Domingo, 4 Maio de 2025

O alcalde da Cañiza asegura a permanencia de Avelaíña no concello cun convenio

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, manifestou onte “a satisfacción de continuar traballando con esta Asociación que leva dende o ano 2016 traballando neste Concello, no primeiro andar do Edificio Multiusos, a través do Programa Achego aproximando a atención á saúde mental e proporcionando o apoio necesario a moitos cidadás”. “A pesares de levar máis de 5 anos no Municipio, é a primeira vez que se asina un acordo de colaboración coa asociación, oficializando a relación co Concello, garantindo así a continuidade da atención na Cañiza”.

Avelaíña, cunha andadura profesional de 24 anos e centros na Guarda, Baiona, Ponteareas e A Cañiza, ten por finalidade procurar a mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias.

Presta os seus servizos nas instalacions do 1º andar do Edificio Multiusos, na rúa Progreso n° 21 onde dispón dun aula e dous despachos para atención grupal e individual.

As traballadoras sociais de Avelaíña detectaron en 2016 que a atención en saúde mental no ámbito rural do Condado-Paradanta era unha necesidade urxente.

No ano 2016, traballadoras sociais das comarcas de O Condado e A Paradanta  detectaron a gran urxencia e necesidade de atención en saúde mental e solicitaron a intervención na zona. No rural galego, a necesidade de recursos é aínda maior, pois se trata dunha poboación con escasos servizos e recursos públicos de proximidade, con dificultades de desprazamento ata as urbes pola falta de transporte e cun acusado envellecemento.

A Asociación Avelaíña decide responder a esta demanda e comeza a prestar atención á saúde mental nesta comarca, continuando co proceso de expansión iniciado anos antes noutras zonas de Pontevedra.

Deséñase o proxecto “Achego”, para intentar aproximar a atención sociosanitaria ás persoas con enfermidade mental e ós seus familiares en ambas comarcas.

Tras a selección do proxecto pola Federación de asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental de Galicia (FEAFES Galicia) e con fondos da Consellería de Política Social, o proxecto ponse en marcha, atopando unha situación máis grave da esperada.

Deséñase entón un programa máis amplo para as comarcas de O Condado, A Paradanta e o Concello de Salceda de Caselas, onde se plantexa un traballo máis comunitario no contexto do rural galego, creando un recurso de proximidade en saúde mental aberto á poboación.

Ao longo do 2020 Avelaíña A Paradanta atendeu a 60 persoas usuarias e 39 familiares no Servizo de Información e Asesoramento, das cales 51 persoas usuarias e 25 familiares eran residentes do Concello de A Cañiza, un total de 76 persoas.

Na actualidade, por mor da situación producida pola Covid-19, alertouse de que a necesidade de apoio en Saúde Mental era todavía maior  nunha gran porcentaxe da poboación.

Por iso o Concello da Cañiza decidiu oficializar esta colaboración para afianzar este servizo de achegamento da atención especializada en saúde mental e dar resposta a esta necesidade no Concello, reforzando o servizo de Información e Asesoramento como un servizo de proximidade e como primeira toma de contacto coas persoas que sofren, directa ou indirectamente, algún problema de Saúde Mental.