Sábado, 3 Maio de 2025

A Cañiza asina un convenio con Cáritas para colocar 2 contedores de recollida de roupa

O Concello da Cañiza vén de asinar un convenio de colaboración, con Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, para a colocación de dous contedores de recollida de roupa e a posta en marcha dun servizo de roupeiro.

Os contedores de roupa estarán colocados na Casa da Cultura da Cañiza, e no espazo do aparcamento da rúa do Regueiro.

Ademais, coa sinatura deste convenio, Cáritas pon a disposición dos servizos Sociais do Concello un servizo de roupeiro para suplir as carencias de vestimenta das persoas máis necesitadas do municipio.

Segundo manifestou esta mañá o rexedor da vila, Luis Piña, «colaboramos con Cáritas no seu proxecto de inclusión socio laboral dirixido a persoas en situación de risco e na entrega de roupa de segunda man ás persoas máis necesitadas».

A empresa encargada de colocar, conservar e recoller a roupa destes contedores, así como de desenvolver un tratamento axeitado de cada peza e distribuila é Servicios Comerciales de Inserción Laboral EIL SL, constituida por Cáritas co obxectivo de situar ás persoas en situación de risco nun contexto e posición favorables para exercer os seus dereitos de cidadanía en igualdade de oportunidades.

Na sinatura do convenio, a empresa responsabilizouse da imaxe dos contenedores e de mantelos correctamente, de xeito que poidan estar continuamente en funcionamento. Tamén se  responsabilizou a contratar a correspondente póliza de seguro de danos a terceiros.

A vixencia do convenio será de dous anos a partires da súa sinatura e será prorrogable no caso de que ambas partas así o decidan.