Xoves, 13 Novembro de 2025

Nigrán presenta o Plan Estratéxico de Subvencións ata o ano 2023 con novas axudas

0

O goberno de Nigrán presentou esta mañá na Comisión de Contas previa ao pleno do vindeiro luns o plan estratéxico de subvencións 2020-2023 co obxectivo de que queden consignadas xa nos respectivos orzamentos. Como en anos anteriores, mantéñense igual as habituais axudas a actividades deportivas, culturais, participación veciñal, servicios sociais, educación (material escolar) ou empregabilidade (becas para o primeiro emprego ou oficina de turismo) e engádense importantes novidades como axudas ás comunidades de augas ou subvencións directas a varias entidades. Tamén como en anos anteriores, o Concello destina 56.000 € á bonificación a súa veciñanza do Transporte Metropolitano de Galicia na área de Vigo.

“Trátase de fomentar desde o Concello a realización de actividades de utilidade pública ou interese social a través dun plan que mellora a eficacia na asignación de recursos públicos; a experiencia do anterior plan levounos a manter as mesmas axudas incorporando agora aspectos novos e, por vez primeira, liñas directas”, resume Juan González, alcalde de Nigrán.

Así, entre as principais novidades desta proposta de competencia plenaria figura unha liña de subvencións de 10.000 € ás comunidades de augas do municipio coa finalidade de mellorar as instalacións ou regularizar estas captacións privadas destinadas a dar un servizo a unha pluralidade de veciños. “En parroquias como Camos ou Chandebrito, onde non chega o abstecemento público a todo o territorio, estas comunidades son as que precisamente garanten este servizo básico aos veciños, polo que desde o Concello consideramos que debemos compensar o seu esforzo coa nosa axuda económica”, explica González.

Por outra banda, o Concello inclúe por vez primeira unha nova liña de axudas directas a tres entidades: Esperanza do Val Miñor para a organización do seu campamento inclusivo (2.500 €); Fundación Menela (4.000 €) para a realización do programa ‘Xacobeo Autismo’; e a ONG ‘Solidariedade Galega co Pobo Saharaui’ (2.500 €) para a proxectos de cooperación ao desenvolvemento, axuda humanitaria ou sanitaria, formación ou o programa ‘Vacacións en Paz’ suspendido este verán polo Covid-19. “Son tres entidades coas que anualmente colaboramos e coas que desexamos manter ese compromiso, polo que consideramos preceptivo incluilas na Plan Estratéxico de Subvencións 2020-2023”, resume.

Arbo inicia a contratación para a posta en marcha do seu Centro Social

0

Na sesión extraordinaria do Pleno da Corporación celebrada do día 8 de xullo  de 2019, adxudicába o  contrato de compravenda do inmoble sito no lugar de Chan, facendose efectiva a compra coa sinatura ante notario o 17 de xullo de 2019 para destinalo a centro social para a terceira idade.

Dito inmoble adquírese co fin de situar no mesmo o Centro Social para a Terceira Idade e o futuro Punto de Atención Infantil (P.A.I), complementando as actuais instalacións e servizos que posúe este Municipio e destinados a este colectivo cada vez máis numeroso en concellos do rural, como Arbo.

Con data 11 de marzo de 2020 o Concello de Arbo, asina un convenio de colaboración coa Consellería de Política Social para o financiamento das obras de acondicionamento dun inmoble para Centro Social. O obxecto deste convenio é o de establecer as bases de colaboración entre as partes que o asinan para o financiamento das obras de acondicionamento do inmoble, que se destinará a actividades de promoción da autonomía persoal e/ou prevención da dependencia.

Para o financiamento do investimento obxecto deste convenio, o Consorcio comprométese a achegar ao Concello a cantidade máxima de 200.000euros durante os anos 2020 e 2021.

Coas obras neste  inmoble destinado a Centro Social, tense en conta a media de idade de poboación de Arbo que é moi elevada, cun número relevante de persoas  maiores de 65 anos, sendo unha poboación moi envellecida. Polo tanto, unha parte importante da poboación arbense son persoas que poden ser susceptibles de precisar coidados por parte de terceiras persoas, ben de familiares ou ben externas as súas familias.

