Martes, 6 Maio de 2025

A Cañiza inaugura o novo pozo de barrena de subministro de auga de Portoaugavella

Esta semana inaugurouse o novo pozo de barrena que subministra auga ao depósito da traída municipal do Portoaugavella, no concello da Cañiza.

Cun investimento de 88.398,95 € esta obra hidráulica adxudicada á empresa COVSA, executouse grazas á financiación da Deputación de Pontevedra que a través da Liña 1 do Plan Concellos 2022 asumiu todo o coste da obra. O novo pozo ven a sumarse ao xa construido no mes de abril na zona do Rañadoiro cun investimento cercano aos 68.000 €.

A obra fai parte das actuacións desenvolvidas polo Concello da Cañiza para mellorar o actual sistema de abastecemento de auga potable ao casco urbano da vila e tratar de garantir o servizo.

O novo pozo de barrena, con 150 metros de profundidade,  conta cun motor capaz de aportar un caudal de máis de 5m3 /hora que bombea a un quilómetro de distancia,  salvando un desnivel de 60 metros, ata o depósito de cabeceira da traída municipal de Portoaugavella.

Segundo comunicou o rexedor, Luis Piña, esta mañá «dende o Concello estamos facendo un importante esforzo para asegurar e garantir o servizo de abastecemento, con todo solicítase á veciñanza que fagan un uso axeitado do consumo de auga, evitando regar, encher piscinas e outros usos que poidan por en perigo o subministro de auga potable, considerando as advertencias de todas as administracións públicas orientadas á facer un uso responsable da auga, tendo en conta que a vaga de calor e tempo seco persistirá durante todo e verán e non se prevén precipitacións a curto prazo».

Ademais, para que o sistema de bombeo funcione en automático e á demanda, ten instalado un sistema de telemando entre a captación e o depósito, de maneira que a bomba de captación arranca automáticamente ante a necesidade de auga.

Novamente, o alcalde Luis Piña recorda que a rede necesita de actuacións para alcanzar un estado adecuado da infraestrutura do servizo de auga, valorada en preto de 3 millóns de euros.