Venres, 2 Maio de 2025

O Concello da Cañiza adquire o edificio e os terreos da antiga Cámara Agraria da Miñoteira – Valeixe

A compra oficializouse, ante a Notaria da Cañiza coa intervención e sinatura do alcalde, Luis Piña; e da xefa de Servizo de Administración e Xestión Patrimonial da Xunta de Galicia, Eva Lorenzo; asistindo tamén a secretaria do Concello, Inés Montero.

Esta propiedade será incorporada á relación de Bens Patrimoniais do Concello por un importe de 59.331,40 € que o Concello abonará á Xunta de Galicia en 9 prazos de 4.944,28 € anuais máis intereses.

Previamente a esta sinatura, o Concello transferiu o pasado 08 de maio, á Xunta de Galicia, a cantidade de 14.832,85€ en concepto de fianza. Condición requerida pola Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta para poder proceder á adquisición do inmoble e dos terreos dos que era titular a Comunidade Autónoma.

O PLENO DO PASADO 30 DE MARZO ACORDOU A ADQUISICIÓN DA ANTIGA CÁMARA AGRARIA DE VALEIXE

O Concello da Cañiza aprobou no Pleno celebrado o pasado 30 de marzo a adquisición da “antiga Cámara Agraria da Miñoteira – Valeixe”, despois de terse tramitado un expediente iniciado pola Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, chegando a un acordo de valoración aconómico de 59.331,40 €.

Este inmoble senlleiro da parroquia de Valeixe foi desafectado pola Xunta de Galicia en 2003, mediante o Decreto 346/2003 do 24 de xullo, cedéndose a título gratuito o uso ao Concello por un período de 10 anos. Con posterioridade iniciáronse os trámites de adquisición.

O rexedor, Luis Piña, manifestou a súa satisfacción despois de asinar o documento de escritura pública “ xa que a Antigua Cámara da Irmandade sempre foi e pretende continuar sendo un punto de encontro para todos os veciños da parroquia. Un lugar onde ademáis se concentran e desenvolven case todos os actos principais de Valeixe, xa sexan cursos de formación, festas ou xuntanzas populares”.  “Por todo isto é de grande valor poder incorporar este inmoble ao Patrimonio de todos os cañicenses”.

Ademais “para poder desenvolver calquera tipo de actuación neste entorno, o Concello obrigatoriamente ten que ser o titular da edificación e dos seus terreos, polo que esta adquisición permitirá executar nun futuro as obras da nova AREA DE LECER que contará cunha zona de paseo, de xogos e zona de descanso, mellorando integralmente este espazo público”.

“Unha importante actuación para a que o Concello xa está buscando financiación”.