Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello da Cañiza poderá captar as augas da traída do casco urbano legalmente

Nos primeiros meses do ano 2020 o Concello iniciou o expediente para legalizar a concesión de todas as augas que abastecen ás vivendas do casco urbano, que non estaban autorizadas, nin rexistradas ante o órgano competente, que neste caso é a Confederación Hidrográfica do Miño Sil.

O expediente tivo que iniciarse en paralelo ante a propia Confederación que é quen outorga o uso e concesión das augas, pero tamén ante a Consellería de Sanidade que é a que emite o informe favorable de que todas as augas son aptas para o consumo e cumpren con todas as garantías organolépticas.

Sen o informe sanitario, a Confederación non inicia o expediente de concesión e autorización.

Para solicitar o Informe Sanitario ante a Consellería, o Concello tivo que analizar todas as augas das captacións, mananciais, pozos de barrena e depósitos (que en total suman 35 instalacións) cada 4 meses, durante un ano, de forma estacionalizada. Unha vez acadados todos os resultados analíticos favorables, achegouse ante a Consellería de Sanidade (ao Servizo de Control de Riscos Ambientais de Pontevedra)  a solicitude de emisión de informe sanitario, o día 17.06.2021.

Despois de varios requerimentos e emendas, a Consellería outorgou informe favorable con data do 20.04.2022. Informe que se remitiu á Confederación para continuar co expediente unha vez garantida que as augas do abastecemento son aptas para o consumo humano.

O seguinte paso foi a xeoreferenciación e catalogación de todas as instalacións que forman a rede de abastecemento ( as captacións, pozos e depósitos) por parte dos técnicos da Confederación, xa que para este Organismo non existía ningún elemento hidráulico do Concello da Cañiza legalizado.

A continuación Confederación comunicou a resolución favorable de concesión da autorización de captación e legalización das augas.

Seguindo coa tramitación, o Organismo remitiu ao Concello e ao Boletín Oficial da Pontevedra o 27.06.2022 o expediente de información pública para que todas aquelas persoas que se consideraran afectadas por esta concesión, puideran presentar as alegacións pertinentes.

O BOP publicou o texto o 15 de xullo de 2022. Pasado o tempo das alegacións, o Concello informou da non presentación de reclamacións, continuando o expediente que ademáis tivo que ser informado e  aprobado polo novo Plan Hidrolóxico que entrou en vigor en febreiro deste ano.

O pasado 22 de maio a Comisaría de Augas da Confederación asinou finalmente as condicións que rexerán por 50 anos a autorización desta concesión. Onte, dende o Concello devolveuse á CHMiñoSil a aceptación das Condicións quedando resolto o expediente.