Sábado, 3 Maio de 2025

Luis Piña visita as instalacións da empresa Reciclados Plásticos La Cañiza SL

O alcalde da Cañiza visita as instalacións da empresa acompañado polo xerente, Guillermo Salgado, onde tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o seu funcionamento e a xestión dos residuos, baseado no procesado e recuperación final dos materiais recolleitos.

Cunha plantilla de 30 operarios, a maioría veciños da vila, a empresa comezou a súa actividade no ano 2017 coa posta en servizo dunha planta cunha superficie de 7000 m².  Actualmente está en pleno proceso de expansión na Cañiza.

En palabras de Luis Piña “dende o Goberno Local apostamos decididamente pola fixación de poboación. E para conseguir este reto, nun Concello e Comarca históricos, necesitamos continuar apoiando ás empresas xa asentadas e que forman parte dun dos motores da nosa economía e tamén crear novo chan industrial e comercial para captar novas empresas e xerar novas oportunidades de negocio e de traballo”.

Reciclados Plásticos La Cañiza SL

Unha empresa que está en pleno proceso de expansión e que aumentou a cantidade de residuos procesados en case 3.300 tonelades en 5 anos, pasando das 919 Tm en 2017 ás 4.200 Tm en 2022.  Este aumento productivo permitiu a apertura neste último ano dunha nova planta de provisión na Coruña para optimizar os residuos procedentes desa provincia. Ademais, a súa política de empresa contempla ampliar as instalacións da Cañiza para cubrir as esixencias da UE de aumentar as toneladas de envases reciclados en España.

No percorrido polas instalacións, o rexedor tivo a oportunidade de coñecer as dúas canles de producción da fábrica. A xestión dos residuos industriais das empresas xerados pola súa actividade produtiva ou de explotación e a xestión da recollida selectiva fora do fogar, é dicir, o contedor amarelo de envases lixeiros e o contedor azul para papel e cartón, xestión que se realiza en convenio con ECOEMBES.

Según Guillermo Salgado, xerente de Reciclados Plásticos Cañiza SL, “a labor que desenvolvemos na nosa empresa ten un gran impacto no medio ambiente xa que co noso traballo convertemos os residuos en materias primas que volven a ser reutilizadas”.

Continúa explicando que “actualmente temos en toda Galicia un sistema de recollida que abarca todo tipo de sectores (hostalería, alimentación, automoción, industria, centros comerciais, hospitais, centros de saúde, colexios, garderías, universidades, etc. Un total que supera as 1.200 instalacións”.