Sábado, 3 Maio de 2025

O PP da Cañiza desvela que a Axencia Española de Protección de Datos sanciona ao goberno local

Difundiu por whatsapp datos persoais dos integrantes das mesas electorais, entre os que se incluían número de DNI ou domicilio completo

O Partido Popular da Cañiza desvela que o goberno local é ser sancionado por incumprir a Lei “unha vez máis”. Neste caso, a Axencia Española de Protección de Datos sanciónao por incumprir a Lei de Protección de Datos e difundir por whatsapp información de carácter persoal dos integrantes das mesas electorais en 2019, entre os que se incluían o número de DNI ou o domicilio completo.

O voceiro do PP, Miguel Domínguez, recorda que estes son datos persoais que están protexidos pola Lei de Protección de Datos e aos que o goberno accedeu tras o pleno no que se sorteaba en 2019 a participación nas mesas electorais, cando aínda gobernaban os populares. Tras o sorteo, explica Domínguez, o actual alcalde fixo unha foto co móbil do resultado que se obtivo na aplicación informática do censo municipal e enviou a mensaxe por whatsapp, vulnerando así a Lei de Protección de Datos. Nesa fotografía non só aparecía o nome de todos os integrantes das mesas electorais, senón que tamén incluía outra información persoal.

A sanción vén como consecuencia dunha reclamación efectuada por Miguel Domínguez en 2019. Explica que “a mesma Lei que incumpre e pola que é sancionado, impide que poidamos facer pública a resolución do expediente sancionador, pero con esta resolución queda claro que Piña entende, unha vez máis, que está por riba da Lei. A ver que escusa inventa nesta ocasión, seguramente a culpa sexa de Miguel Domínguez porque o denunciou e non súa por incumprir a Lei”.