Arbo ten una necesidade imperiosa de contar cun servizo como este Centro Social. Con el daríase resposta, á demanda, que na actualidade non dispoñen dun centro destas características en Arbo. Sen saír dos límites do seu municipio. Aínda que esta xa é unha demanda real, co paso dos anos será aínda máis perentorio.

Por este motivo, e ante esta situación, este Centro Social para a Terceira Idade  é imprescindible por ter como misión principal a acollida, entretemento e  coidado deste colectivo – informa o alcalde do Concello Horacio Gil – as súas instalacións responderán ás necesidades dos maiores neste eido, ao tempo que disporá dos espazos recreativos e de esparcemento necesarios. Polo tanto, o proxecto ten un marco social como é o fomento da cooperación e interación entre os maiores para evitar o seu illamento, e manter as persoas maiores ben atendidas nas súas necesidades básicas co equipamento necesario, formadas e informadas das súas posibilidades no melloramento da calidade de vida – remata Horacio Gil.

Tui celebra as Vodas de Ouro da Biblioteca Pública con actividades para todos os públicos

0

A Biblioteca Pública Municipal de Tui cumpre 50 anos de actividade en Tui. As súas primeiras instalacións estiveron na casa do concello e dende 2003 conta con 400 m2 na Área Panorámica. Onte a concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicentes, e o técnico da Biblioteca, Rafael Sánchez Bargiela, presentaron en rolda de prensa o programa conmemorativo deste aniversario, que se desenvolverá até o 24 de outubro, cando precisamente se celebra o Día da Biblioteca.

Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura, destacou hoxe que “as bibliotecas son espazos para interactuar, socializar e ampliar fronteiras, para crecer coma persoas”. Indicou a edil coma co traslado da biblioteca ao edificio na Área Panorámica melloráronse as instalacións que contan arestora con 65 postos de lectura para adultos, e 24 na sala infantil, 6 ordenadores, acceso wifi libre e gratuíto, consulta de xornais e revistas, libros electrónicos…

Apuntaba que “se guiremos facendo melloras nestas instalacións, porque para nós é fundamental, as bibliotecas teñen que estar a carón da cidadanía, e teñen que medrar coa sociedade”. Tiña amais palabras de recoñecemento para Dolores Martínez Gamallo, que foi bibliotecaria tudense nas últimas décadas, e de agradecemento á cidadanía por achegarse á Biblioteca.

O técnico da Biblioteca, Rafael Sánchez Bargiela, foi o encargado de explicar o programa de actividades previsto estruturado en tres liñas. A primeira delas son actividades para rapaces e adolescentes dentro do programa Ler Conta Moito da Consellería de Cultura, no que haberá un obradoiro de Contacontos ‘Dada o duente’ (22/09), contacontos ilustrados ‘Dulcinea a nena cabaleira’ con Anxo Fariña (29/09); contos para pasalo de medo con Carmen Domech (06/10) e contos para bebés con Pavís Pavós (13/10). A segunda liña son actividades para público en xeral nas que se inclúe a coa presentación dos libros ‘Historia militar de Tui a través de los siglos’ e ‘Muíños do concello de Tui’ de Ernesto Iglesias Almeida celebrada o pasado xoves; a presentación do libro ‘Memorias dun pobo, Santiago de Malvas’ de Raimundo Martínez (02/10), e a exposición ‘Camiño do Humor’ de Dávila que no mes de outubro se poderá visitar na Sala de Exposicións Municipal.

A terceira liña xirará entorno ao Día da Biblioteca, o 24 de outubro. Así haberá o martes 20 un encontro con escritores tudense e valencianos no que está xa confirmada a presenza de Marga do Val, Conchi Regueiro e Diego Alfonsín, pendente de sumar unha escritora valenciana. O mércores 21 no Teatro Municipal haberá un encontro con Paula Carballeira, escritora e animadora á lectura. O xoves 22 Raquel Queizás achegará o contacontos ‘Travesías’, e o venres 23 terá lugar unha xornada entre bibliotecas municipais de Galicia e do Norte de Portugal, onde porán en presentarán as actividades de animación á lectura, entre elas os dez anos do programa ‘Tui Le’. Na mesma xornada terá lugar unha ruta literaria por Tui. A actividade pecharase o sábado 24, Día da Biblioteca, coa entrega dos recoñecementos ao lectores da biblioteca tudense.

Todas as actividade teñen aforo limitado e precisan inscrición previa na propia Biblioteca ou no correo [email protected].

