Domingo, 4 Maio de 2025

Adxudicadas as obras de rehabilitación da piscina climatizada da Cañiza

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, anuncia a adxudicación da obra de rehabilitación da piscina climatizada do municipio. A obra conta cun investimento total de 742.747,95 €, dos que 689.048,95 € corresponden á execución da obra, financiados pola Deputación de Pontevedra, e 53.699,00 € a costes de redacción de proxectos, dirección de obra e dirección de execución material e coordinación de seguridade e saúde.

Os costes de execución da obra están financiados ao 100% pola Deputación de Pontevedra que aportará 500.776,16 € a través do Plan extraordinario «REACPON» (Reacciona Pontevedra) e 188.272,79 € procedentes do PLAN CONCELLOS 2022-2023 LIÑA 1 de INVESTIMENTOS.

A empresa CIVIS GLOBAL, S.L.U, adxudicataria do contrato iniciado por procedemento aberto simplificado, disporá dun prazo de 10 meses, a partires da sinatura do contrato, para executar a reforma consistente en obras de reparación, mellora nas instalacións e renovación de acabados nos vestiarios da piscina, segundo a definición e requisitos incluídos no anexo ao proxecto de execución de rehabilitación enerxética da piscina municipal redactado polos arquitectos Jorge Nimo Silva e Carlos Mezquita Fernández visado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia en data 26.07.2021.

A reforma cambiará todo o sistema de climatización da piscina. Actuarase en todo o tellado para acadar un maior aislamento térmico. Se calefactará a zona de vestiarios e se sustituirá o uso de gas-oil por pellets co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e reducir os consumos.

Tamén se eliminará o vaso da piscina  pequena para incluir neste espazo unha sala polivalente de máis de 200 m2 e o vaso grande quedará a un nivel profundo de 1.30 m e 1.20 m nos laterais, reducindo considerablemente os consumos enerxéticos xa que a piscina tiña unha profundidade de 2m.

Outra das novidades deste proxecto será a nova zona de SPA que se situará no lugar que ocupaba a metade das gradas. Terá capacidade para 10 persoas e saunas húmidas e secas.

Unha nova etapa para a piscina

Segundo comentou Luis Piña “ábrese unha nova etapa para esta piscina, que conta con 27 anos de antigüidade”.

A piscina municipal climatizada da Cañiza abrirá de novo ao público a comezo do ano 2023 grazas á rehabilitación enerxética que comezará nestes días.

No mes de abril de 2020, paralelamente á declaración do Estado da Alarma provocada pola pandemia da Covid-19, o Concello adoptou a decisión de pechar as instalacións porque, ademais de atender á medida sanitaria, “existía unha perda acumulada de 180.000 € anuais que nos últimos 9 anos chegaba a 1.400.000 €”.

En palabras do rexedor da vila “cando se  decidiu non abrir a piscina en setembro do 2020, motivado polas inasumibles perdas económicas derivadas do mantemento da instalación (así como polo Estado de Alarma decretado polo Goberno), dende a Alcaldía adquirimos o compromiso de estudiar a viabilidade de poder continuar mantendo aberta esta histórica instalación municipal. Asumimos tamén o compromiso de buscar unha solución para reformar o edificio ata conseguir a súa eficiencia enerxética e funcional e tamén de buscar financiación para poder executar esta reforma”.