O Concello de Arbo convoca, un ano máis, o concurso de carteis con motivo da celebración da LXI Festa da Lamprea que terá lugar os días 23, 24 e 25 de abril do ano 2021. Sempre tendo en conta a evolución da Covid-19, o Concello de Arbo, adaptará como fixo no ano 2020, a celebración da que a súa festa máis importante, a Festa da Lamprea, declarada de interese turistico nacional no ano 2016.
Este concurso ten como obxectivo deseñar o cartel para a LXI Festa da Lamprea, promovendo así a principal festa gastronómica do Municipio. Poderán participar no concurso todo aquel que queira facelo. O prazo para presentar as propostas finalizará o día 11 de xaneiro de 2021. Todas as bases están dispoñibles nesta ligazón.
As propostas serán entregadas en soporte físico (papel, tea, cartón…) nun tamaño mínimo A3, así como en soporte dixital a máxima resolución. Cada participante poderá presentar como máximo dous carteis por participante.
Como cada ano, nos carteis, deberán incluírse de maneira correcta as datas da festa, as letras e a edición da festa, correspondentes ao ano 2021: LXI Festa da Lamprea (23, 24 e 25 de abril 2020). Un erro nalgúns destes aspectos determinará a exclusión do cartel. Os materiais son de libre elección, poderán ser lapis de cores, ceras, acuarelas, témperas ou mesmo en collage. Iso si, deberán enviarse ben protexidas para protexer a súa conservación.
Establécense interesantes premios para os gañadores: un primeiro premio de 800 euros para o vencedor, 400 euros para o segundo e 200 euros para os terceiros premios. Continuando coa tradición, os premios serán entregados na Gala da Lamprea, que terá lugar durante a celebración da festa do próximo ano. É condición indispensable que os gañadores estean presentes no acto para recoller o premio.
Segundo manifesta o alcalde de Arbo, Horacio Gil, con este concurso preténdese promocionar e promover a nosa Festa da Lamprea, por algo se nos coñece como a Capital da Lamprea, e por que, desde hai 61 anos, celebramos esta festa culinaria, a máis antiga de Galicia. En edicións anteriores deste certame recibimos propostas provenientes desde toda a xeografía española. É un certame que ano tras ano se converteu nun referente do mesmo xeito que a nosa festa.