Redondela acolle un curso da AFG sobre xestión de xuntas reitoras de comunidades de montes

0

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) está a desenvolver este segundo semestre do ano un amplo programa formativo dirixido a mellorar o manexo silvícola do monte. Esta semana ten previsto un curso en Redondela no que se abordará a xestión de xuntas reitoras de comunidades de montes. Será o sábado 26 en horario de mañá no centro cultural Chan das Pipas, en Saxamonde.

O obxectivo do curso sobre xestión de xuntas reitoras é revisar os aspectos básicos de cara a mellorar o funcionamento das comunidades. A acción formativa aborda as seguintes cuestións, entre outras: organización e administración da comunidade, lexislación aplicable, planificación da xestións dos recursos do monte e réxime fiscal ó que están sometidas as comunidades de montes.

De cara a garantir a correcta prevención de riscos, todas as persoas asistentes deberán levar mascarilla en todo momento. Haberá ademais xel hidroalcohólico a disposición das persoas asistentes e procurarase no posible manter axeitadas distancias de seguridade.

Os cursos, que contan co apoio de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, son gratuitos, pero é precisa a inscripción previa, ben a través do enderezo electrónico [email protected], ben a través dos teléfonos 986 660 864, 981 564 011 ou 618 752 214.

Unha persoa precisa asistencia médica tras producirse un incendio en Gondomar

0

Un lume nun alboio, obrigaron a intervir aos profesionais sanitarios para atender a unha persoa que sufriu diferentes problemas a raíz do incendio.

Este incidente produciuse onte, cando un veciño de Gondomar padeceu unha crise nerviosa como consecuencia dun lume que queimou parte dun alboio con herba seca.

Neste caso, o 112 Galicia activou aos Bombeiros de Baixo Miño e GES de Val Miñor, respectivamente, en canto recibiu a chamada de alerta ás 20:30 horas de onte, en Mañufe (Gondomar). 

A Casa do Concello de Baiona tínguese de verde para conmemorar o Día Mundial do Alzhéimer

0

A Casa do Concello de Baiona tinguiuse esta pasada noite de cor verde. Con esta iniciativa o Concello baionés sumábase a conmemoración do Día Mundial do Alzhéimer, efeméride instituida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e auspiciada por Alzhéimer Disease Internacional ( ADI) en 1994.

Con este xesto o Concello de Baiona Con busca dar visibilidade e apoio sobre a situación de ao redor de 3,5 millóns de enfermos e familiares que conviven con esta enfermidade en España.

Doutra banda, onte luns comezaban as actividades do obradoiro ‘Cultiva a Mente’, que se desenvolverá ata finais de xuño do próximo ano. A iniciativa posta en marcha dende a Concellería de Servizos Sociais xurdiu logo das diversas reunións entre o alcalde de Baiona, Carlos Gómez e a concelleira, Concepción Vara, coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias dexenerativas ‘AFAGA’, en busca de dar prevención e asesoramento á demanda de veciñas e veciños, maiores de 55 anos.

Nesta primeira edición, que arrincaba no Multiúsos Anxo Bedriñana e que se realizará todos os luns ata o mes de xuño, conta coa participación de 13 veciñas e veciños do municipio, que dunha forma didáctica experimentarán novas aptitudes e experiencias para levar a cabo no seu día a día, exercitando a súa mente e fomentando a socialización.

Durante o estado de alamar o Concello de Baiona e AFAGA estableceron un seguimento das persoas que estaban a participar neste programa.

Ponteareas súmase ao Día Europeo Sen Coches con actividades que buscan promover o uso da bicicleta

No marco da Semana Europea da Mobilidade, Ponteareas súmase ao Día Europeo Sen Coches cunha xornada de actividades que terá lugar mañá martes e na que se promoverá o uso de bicicletas como alternativa para os desprazamentos, así o anunciou o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, que adianta que por vez primeira Ponteareas se suma ao evento anual “A cidade sen coche” no que en 2019 participaron 3.136 cidades europeas.

