Venres, 2 Maio de 2025

Agora Cañiza esixe do alcalde a adopción de medidas urxentes pola COVID-19

O voceiro de Agora Cañiza, Alexandre Iglesias, mantivo unha reunión co alcalde da Cañiza, Luís Piña, na que lle presentou un Documento de Propostas para afrontar as consecuencias económicas e sociais xeradas polo COVID-19 no municipio.

Iglesias demanda bonos sociais para familias vulnerables e bonos de 600 euros dirixidos a autónomos e comercios locais. Tamén esixe fraccionamento de tributos, unha páxina web e campañas promocionais que impulsen o comercio local, “bolsas comedor” durante o verán ou prezos máis baixos no ximnasio e na piscina na súa reapertura.

Para poder implementar as medidas, Agora Cañiza pide un Pacto pola Reconstrucción económica e social da Cañiza, formando unha Mesa de Traballo con todos os axentes políticos, económicos e culturais. Para o voceiro municipal vivimos un momento histórico no que “todos debemos estar á altura”. Son “tempos de unidade, responsabilidade e acorodos”.

Na reunión, Iglesias tamén falou da necesidade de cubrir a praza de médico de Valeixe, que leva un ano baleira, e a de pediatra da Cañiza, sen cubrir dende hai tres meses. “Coa COVID-19 aprendemos que é fundamental reforzar os servizos públicos e que a sanidade ten que estar protexida e coidada”, conclúe o voceiro de Agora Cañiza.