Mércores, 7 Maio de 2025

A Cañiza conmemorou o centenario da fundación do seminario de estudos galegos

A Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da man do seu fundador Xosé González Martínez, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, Concello da Cañiza, Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o párroco da Franqueira, promoveron este domingo 7 de maio, ás 19:00 h, no adro da Igrexa da Nosa Señora Santa María da Franqueira, un acto público para conmemorar o centenario da fundación do seminario de estudos galegos.

Un acto no que se inaugurou un monolito na honra e memoria do poeta Ramón Cabanillas, autor do “Romance da loita entre o mouro e o cristián”, que se escenifica na romaxe de verán da Nosa Señora de Santa María da Franqueira.

O monolito descuberto o domingo foi elaborado pola Escola de Canteiros de Pontevedra coa seguinte lenda: “Na memoria do poeta D. Ramón Cabanillas, autor do “Romance da loita entre o mouro e o cristián” a instancias do seu mecenas D. Enrique Peinador Lines, que se escenifica neste lugar na celebración da Festa da Franqueira. Centenario da Fundación do Seminario de Estudos Galegos.”

A rolda de intervencións abriuse con Xosé González Martínez, fundador da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, seguido de Clodio González Pérez, mestre (xubilado), etnógrafo e historiador, membro da Real Academia Galega; do Museo do Pobo Galego; do Consello da Cultura Galega.; do Instituto de Estudos Tudenses e do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, quén conferenciou sobre as tradicións da Franqueira. A Continuación tomou a palabra o Párroco do Santuario da Franqueira, Xavier Alonso Docampo seguido do Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García. O acto pechouse coa intervención do alcalde da Cañiza, Luis Piña.