Domingo, 4 Maio de 2025

A Cañiza recibe a visita do Presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil

Esta mañá visitou o Concello o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil, José Antonio Quiroga, para coñecer e tratar co alcalde, Luis Piña, as principais problemáticas relacionadas coas depuracións de augas residuais, saneamentos e limpeza de cauces de ríos así como dos sistemas de abastecemento de augas de consumo aínda que esta é unha competencia de Augas de Galicia da Xunta.

O alcalde explicou ao Presidente todo o traballo que dende hai ano e medio o Concello está desenvolvendo para dar luz a toda a infraestrutura de augas municipais da Cañiza.

Outro dos temas importantes da axenda desta reunión foi coñecer o estado dos informes que os técnicos da Confederación Hidrográfica están desenvolvendo en colaboración co Concello, para coñecer polo miúdo a situación real da depuración de augas da Cañiza.

Estes informes teñen como base e punto de partida o estudo integral realizado polo Concello sobre o estado das redes de colectores e depuración de augas residuais e o estudo técnico sobre as novas redes de alcantarillado que serían necesarias construir para que o servizo de saneamento chegue á maior parte do noso territorio, co obxectivo de ir camiñando cara a excelencia medioambiental. Estes estudos, presentados os pasados meses de outubro e novembro de 2020 polo Alcalde, revelaron que o 41% da nosa poboación non dispón deste servizo básico.

Os informes dos técnicos da Confederación levan xa uns meses en elaboración, cun amplo traballo de campo, e permitirán recoñecer as debilidades do Concello nesta materia para abordar axeitadamente as posibles solucións.