Sábado, 3 Maio de 2025

A Deputación leva aos concellos do Baixo Miño, Condado Paradanta, Val Miñor e Redondela o espectáculo ‘De Valdeorras a México. Terra A Nosa’

As actividades das Letras Galegas organizadas dende os servizos de Lingua e Memoria da Deputación de Pontevedra chegarán a 35 concellos de todas as comarcas da provincia para dar a coñecer a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán grazas ao espectáculo ‘De Valdeorras a México. Terra A Nosa’.

  • Na área de Redondela as representacións estarán o 3 de xuño no concello homónimo e en Pazos de Borbén o 8 de xuño.
  • Na comarca do Condado-Paradanta as representacións serán en A Cañiza  29 de maio, en Ponteareas o 2 de xuño, Mondariz o 4 de xuño e Salvaterra o 13 de xuño.
  • Na zona do Val Miñor a representación chegará a Baiona o 10 de xuño e a Gondomar o 3 de xullo.
  • No Baixo Miño a representación realizarase en Oia o mesmo día das Letras Galegas, o 17 de maio, ás 18 h no Centro Sociocultural de Pedornes, en O Rosal estará o 26, en Tomiño o 29 do mesmo mes ás 17.30h no Auditorio de Goián, e en Tui o 7 de xuño.
  • Na zona do Val Miñor a representación chegará a Baiona o 10 de xuño e a Gondomar o 3 de xullo.

Trátase dun espectáculo familiar para divulgar a biografía do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), homenaxeado pola Real Academia  Galega (RAG) co  Día das Letras  Galegas 2022. A deputada de Lingua e Memoria María Ortega considera que o autor é unha das voces máis senlleiras da literatura do exilio polo que nas actividades de realce da súa figura organizadas dende o organismo provincial era precisa unha programación que tivera como protagonismo á cativada. “Por iso ideamos da man da afamada empresa de contacontos ‘Polo correo do vento’, unha actividade que, de xeito ameno e participativo, lles achegue a figura do homenaxeado como exemplo de amor á Terra e mantemento da loita polos ideas, mesmo nas peores das circunstancias”, subliñou a nacionalista.

Na actividade alternarase a narración da biografía de Delgado Gurriarán, coa creación dunha ilustración  e a interpretación de distintas pezas musicais. Contará ademais con tradución en lingua de signos, para que sexa accesible a todas as crianzas, e rematará cun pequeno coloquio adaptado ás súas idades e un obradoiro no que cada participante realice a súa propia caricatura  do autor.

Foron adxudicatarios das obras os 35 primeiros concellos que presentaron instancia de solicitude, esgotándose os espectáculos dispoñibles apenas en tres horas. Para a deputada María Ortega o interese amosado polos concellos é mostra de que cada vez máis hai consciencia da necesidade de que as administracións locais traballen a prol da lingua e da memoria, achegando a cativada formatos atractivos para tratar os temas segundo a idade.

Ademais das obras sobre Florencio Delgado Gurriarán, a Deputación tamén achegará ás bibliotecas municipais e aos centros de ensino pequenas biografías destinadas á cativada. Para o alumnado de Primaria o servizo Editorial da Deputación editou a peza ‘Levar paisaxes nos ollos’ e para a xente moza editou unha banda deseñada coordinada por Kiko da Silva, con guión de Fernando Llor e ilustracións do alumnado de ‘O Garaxe Hermético’. Cadansúa das publicacións tivo unha tiraxe de 1.000 exemplares.

Máis representacións

No Salnés estarán o 7 de xullo en Sanxenxo, o 19 de xullo en O Grove, e o 27 do mesmo mes en A Illa de Arousa, quedando por axendar data aínda en Meis e Ribadumia. Na comarca de Caldas estarán o 1 de xullo en Cuntis, o 2 en Pontecesures, o 7 en Caldas, o 12 en Portas, o 14 en Catoira, o 21 en Moraña. No Morrazo a única representación será en Cangas o 20 de maio ás oito da tarde, aínda pendente de ubicación a confirmar polo Concello.

Na área de Pontevedra as representacións realizaranse este venres 13 no Concello de Poio, ás 17 horas no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, o 24 ás 11h no CEIP de A Lama, o 25 de maio en Ponte Caldelas (19h na Casa da Cultura), o 26 en Cerdedo-Cotobade,  e o 5 de xuño en Campo Lameiro. No Deza-Tabeirós, a xeira comezará o 23 de maio en Dozón ás 16 horas no CEIP Pio Cabanillas Gallas, o 29 de xuño estará en Rodeiro, o 6 de xullo en Vila de Cruces e o 22 do mesmo mes en Agolada.