Sábado, 3 Maio de 2025

A Cañiza reunifica as paradas de taxis e as amplia para dar espazo a todas as licenzas do municipio e desaparecen as paradas parroquiais

Despois das tres reunións que nas últimas semanas se mantiveron cos taxistas da Cañiza e atendendo á actual normativa da Lei de Transportes, quedan unificadas todas as licenzas de taxis nunha única zona que é a do termo municipal desaparecendo as pardas parroquais. O alcalde Luis Piña, amosou a súa satisfacción polo consenso acadado que permitiu adoptar a decisión por unanimidade.

Co beneplácito dos 12 taxistas da Cañiza unificaranse na actual ubicación na rúa Vilanova. O alcalde Luis Piña xa deu instrucións para que se distribúan as 12 prazas, amplíense un pouco as existentes para que sexan máis cómodas e se instale un sinal vertical de parada de taxis.

O máis relevante da reunión mantida onte na Casa Consistorial é que esta medida conta co beneplácito de todo o colectivo.

Na reunión tamén estivo presente o xerente da plataforma online DBarrio, unha web de compra online e a domicilio nas tendas e bares e restaurantes locais que ten por obxectivo modernizar o pequeno comercio proporcionándolle a súa propia web de venta online a baixo custe.  

O xerente explicou aos taxistas a dinámica da web e a posibilidade de que poidan actuar como repartidores para o que terán que chegar a un acordo entre eles para consensuar os custes do reparto. Onte mantiveron un primeiro encontro que será madurado en futuras reunións.

Nos vindeiros días, o Luis Piña reunirase tamén cos comerciantes e hostaleiros para presentarlle este proxecto que pode modernizar, revitalizar e impulsar a economía local.