Domingo, 4 Maio de 2025

O BNG de Arbo presentará alegacións á planta de transferencia de residuos sólidos urbanos de Sela

O BNG de Arbo, a través do seu responsable local, Diego Prieto, presentará alegacións ao proxecto e documento ambiental relativos á instalación da planta de transferencia de residuos sólidos urbanos no polígono empresarial de Arbo, situado na parroquia de Sela.

Segundo os nacionalistas, o proxecto da planta, promovido por SOGAMA, “incumpre a normativa urbanística por exceder a volumetría das edificacións existentes no entorno”. Amais disto, a altura máxima permitida tamén sería maior ao permitido, polo que a obra, apuntan, “non se adecúa ao Regulamento da Lei do Solo de Galiza nin ao Plan Parcial do Solo empresarial”.

“Este tipo de proxecto contempla un edificio de tipo C a respecto da avaliación de riscos anti-incendios, polo que debera estar afastada 25 metros de calquera zona forestal”, declara Diego Prieto, que tamén ve coma o patrimonio arqueolóxico vese afectado igualmente por non estar suficientemente lonxe do xacemento da Lagoa.

“O do documento ambiental incompleto xa é un clásico para este tipo de proxectos, pero a falta de análise profunda desta implantación evidencia a pouca importancia que se lle da ao entorno, á veciñanza e ao patrimonio”, sentencia o responsable do BNG de Arbo.