Sábado, 3 Maio de 2025

A Cañiza presenta o libro “Concha de Luneda”

O pasado 28 de decembro o alcalde Luis Piña, acompañado polo autor e escritor Xerardo F. Santomé, presentaron o libro «Concha de Luneda, a vida nunha cantiga». Un acto no que tamén participou como moderador Xosé Miguélez, profesor de música tradicional galega no Conservatorio de Ourense e estreito colaborador da Asociación Folclórica Gaiteiros da Xistra, promotor da edición e publicación desta obra dedicada a Concepción Rodríguez Alvarez.

Unha obra que segundo manifestou o seu autor non é soamente un libro de cancións e relatos folclóricos, senon unha expresión gráfica de todas as memorias e vivencias desta muller contadas nos últimos vinte anos da súa vida.

Unha historia que vai dende Barbeita (Monçao – Portugal) ata Luneda, pasando por Arbo e Parada de Achas. Unha historia real que narra cómo unha muller, ao igual que moitas outras do Paradanta e do Alto Minho portugués, enfrontouse a unha vida chea de traballos e esforzos nunha época extraordinariamente dura, nun lugar abandonado e afastado dos centros urbanos onde o benestar evolucionaba máis rápido.  

Un relato que abarca unha vida marcada pola diferenza de xénero e a relixión, esta última como o único abeiro posible para superar tanta desgraza.  Malia todo isto, o libro nos adentra tamén nunha historia de grandes vitorias individuais e sociais, chea de cantigas que aparecen nas páxinas desta publicación. Cantigas que presumen un final feliz.

Dende o Concello da Cañiza queren agradecer tanto ao autor do libro, Xerardo F. Santomé, como a todo o equipo e familia da Asociación Folclórica Gaiteiros da Xistra polo cariño, atención e dedicación que amosaron durante as últimas décadas por Concha e que culmina, despois do seu pasamento, coa publicación das memorias da súa vida e dos seus cantares.

O libro pódese adquirir na Cañiza nas librerías “PEPA” e “ESCRIBAN” por un prezo de 20 €.