Durante todo o día, o establecemento Toñi Porto Bicimecánica ofrece revisión de balde de bicicletas. Ás 16:30 abrirase a ciclovía da Praza da Perillana, unha rúa perimetral da praza que a partires do día 22 pasa a estar reservada de maneira permanente para o uso da bicicleta, permitíndose unicamente o acceso a garaxes a 10 km/h e con preferencia de bicis e peóns. Ás 17:30 na rúa Rogelio Groba iniciarase a actividade ‘Ponte no seu lugar’, en colaboración con Adapta, coa que os participantes poderán vivir a experiencia das dificultades de mobilidade nunha cadeira de rodas. A partires das 18:00 h procederase a pechar ao tráfico a rúa Constitución e a Praza de Bugallal, xenerando un amplo espazo sen vehiculos xunto coa Praza Maior, Rúa da Esperanza e Rúa de Oriente. Nese espazo desenvolverase unha xincana en bicicleta en colaboración co Club Ciclista Ponteareas e Biziebike con agasallos para todas e todos os participantes.

Ponteareas participa dende o 16 de setembro na Semana Europea da Mobilidade que desenvolve unha campaña de ámbito europeo destinada a sensibilizar á sociedade sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche nas cidades e vilas, tanto para a saúde pública como para o medioambiente e os beneficios do uso de modos de transporte máis sostíbeis coma o transporte público, a bicicleta ou os desprazamentos a pé. A Semana Europea da Mobilidade celébrase desde 1999 do 16 ao 22 de setembro con actividades para promocionar a mobilidade sostíbel.

Esta iniciativa da resposta ás peticións feitas polos propios nenos e nenas que reclamaron en distintas ocasións espazos específicos para a práctica segura de actividades de tempo de lecer e vai na liña dos proxectos iniciados para posicionar Ponteareas como Cidade Amiga da Infancia.

‘Avelaíña’, vencedor do LIII Concurso de Gaitas do País de Ponteareas

O grupo de Gaitas Avelaíña, da localidade coruñesa de Teo, proclamouse este sábado gañador do LIII Concurso de Gaitas do País celebrado en Ponteareas. A segunda posición logrouna o grupo Arghaço (Vigo) mentres que Laghareu (Santiago de Compostela) obtivo a terceira posición e Érbedo (Salvaterra de Miño) a cuarta. Esta foi a decisión final tras unha longa deliberación do xurado, composto nesta ocasión por Nadia Vázquez, José Manuel Gil, Antonio Gutiérrez, Xulia Feixoo, Sabela Olivares e Óscar Ibáñez.

Ademais, pola súa ampla traxectoria neste concurso, o Concello de Ponteareas fixo unha mención especial aos músicos Marcos Castro González e José Carlos Estévez Rodríguez, participantes un ano máis no Concurso de Gaitas.

O Concello de Ponteareas, a través do concelleiro de Cultura Fernando Groba, agradécelle á Fundación Artesanía de Galicia a súa colaboración co concurso por outorgarlle ao grupo gañador unha gaita do Obradoiro de Gaitas Gil e un tamboril co selo de Sanín Percusión Tradicional, que se suman ao premio de 1.800€ outorgado polo Concello de Ponteareas.

Fernando Groba sinalou que “a pesar da situación na que estamos púidose celebrar unha nova edición deste concurso con todas as garantías sanitarias e cun altísimo nivel de calidade, como recoñeceu o propio xurado, o que demostra a fortaleza e importancia do noso Concurso de Gaitas”. Neste sentido, Groba agradeceu aos grupos participantes “que co seu talento ano tras ano poñen en valor a nosa tradición e logran manter o nivel deste concurso como un dos máis importantes do país”.

Baiona celebra mañá martes o ‘Día sin coche’

0

O Concello de Baiona celebra mañá martes, 22 de setembro, o día da ‘Cidade sen coche! idea que ten a súa orixe na iniciativa europea da ‘Semana Europea da Movilidad’, que pretende atopar novas solucións aos problemas asociados ao aumento do tráfico nas cidades. Na carpa situada na praza do Concello de Baiona expoñeranse un vehículo eléctrico e outro híbrido para que os cidadáns achéguense a coñecer os beneficios desta nova modalidade de automóbiles. Os vehículos foron cedidos por un concesionario da localidade.

Así mesmo e como forma de concienciación da cidadanía, previuse unha zona no centro restrinxida para o paso de vehículos que comprende Carabela Pinta, zona peonil, (cruzamento con Ciudad de Vigo) e o acceso ao Casco Antigo da vila. Concretamente a Rúa Diego de Carmona (cruzamento con Hortas Reais), unión de rúa Conde con Ventura Misa, entrada ao casco por hotel Pinzón e entrada ao casco desde Santa Liberata. O acceso está prohibido aos vehículos de motor, excepto urxencias, todo o día.

