Martes, 6 Maio de 2025

Rematadas as obras de mellora dos camiños de Xunqueiras, Coto do Muíño e Santa Baia da Cañiza

O alcalde da Cañiza, Luis, Piña, acompañado do técnico da empresa COVSA S.A., adxudicataria desta obra, visitou os camiños do Couto. A obra consistiu na eliminación de raíces, mellora da capa de rodaxe e drenaxe e limpeza e ensanche das cunetas destas 3 pistas do Couto, nunha lonxitude de 1.7 km.

Unha actuación que ten como obxectivo garantir a seguridade viaria e que está xustificada polo importante deterioro que presentaba a rega asfáltica da capa de rodaxe debido, entre outros factores, ás desfeitas provocadas polas raíces dos piñeiros.

As obras que remataron esta semana, comezaron o pasado mes de novembro no marco do  Plan de “Mellora de Camiños Municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023” de Agader da Xunta de Galicia.

Cun investimento total de  106.483,27 €, contaron cunha axuda de Agader de  87.899,00 €.

Unha axuda que inclúe os costes do total da obra e o control de calidade e exclúe a cantidade correspondente ao 21 % de Ive, a redacción do proxecto e a dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde que ascenden a un total de 21.966,06 €. Esta cantidade está financiada con fondos propios do Concello e recollida no Anexo de Inversións do Orzamento 2022.

As melloras desenvolvéronse en 2 fases. A primeira no mes de novembro que actuou sobre o camiño de Santa Baia e a segunda reanudada despois das festas de Reis que consistiu na mellora dos camiños de Coto do Muiño e Xunqueiras.

Os camiños mellorados dan acceso a parcelas agrícolas

A obra foi adxudicada a empresa CONSTRUCCIONES OBRAS Y VIALES, S.A. (COVSA) que comezou os traballos a finais de novembro consistentes na limpeza e ampliación de cunetas para mellorar a seguranza viaria e garantir o cruzamento de vehículos así como reducir sobrelargos en zonas de curvas con baixa visibilidade ou entroncamentos. Mellora do firme coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico, eliminación de raíces e  mellora da drenaxe do camiño e da sinalización entre os lugares de Xunqueiras, Coto do Muiño e Santa Baia, na parroquia do Couto e que dan acceso, todas elas, a parcelas agrícolas.