Sábado, 3 Maio de 2025

Os populares da Cañiza solicitan un pleno extraordinario para reclamar ao goberno axudas Covid para autónomos, comercio e hostalería

As presións constantes por parte do grupo popular, obri-gan ao goberno municipal a crear axudas covid, pero a oposición califícaas de insuficientes

Onte celebrouse no Concello da Cañiza, un pleno extraordinario solicitado por parte do Partido Popular, para pedir ao goberno local, que leven a cabo varias iniciativas para axudar económicamente aos autónomos, comercios e hostalería local.

Segundo afirma o voceiro da oposición, Miguel Domínguez, “A Cañiza é o único concello da nosa contorna que non elaborou un plan de axudas destinadas aos sectores máis afectados que están vendo reducidas as súas oportunidades de negocio”. Tamén explicou que desde o seu grupo presentaron escritos, mocións nos plenos e incluso solicitaron a celebración doutro pleno extraordinario anterior solicitando ditas axudas; un total del nove peticións, pero en todas as ocasións a resposta do goberno municipal foi negativa.

Este ano, o Plan Concellos, permite aos alcaldes destinar o 20% da partida para inversión á creación de axudas destinadas aos sectores máis afectados pola pandemia. Ademáis os concellos contan coa Liña 2 de Pago a Proveedores.

Domínguez di que “o alcalde ten a disposición para crear estas axudas, 130.500€ para o ano 2021. Cartos que se non se destinan para iso, só poden ir a parar a inversións, e non para ningunha outra cousa, tal e como rixe a normativa. Tendo en conta o momento que estamos a vivir ten que priorizar a situación da economía local. Atopámonos nunha situación de excepcionalidade que require medidas excepcionais”.

Ademais, o PP reclama que o Goberno modifique as ordenanzas municipais “dunha vez” para eximir aos afectados do pago de impostos e taxas municipais asociados á actividade económica, “porque esa medida xa foi aprobada polo goberno no seu día pero a xente segue pagando a día de hoxe”.  “Non ten sentido que as axudas que están recibindo do Goberno da Xunta as teñan que empregar, en moitos casos, para pagar impostos locais”.

Por último, pediron a creación dun plan municipal de acción comercial, e que se convoque unha mesa de traballo na que ademais dos representantes dos grupos políticos, estean incluídas as asociacións de comerciantes e empresarios da Cañiza, co obxetivo de atopar estratexias para revitalizar o comercio e minimizar as consecuencias derivadas da crise do coronavirus. O bipartito votou en contra tamén desta medida.

O goberno ofrece como opción dispor para axudas directas o 1% do presuposto, unha cuarta parte dos fondos totais que ten para destinar a axudas, e empregar o resto para obras municipais. “Somos conscientes de que esta é unha medida en resposta á presión que levamos facendo desde que comezou a pandemia e que Piña propón para saír do paso. Ten que deixarse de amagos máis propios de propaganda política, e ofrecer axudas directas segundo o grao de afectación de cada negocio”, afirma Domínguez.

Durante o pleno, o rexedor municipal, insistiu en varias ocasións en que “as axudas á economía local son responsabilidade da Xunta e non do concello” e afirmou ademais que tralas reunións mantidas con algún dos posibles afectados non pode confirmar que a situación sexa “tan mala” como a que describe a oposición.

Miguel Domínguez declara que “tanta insistencia ao final fixo entrar ao goberno en razón e aceptou escoitar as nosas achegas en materia de axudas, pero seguimos insistindo en que sexa empático e destine a totalidade dos fondos dos que dispón, en lugar de dar limosnas propagandísticas aos afectados. Non hai mellor propaganda política para un alcalde que estar preto dos veciños e axudar cando é necesario. O rédito político que debería ter un goberno son as súas accións a favor dos veciños, non a demagoxia nin a parálise á que xa nos teñen moi acostumados”.

“O goberno ten que deixar xa de mirar para outro lado e comezar a tomar conciencia das dificultades reais que van en aumento cada día que pasa, e axudar ao tecido económico local. Urxe que o goberno local tome cartas no asunto dunha vez, xa que a situación de incerteza está afectando moi negativamente aos nosos comercios, á nosa hostalaría e aos nosos autónomos”, engade o voceiro popular.