Venres, 9 Maio de 2025

Concentración en Arbo da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e A Paradanta

Mañá xoves, 3 de febreiro, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e A Paradanta realizará unha nova concentración. Esta será a primeira vez que a plataforma fai unha concentración no concello de Arbo e está convocada para as oito da tarde na Praza do Concello.

Con esta concentración, a Plataforma quere facer notar as carencias en cuestión de sanidade pública dos concellos do rural. Unhas carencias que favorecen aínda máis o proceso de despoboación destas zonas que dende a Xunta de Galicia din combater.

No caso de Arbo, aínda que neste momento o centro de saúde conta con todo o persoal, a pediatría está sobrecargada ao ter que atender a rapazas e rapaces de catro concellos: Arbo, Crecente, A Cañiza e As Neves. Isto débese a que non se están a cubrir as baixas do persoal sanitario, o que leva a unha sobrecarga de traballo nunha única pediatra que non é sostible no tempo. Unha sobrecarga de traballo que ademais de ser prexudicial para os profesionais e necesariamente empeorar o servizo, pode levar en calquera momento ao colapso da atención sanitaria ás menores na zona.

Outra cuestión a ter en conta é a deficiencia de servizo de ambulancias. Neste momento Arbo soamente conta con unha unidade 12 horas ao día. Para todo o Condado, a maiores da de Arbo, soamente hai unha unidade as 24 horas na Cañiza e dúas unidades as 24 horas en Ponteareas. É dicir, que para unha poboación entre as dúas comarcas de preto de 54.000 habitantes soamente hai dispoñibles tres ou catro ambulancias dependendo da hora do día, o que deixa o servizo nunha situación como mínimo precaria.

Por iso unha vez máis dende a Plataforma en Defensa da Sanidade do Condado e A Paradanta queremos facer un chamamento á poboación das dúas comarcas a acudir á concentración deste xoves en Arbo. Cantas máis sexamos máis difícil terán o facer que non nos ven. Defendamos a sanidade pública.