Sábado, 3 Maio de 2025

A Cañiza instala 4 novos equipos de medición do caudal da auga da traída municipal

O Concello está traballando para solucionar as situacións de falta de auga que se veñen sucedendo nos meses de verán

Os novos caudalímetros situados na entrada de auga aos tanques, permitirán ao Concello da Cañiza coñecer en todo momento o aporte de auga procedente dos mananciais e dos pozos que subministran á traída.

«Os equipos instalados o pasado mes de novembro mellorarán a medición do consumo de auga potable. Unha ferramenta necesaria para que o  Concello poida ter un mellor control sobre o servizo de abastecemento de auga e optimizar a súa xestión. Esta medida permitirá tamén ter un maior control sobre a existencia de perdas ou fugas de auga potable na rede». Así o comentou onte o alcalde, Luis Piña, despois de visitar as obras.

A Cañiza conta con dous depósitos de auga. Un en Portoaugavella, o máis grande do  Concello cunha capacidade de 3.000 m3, e outro na zona de  Augas Férreas, cunha capacidade de 800 m3.

Ambas instalacións están conectadas e a elas van parar todas as augas das captacións de mananciais e pozos de barrena situados na zona do Pedroso e que das analíticas realizadas periódicamente descríbense como augas de alta pureza.

A instalación destes equipos de medida na entrada dos depósitos, ademais de permitir saber qué cantidade de auga entra nas instalacións en cada momento, permitirá tomar con tempo as medidas oportunas para evitar os cortes de auga, a falta de presión no servizo e outros inconvenientes que fan que este servizo municipal non se poida prestar adecuadamente nos meses de seca.

Esta actuación foi subvencionada ao 100 % cunha axuda da Consellería de Infraestructuras e Mobilidade da Xunta de Galicia, por un importe de 8.966,10 euros.

Na visita virada polo alcalde na mañá de onte, os técnicos describiron a execución da obra que consistiu na instalación de dous equipos de medición de caudal de tipo electromagnético. Un na captación por mananciais e outro na captación por bombeo de cada un dos depósitos.