O alcalde da Cañiza, Luis Piña, informou esta mañá que xa está redactándose o proxecto de construcción do novo vial no lugar das Tapadas, entre o Centro Comarcal e o Área de Servizo.
O pasado mes de abril, o Concello adxudicou a redacción do Proxecto de desenvolvemento urbanístico do vial ao arquitecto Pedro de la Puente Crespo por importe de 18.137,90€. Este proxecto contempla a execución de dúas calzadas coas dimensións axeitadas para a circulación de vehículos pesados, dúas amplias beirarrúas, 1 carril bici e unha rotonda de conexión para comunicar a estrada EP5005 Cañiza – Crecente coa PO406 Cañiza – Filgueira.
A execución deste novo vial é imprescindible para mellorar a mobilidade dos coches e cidadáns, reducir a circulación do tráfico pesado no casco urbano e facilitar as comunicacións co polígono industrial.

Luis Piña volveu a recordar hoxe que serán necesarios varios anos para abrir ao tráfico esta nova vía xa que hai que desenvolver e tramitar este plan especial dentro do PXOM, pero a obra dará resposta a un problema viario que leva máis de 20 anos enriba da mesa sen que ata agora se adoptaran medidas. A modificación será do Plan Xeral de Planeamento Municipal aprobado o 27/06/2003 a través dun Plan Especial de Infraestruturas e Dotación.
Unha vez aprobado este Plan Especial, o Concello poderá executar a obra e materializar o proxecto de urbanización e construcción do novo Vial.
Así, o Goberno Municipal da Cañiza da outro paso adiante no proceso de reordenación da mobilidade urbana, dando protagonismo aos cidadáns sobre os vehículos e conectando coas novas formas de entender as cidades.