Sábado, 3 Maio de 2025

O alcalde da Cañiza visita as obras de mellora en Valeixe

En plena execución desta actuación, o alcalde da Cañiza, Luis Piña, visitou o venres estas obras de humanización dun dos barrios da parroquia de Valeixe, a zona das Adegas – Barreiros, para coñecer o avance das mesmas, da man dos técnicos do proxecto.

A obra consiste na rehabilitación integral do pavimento do vial das Adegas, por atoparse actualmente nun avanzado estado de deterioro, a realización dunha drenaxe para a recollida das augas pluviais e ampliación da curva do camiño.

Tamén contempla a instalación de Rede de saneamento que actualmente non existe, e que se poñerá en servizo nun futuro cando augas abaixo se vaia completando a rede de saneamento municipal e exista un punto de conexión no límite. Para iso, se están deixando previstas as acometidas ás vivendas. Ao mesmo tempo se está instalando unha rede de pluviais e sumidoiros cuxas augas se recollerán nun novo colector de augas que irá situado baixo o vial.

A humanización inclúe ademáis a instalación dunha nova iluminación coa dotación de 3 columnas  troncocónicas, un novo cadro de mando e canalización para a rede eléctrica e para rede de telecomunicacións. Ademáis se colocará nova canalización para a retirada dos postes e cruces de cableado aéreo existentes no lugar, tanto da rede eléctrica como de telecomunicacións.

O investimento da actuación ascende a 79.259,39 €. Importe no que xa están incluidos os honorarios de dirección técnica (7.600 € dos que 3.200 € corresponden a redacción do proxecto, 3.200 € a dirección de obra e 1.200€ a coordinación de seguridade e saúde) e os impostos engadidos: o 13,00 %  de gastos xerais (6.469,70 €),  o 6,00 %  de Beneficio industrial (2.986,02 €) e  o 21 % I.V.A (12.436,75 € ).

Para a financiación desta reforma, a Alcaldía conseguiu unha axuda do Plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, por importe de 50.161,57 € equivalente ao 70 % do custo de execución da actuación, distribuído en dúas anualidades: 29.555,20 €  para o 2021 e 20.606,37 € para 2022.

O 24,14 % restante financiase coa Liña 1 do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. Un total subvencionado de 23.255,66 € distribuidos en 21.497,82 € para a execución de obra e 1.757,84 € para os honorarios técnicos.

En canto á financiación con recursos propios, a cantidade que inicialmente tiña que aportar o Concello (un total de 5.842,16 €)  conseguiu unha rebaixa no proceso de contratación pública da obra ata os 4.646,88 €. Un 5,86 % do total da actuación.