Domingo, 4 Maio de 2025

Reabre o cámping da Cañiza para converterse en ferramenta catalizadora do turismo

Este xoves, 27 de maio, o Pleno do Concello da Cañiza, como órgano competente para resolver (xa que o importe do valor da concesión supera o 10% dos recursos ordinarios do Orzamento: 3.627.655,26€) aprobará e adxudicará a concesión por procedemento aberto, de uso privativo do cámping, convocando a súa licitación.

A apertura deste expediente xustificouse, entre outros motivos,  para dar aos visitantes un motivo e atractivo turístico, que baseado en criterios ambientais fomente o turismo na zona e atraia visitantes a unha contorna de gran atractivo natural.

Durante moitos anos o Cámping  foi referente no turismo da zona pola súa ubicación e polos activos turísticos que estaban preto das súas instalacións. Por iso e segundo manifestou o Alcalde Luis Piña “é intención desta Gobernanza volver a situar este instrumento catalizador de turismo nun lugar preferente”, nunhas condicións óptimas e xestionado por profesionais.

Esta nova concesión incluirá os servizos de explotación e mantemento do cámping municipal. Durante o  primeiro ano a empresa estará exenta do pago de auga e de enerxía eléctrica así como dun canon anual  mínimo de 1.500€ máis Ive (dependerá da oferta que se presente), gastos que asumirá a partires do 2º ano da concesión.

A empresa poderá manter as instalacións abertas durante o período que considere oportuno. Non se considera a concesión executada no caso de que as instalacións do cámping non permanezan abertas, polo menos desde o 1 de xullo ao 31 de agosto. Pode propoñer a apertura cando considere oportuno mediante comunicación ao Concello pero sen necesidade de autorización expresa deste.

En canto ás tarifas a percibir polas diferentes modalidades de aloxamento e de actividades complementarias, serán responsabilidade exclusiva da empresa sen intervención  municipal.

Os servizos de  cafeteria, bar, comidas poderán ser de uso xeral e non exclusivo dos usuarios do cámping, así como o alugueiro de bicicletas e calquera outra actividade sempre que previamente sexa regulado polo  concello no regulamento aprobado, cuxas tarifas e horarios estarán expostos ao público.