Sábado, 3 Maio de 2025

Preséntase o sábado na Cañiza o libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”

Roberto Mera recupera para a historia a figura do deputado republicano que liderou a evacuación desde Francia de 17.000 exiliados durante a guerra civil

O Edificio Multiúsos da Cañiza acollerá este sábado, día 23 de abril, a presentación do libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”, do avogado e politólogo de Ponteareas Roberto Mera Covas, publicado por Belagua Ediciones. O acto terá lugar ás 20.00 h e nel invervirán, xunto ao autor, o alcalde, Luís Piña, e a actriz e directora de escena Diana Mera.

Coa publicación do seu libro, Roberto Mera recuperou para a historia a vida do seu tío bisavó, o deputado republicano Alejandro Viana (Ponteareas, 1877-México DF, 1952), cuxa intervención foi decisiva para a evacuación dende Francia cara a América de 17.000 refuxiados republicanos tras o estoupido da guerra civil española.

A través dunha inxente documentación atopada en diversos arquivos, Mera Covas constrúe un libro ameno e de áxil lectura para contar os dezaséis últimos anos da vida de Alejandro Viana, «un home íntegro e entregado aos demais», que fuxiu a Francia co goberno da República e arriscou a súa vida, acosado pola Gestapo e a Falanxe, para salvar a decenas de miles de persoas antes de poder el mesmo embarcar cara ao exilio en México, onde morreu en 1952.

O libro é, en palabras do seu autor, «un acto de xustiza para un home que merecería o apelativo do Schindler galego por méritos propios e que, porén, foi vítima, como tantos e tantas, do sepulcral esquecemento imposto polo medo e o terror de corenta anos de ditadura, alongado ata os nosos días por un vergoñento pacto de silencio».

Precisamente, para facerlle xustiza, recuperar a memoria e espallar a figura de quen foi, ademais, un relevante persoeiro do empresariado, a política e a sociedade viguesa anterior ao golpe de Estado de 1936, o autor está celebrando numerosas presentacións por toda Galicia. Tras o acto da Cañiza, o libro será presentado en Ferrol o vindeiro día 29.