Sábado, 3 Maio de 2025

A Xunta impulsa a apertura dun novo vial no casco urbano de Arbo

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vai impulsar a apertura dun novo vial no casco urbano do Concello de Arbo entre a rúa Vázquez Estévez e a estrada autonómica PO-400 cun investimento de 315.000 euros financiado ao abeiro do Plan Hurbe.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou a adxudicación destes traballos e o seu inicio inminente nunha visita ao camiño de paso existente que será ampliado e convertido nunha nova rúa para estender a trama urbana de Arbo. No acto estivo acompañado polo alcalde, Horacio Gil, e outros membros do goberno local.

“Os obxectivos da Xunta co Plan Hurbe céntranse na mellora das contornas urbanas, da accesibilidade e dos equipamentos municipais, especialmente nos concellos rurais, polo que este ambicioso proxecto presentado polo Concello de Arbo encaixa perfectamente na nosa filosofía e, ademais, enmárcase nas constantes accións de cooperación e colaboración do Goberno galego coas administracións locais”, sinalou o representante autonómico.

Esta actuación, que conta cun prazo de execución de seis meses, consistirá na ampliación dun camiño de 2,5 metros de anchura para a súa conversión nunha rúa cunha plataforma de dez metros, respectando deste xeito o disposto polo plan urbanístico municipal, que disporá dun carril de sentido único de 2,9 metros, senllas beirarrúas en ambas marxes que suman 5,1 metros de anchura e unha franxa de zona verde no espazo restante.

O carril de circulación acometerase en formigón desactivado, mentres que as beirarrúas, que estarán no mesmo plano de altura, terán bordos de granito para diferenciar ditos ámbitos e executaranse en cor terrizo sobre saburra. Así mesmo, construiranse muros de contención laterais para garantir a seguridade e instalaranse todas as redes de servizo para abastecemento de augas, saneamento con redes separativas de augas pluviais e fecais, rego, electricidade e telecomunicacións.

A obra, que se estenderá ao longo dun ámbito de 2.200 m2, completarase con medidas de calmado de tráfico como un paso de peóns elevado e a redución da velocidade máxima a 30 quilómetros por hora, elementos de xardinaría, sinalización, mobiliario urbano e dous bancos.

“Trátase dunha  actuación que vai supoñer un antes e un despois na vila de Arbo, posto que liberará e desconxestionará o tráfico do centro urbano e humanizará toda esta contorna con itinerarios peonís seguros e amables para os veciños”, concluíu o delegado territorial.