Sábado, 3 Maio de 2025

A Cañiza consolida o seu Entroido de Verán organizado polo Club Balonmán Cañiza

Preto de 2.000 persoas participaron na segunda edición do entroido de verán da Cañiza

O que comezou como unha tímida aposta do Club Balonmán Cañiza por dinamizar o verán, organizando para a época estival un Entroido de Verán, precisou tan só de dous anos para consolidarse, seguir medrando e ser un elemento dinamizador do tempo de lecer, comercio local e a hostalaría. Do éxito desta segunda edición, celebrada o pasado sábado, falan ben ás claras as 2.000 persoas que participaron nun Entroido de Verán que chegou para quedarse. O evento, organizado polo CB Cañiza involucra ao comercio local, hostalería, asociacións de servizos sociais e ao propio concello.

Comezaba o día gris con nubes e choiva o que levo á organización para trasladar o pregón ás cinco da tarde. Un pregón que serviu para que A Cañiza fixese a súa particular homenaxe a José Castro, afamado deseñador cañicense, recentemente falecido. Como a el gustaríalle, moita cor, música e palabras alegres e festivas para arrincar oficialmente o entroido.

[su_image_carousel source=”media: 75076,75079,75077,75081,75080,75082″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A Charanga SDK de Ponteareas foi a encargada de poñer música polas rúas do pobo animando á xente que enchía as terrazas dos locais, mentres que inchables, pintacaras e xogos organizados pola Asociación Redecría compoñían unha zona infantil para o goce dos máis pequenos.

Ás 19:00 h chegou o gran momento co desfile do entroido que partindo desde a emblemática Carballeira do Cacharado, percorreu todo o centro urbano ata chegar á Praza Maior onde se entregarían os premios aos mellores disfraces e comparsas. O certo é que desde a cabeceira do desfile non se vía o final da mesma de tantas persoas que participaron e outras tantas que asistían desde beirarrúas e balcóns ao espectáculo.

O xurado valorou durante o desfile a comparsas e disfraces para entregar os premios achegados pola asociación de comerciantes da Cañiza por importe total de 1500 €. “A voda do ano”, comparsa con noivos, padriños, convidados e ata un Seat 600 foi a gañadora dos 700 € que compoñía o primeiro premio. Durante a celebración o “Emperador Romano” Luís Piña, alcalde disfrazado para a ocasión, oficiou in situ a voda, iso si, baixo as leis romanas.
Xa para a noite, quenda da sesión DJ que encho de música e baile a Praza Maior da Cañiza ata altas horas da madrugada ao ritmo que marcaban os Djs Krhis Rguez, Gabry D e Diego Mei.

O entroido despídese, pensando xa na seguinte edición para seguir crecendo e enchendo de cor o verán cañicense.