Sábado, 3 Maio de 2025

A Cañiza cambiará os radiadores eléctricos de 15 centros sociais e salas de velacións por estufas de pellets

O Concello da Cañiza mantén a súa aposta pola eficiencia enerxética co cambio das calefaccións eléctricas dun total de 15 centros sociais e salas de velacións parroquiais, obras que contarán cun investimento de 62.781,53 € e que contarán, tal e como adiantou o alcalde da Cañiza, Luis Piña, cunha subvención de 56.503,34 € da que o Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético do Ministerio para a Transición Ecolóxica do Goberno de España achegará un total de 50.225,16 € e a Deputación de Pontevedra 6.278,18 €. Pola súa banda o Concello achegará de fondos propios unha cantidade similar, 6.278,19 €.

Enmarcada no Proxecto Instalacións de Biomasa Sostibles I, permitirá substituir os sistemas de xeración de enerxía térmica actuáis, é dicir, a calefacción eléctrica, por estufas de biomasa de pelets  cunha potencia nominal total de 168 KW.

As instalacións que se verán beneficiadas polo cambio serán o Centro Cultural do Cebreiro (A Franqueira), Centro Cultural do Couto, Antiguo Colexio do Feirón (nas dúas prantas), Antiguo Colexio de Petán, Cafetería da Casa de Cultura da Cañiza, Centro Cultural do Pateiro, Centro Cultural de Luneda, Consultorio Médico de Valeixe, Biblioteca de Valeixe, Casa da Irmandade de Valeixe, Sala de Velacións de Valeixe, Sala de Velacións do Couto,  Sala de Velacións de Luneda, Sala de Velacións de Petán e Sala de Velacións de Deva. 15 en total.

Esta axuda do Ministerio para a Transición Ecolóxica subvenciona todas aquelas actuacións singulares dos Concellos que teñan por obxectivo e favorezan o paso dunha economía baixa en carbono no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.

A proposta da Alcaldía, a solicitude foi tramitada ante o IDAE pola Deputación Provincial de Pontevedra  o pasado en outubro do 2020 e forma parte do proxecto Instalacións para o uso térmico de biomasa no que ademáis da Cañiza, tamén participan os Concellos de Cangas, Portas, Tomiño, Redondela e Vilaboa.

O Concello da Cañiza asinará en breve un Convenio de Colaboración coa Deputación Provincial para a execución desta actuación que dirixirá, xestionará e tramitará directamente a administración provincial.