Venres, 9 Maio de 2025

O teatro volve ao auditorio de Arbo

A obra Saaabor o 4 de decembro ás 19:00 no Auditorio Multiusos de Arbo

O Concello de Arbo volve a ofrecer actividades culturais no auditorio, nesta ocasión cunha obra de teatro. O Concello pretende ir facendo camiño á nova normalidade  con actividades adaptadas, sempre cumprindo coa normativa, pero que ofrecen un momento de lecer e divertimento para a poboación infantil do municipio. 

Dentro da programación prevista para o Outono Cultural do ano 2021, o vindeiro 4 de decembro ás 19:00 horas  terá lugar a obra Saaabor.

Esta obra encadrada dentro da programación cultural  da Deputación de Pontevedra “Tornar ás táboas”,  unha declaración de vontade e de ánimo para que o teatro retome a súa actividade nos escenarios dos auditorios, teatros e centros culturais da provincia.

Como sempre a entrada e gratuíta ata completar aforo e é obrigatorio o uso de mascarilla e as demais recomendación recollidas no protocolo COVID.

Saaabor! é un espectáculo cómico que mestura música, maxia, humor, ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo. Os protagonistas convértense en dous recoñecidos chefs que nos ofrecen pratos para todos os gustos: desde a comida máis práctica e sinxela ata a máis elaborada, sen esquecer viño e sobremesa, elaborando un saboroso menú para toda a familia.

Dende o Concello de Arbo, solicitan a colaboración dos asistentes, para que se cumpran todas as medidas COVID para o evento, que os nenos participantes vaian acompañados por un adulto, que en todo momento se utilice a mascarilla e que se cumpran coas indicacións dadas polos voluntarios e colaboradores do Concello de Arbo, encargados de supervisar e facer cumprir os protocolos e recomendacións das autoridades sanitarias durante toda a actividade.