Sábado, 3 Maio de 2025

Apertura da nova rúa Regueiro da Cañiza grazas á Xunta

O departamento autonómico sufragou o 70% do orzamento para a apertura desta rúa, que contou cun investimento de 47.000€

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de rematar as obras de apertura da nova rúa Regueiro da Cañiza ao abeiro da nova convocatoria de axudas para a mellora de infraestruturas e equipamentos municipais.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta actuación de mellora realizada no centro urbano, financiada ao abeiro do Plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente, acompañado do alcalde, Luis Gómez Piña, e doutros representantes municipais.

“Temos un compromiso decidido coa mellora urbana da Cañiza, como capital da bisbarra da Paradanta, polo que vimos de rematar a apertura da rúa Regueiro, derivada dun convenio asinado entre a Xunta e o Concello a comezos do ano 2019 que sufriu retrasos por cuestións técnicas e de prazo, e xa estamos en disposición de continuar coa nosa colaboración  co municipio para mellorar o vial das Adegas en Valeixe”, explicou o representante autonómico.

Así, e ao abeiro do Plan Hurbe 2019-2020, o Concello da Cañiza recibíu o 70% do financiamento dos 47.000 euros para a apertura deste vial urbano, que entronca a estrada N-120 co aparcamento municipal ao aire libre situado nas inmediacións do Parque Heriberto Fuentes e da rúa Vilanova.

“Esta actuación orientouse a incrementar o atractivo da vila, mellorar un espazo público para a veciñanza, favorecer a súa accesibilidade, reforzar os servizos, aumentar a conectividade e impulsar a dinamización económica e social do casco urbano da Cañiza, ao tempo que seguimos modernizando lugares céntricos para toda a cidadanía”, explicou Luis López.

Ademais, esta acción co Plan Hurbe vai ter continuidade, xa que o Concello da Cañiza é un dos oito municipios beneficiarios da provincia de Pontevedra que van recibir fondos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a mellora de infraestruturas municipais, posto que a resolución da derradeira convocatoria, celebrada a pasada primavera, concedeulle 50.161 euros para a modernización do vial das Adegas, en Valeixe, que se acometerá ao longo deste ano.