Domingo, 4 Maio de 2025

A Cañiza reformará as pistas de tenis municipais

A adxudicación da obra tramitouse por procedemento aberto simplificado a través da plataforma de contratación do sector público

O Concello da Cañiza levará a cabo unha reforma que substituirá a totalidade do pavimento deportivo das dúas pistas de tenis, nunha superficie total de 1.400 m2, cambiará todo o pechamento de protección perimetral e dotará a esta instalación deportiva de nova iluminación.

Unha actuación cun investimento inicial de 71.084,03 €, impostos incluídos, desagregados en 65.567,40 € correspondentes á execución da obra, 2.129,60 € de honorarios de redacción de proxectos, 2.359,5 0€ de honorarios de dirección de obra e 1.027,53 € para os honorarios de coordinación de seguridade e saúde. Estes honorarios foron adxudicados á empresa Calderón & Asociados Ingeniería Medioambiental.

A reforma está financiada ao 100 %. O Alcalde Luis Piña asinou o pasado 13 de marzo un Convenio de colaboración coa empresa RED ELÉCTRICA DE ESPAÑA S.A.U para financiar a obra por un importe 51.085,00 €. Ademais, e para financiar a cantidade restante, a Deputación de Pontevedra concedeu ao Concello o pasado 31 de marzo de 2023 unha subvención de 19.999,03 €, ao abeiro das axudas do Plan Concellos 2023, dentro da Liña 1 de investimentos.

No procedemento de licitación da obra presentouse soamente a mercantil PRACE SERVICIOS Y OBRAS S.A., que presentou unha oferta de 63.600,38 € e que comezará as obras nos vindeiros días.

Unha reforma que ten como obxectivo dar maior valor a esta zona deportiva, proxectando a renovación de todo o pavimento deportivo, pechamentos e iluminación. Todo o que permitirá optimizar a realización das actividades deportivas e ampliar os horarios de uso das mesmas.