Martes, 6 Maio de 2025

Comeza a rehabilitación dos vestiarios do pavillón da Cañiza

O Concello da Cañiza adxudica á empresa DESARROLLOS URBANISTICOS JARMA SLU, por un importe de 45.980,00 €, as obras de rehabilitación da zona de vestiarios, duchas e pasillos do Pavillón Deportivo Carballo do Marco da Cañiza que faltaba por reformar.

Unhas obras que, segundo manifestou o alcalde, Luis Piña “manteñen a liña seguida pola política do Goberno municipal de rehabilitación e mantemento dos bens municipais existentes, aplicando rigor orzamentario, ao non ter que aportar o Concello ningún recurso propio para esta obra” . Ademais, “esta mellora permite ofrecer un servizo de calidade aos usuarios e dotar ao pavillón dunha apariencia actual e moderna”.

As obras están subvencionadas ao 100 % pola Liña 1 do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra e se corresponde coa mellora do outro 50 % da zona destinada a vestiarios, duchas e pasillos do pavillón.

Como xa comentou o alcalde o pasado 26 de outubro, na inauguración da reforma dun ala dos vestiarios, “o Concello tiña unha débeda con esta instalación deportiva, construida no ano 1983 e que actualmente é unha das máis utilizadas polos clubes da Cañiza, onde se desenvolven diariamente varias actividades e disputan importantes encontros e competicións deportivas. Durante os seus 37 anos de vida  os vestiarios apenas foron reformados polo que actualmente presentaban importantes deterioros estructurais acumulados ao longo do tempo”. 

Esta obra de rehabilitación está encamiñada a mellorar as condicións de salubridade e ventilación dos vestiarios másculino, feminino e dos árbitros

A obra consistirá na renovación das instalacións de electricidade e fontanería; execución de novos revestimentos en paredes da zona de duchas de todos os vestiarios  e pintado do resto de paredes; colocación dun novo pavimento vinílico antiescorregadizo no chan dos vestiarios e do corredor de acceso aos mesmos e sustitución do falso teito  de madeira por aluminio.