Domingo, 4 Maio de 2025

A defensa das pesqueiras do Miño no parlamento por iniciativa do BNG arbense

Os deputados do BNG exixen a declaración BIC para as Pesqueiras de Arbo, As Neves, Crecente e Salvaterra de Miño.

Arbo acolleu este pasado venres un acto de presentación das propostas levadas ao parlamento para pór en valor as pesqueiras e retomar unha reclamación histórica desta construción singular e milenaria do enxeño galego.

Diego P. Gago, responsábel local do BNG en Arbo, diante dunha audiencia internacional de medio cento de persoas, fixo un percorrido pola historia destas construcións e pola loita social que o seu avó, Ignacio Gago, abandeirou desde finais dos ’70 e pola que foi recoñecido recentemente como veciño insigne.

As pesqueiras, ou pescos, facilitan a pesca da lamprea cun xeito único en toda Europa que “debe valorizarse como revulsivo económico das localidades Miñotas”, tal e como puxo de manifesto Xosé Manuel Rodríguez Méndez, alcalde das Neves.

Unha arquitectura singular que está perdendo o seu uso paulatinamente polo ausencia de alternativas, ademais do perigo real polas variacións de nivel provocadas polos encoros que fan do Miño unha fábrica de cartos que marchan fóra. “Nin Madrid nin Lisboa dan solución a un problema que non entenden” acuñou Luís Bara, deputado no parlamento galego polo Bloque Nacionalista Galego que xunto a Alexandra Fernández incoou ao goberno do país a retomar a consideración de Ben de Interese Cultural xunto cun plan dinamizador que acolla a tódolos sectores implicados da sociedade.

Foi un acto enriquecedor e construtivo coa participación de veciños e veciñas de Arbo e das demais localidades miñotas, grandes coñecedoras da vida arredor das pesqueiras e que seguirán exixindo que sexan tidas en contas como un recurso económico vivo e un elemento dinamizador da sociedade, ademais dun ben histórico cun grande potencial turístico.