Domingo, 4 Maio de 2025

A Cañiza mellora o convenio de colaboración con Avelaíña

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, manifestou esta mañá “a satisfacción de continuar traballando con esta Asociación que leva dende o ano 2016 traballando neste concello, no primeiro andar do Edificio Multiusos, a través do Programa Achego aproximando a atención á saúde mental e proporcionando o apoio necesario a moitos cidadáns”.

Con máis de 25 anos de experiencia, Avelaiña colabora na Cañiza atendendo aos veciños e aos seus familiares, dentro programa “Achego” e o “servizo de información e asesoramento en saúde mental”. Un servizo que ten como finalidade procurar a mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias.

Para A Cañiza supón a aportación de 1.093,70 euros máis, desagregados en 600 € de cuota fixa e outra variable de 493,70€. Estas dúas cantidades veñen a sumarse aos 1.825,49 € do convenio inicial, resultando un total de subvención anual de 2.919,19 euros.

Funcionamento de Avelaíña

Ademais, sempre que os profesionais valoren a necesidade, algúns usuarios do Centro da Cañiza se derivan á sede de Ponteareas que da unha cobertura mais ampla aos dous principais servizos de Avelaíña na Comarca de O Condado, A Paradanta e Salceda de Caselas.

Estes servizos son o Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral (CRPL) inaugurado no mes de marzo de 2022, de atención diurna, con 30 prazas concertadas co SERGAS e dirixido a persoas con trastorno mental grave, de idades comprendidas entre os 16 e os 60 anos.  30 prazas das cales 6 están ocupadas por persoas da Cañiza, o que supón un 20% do total.

E o outro servizo, igualmente importante é o desenvolvido a través do Programa Achego. Un programa de atención comunitaria á saúde mental, no rural, que comezou a súa andadura no ano 2016.

Nas Unidades de Apoio Comunitario (UAC) do programa, con sede en Ponteareas e na Cañiza, ofrece un servizo de información e asesoramento en saúde mental aberto a toda a poboación.  No pasado 2022 atenderon na Cañiza a 9 veciños.

Conta ademais cun servizo de Apoio Integral en saúde mental (psicoloxía, traballo social, educación social), atención de proximidade (para aquelas persoas que teñan dificultades para asistir á UAC) e accións socioeducativas de prevención e promoción da saúde mental.