Domingo, 4 Maio de 2025

A Cañiza estrea unha escultura de Diego de Giráldez

Baixo o título “La humanidad y el trabajo”, a obra luce no parque de Heriberto Fuertes, na rúa Vilanova do concello da Cañiza.

Unha obra esculpida en bronce cunha altura de 115 cm e 0.72 cm de ancho, valorada en máis de 24.000 euros, na que o autor quixo doar todo o seu traballo e creación, cobrando únicamente ao Concello os gastos do material. Un total de 13.260 € (IVE incluído).

Unha contribución impagable deste pintor, escultor e anatomista de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional e tamén Fillo Predilecto do Concello da Cañiza.

En palabras do seu autor, a obra de arte “La humanidad y el trabajo” fai referencia ao home no planeta terra e ao legado, en forma de traballo, que a especie humana deixa ás xeneracións futuras. Un legado que se transmite a través do traballo, utilizando a MAN como instrumento e ferramenta.

Ademais da parte simbólica, esta obra ten un grande traballo no referente á morfoloxía anatómica. Materia na que Diego de Giráldez é tamén un dos grandes mestres.

“A mente pensa, e a man executa”, esta é a principal simboloxía que expresa esta nova xoia do Patrimonio Arquitectónico do municipio.

En palabras do alcalde da vila, Luis Piña, “esta nova obra de arte que, dende hoxe, luce no Parque da Cañiza, quedará tamén como o legado de Diego de Giráldez á súa Vila Natal. Unha pegada máis que ven a engrandecer o orgullo e admiración que todos os cañicenses sentimos polo noso máis grande artista”.