía co medio natural e os visitantes franceses puidérono descubrir visitando unha adega de Arbo.

Horacio Gil, informa, que lles gustaría, traballar para o mutuo coñecemento das culturas e tradicións, como forma de achegar aos cidadáns das dúas localidades, polo que o goberno arbense, levará a sometemento do próximo pleno, o acordo para estreitar lazos de unión con Sainte Terre a través dun irmandamento. As relacións de irmandamento constitúen unha ferramenta de coñecemento e colaboración entre as poboacións, promovendo a cidadanía europea e unha Europa máis unida e cohesionada- acaba dicindo o alcalde.