Con iniciativas como esta contribúese a sensibilizar á poboación e fomentar hábitos de mobilidade sostible e saudable xa que se avanza cara a unha situación de mobilidade sostible, abordando un conxunto de propostas de actuación encamiñadas a promover a intermodalidad cara a formas de transporte con menor consumo de enerxía e unha diminución do uso do vehículo privado.

O alcalde, Carlos Gomez Prado, destacou que “o obxectivo con estas iniciativas é cambiar hábitos de mobilidade para conseguir que ‘Baiona sexa unha cidade máis sostible e accesible’” Gomez anima á cidadanía para “deixar por un día o coche e sumarse a este proxecto que ten como fin a concienciación. Ademais desta forma contribuímos a contaminar menos, reducir o ruído e as emisións de CO2”.

Por outra banda, o primeiro tenente alcalde e concelleiro de seguridade cidadá, Óscar Martínez, sinala a importancia e beneficios “do uso de modos de transporte máis sostibles como o transporte público, a bicicleta e as viaxes a pé, así como promover e proporcionar unha visión máis urbanística e diferente co obxectivo de municipios e #cidade accesibles”.

O tema elixido pola Comisión Europea para a campaña deste ano é ‘Por unha mobilidade sen emisións’. Esta temática reflicte o ambicioso obxectivo de alcanzar a neutralidade nas emisións para o ano 2050, recollido no Pacto Verde Europeo que tamén pretende resaltar a importancia da accesibilidade a sistemas de transporte de cero emisións e promover un sistema inclusivo para todas as persoas: mellor saúde, maior calidade de vida, menos contaminación.

María Fandiño, premio ‘Simonetta Bastelli’ de arquitectura pola ‘Explanada do Horizonte’ do Rosal

0

A arquitecta María Fandiño acaba de gañar o premio internacional de arquitectura e natureza Simonetta Bastelli na categoría xove polo seu proxecto para a Explanada do Horizonte do Rosal. O xurado destacou o traballo feito por Fandiño nesta obra na que, tras un “atento e minucioso análise de coñecemento do lugar e da súa historia evolutiva, propón un novo capítulo para o seu desenvolvemento, cun deseño mínimo pero eficaz, utilizando técnicas e materiais que aínda sendo propios do sitio constrúen a súa nova identidade”.

Dende o Concello queremos felicitar a arquitecta por este galardón, que recoñece a nivel internacional o gran labor feito por María Fandiño no proxecto de revalorización e mellora deste tramo do Camiño de Santiago ao seu paso polo Rosal, co que tamén se dotará a Portocelo dunha nova área de esparexemento para os veciños. “O obxectivo do proxecto é recuperar a memoria do sitio, restaurar o ecosistema costeiro e devolver un lugar para quedarse cara o horizonte”, recolle a arquitecta na presentación do proxecto. Trátase de remodelar “o tramo da costa, mirando a estrutura, a topografía, analizando as súas proporcións, redibuxando o tramo cun vocabulario propio: as terrazas”.

A este galardón preséntanse propostas de proxectos europeos de intervencións arquitectónicas en catro categorías diferentes (profesional, xove, estudante e tese de doutoramento) que se dan a coñecer nun congreso internacional en Italia no que se tratan temas sobre accións no territorio e cambio climático. Este ano, debido á crise sanitaria, os proxectos presentáronse en formato virtual.

Fandiño tamén recibiu unha Mención de Honra na categoría senior pola súa iniciativa ‘Marxes Líquidas: proxecto de acondicionamento do Río Miño ao seu paso pola cidade de Tui’, que fixo xunto con Miriam García.

Quince persoas desempregadas de Nigrán poderán participar nun curso de acompañante de comedor e de transporte escolar

0

A Fundación Érguete-Integración, Deputación de Pontevedra e o Concello de Nigrán presentaron esta mañá no Centro Antena o curso ‘Acompañante de transporte escolar e comedor escolar’ de mellora da empregabilidade para 15 en paro. Ao acto acudíu o alcalde de Nigrán, Juan González; a presidenta da fundacion, Carmen Avendaño; e o deputado provincial Carlos López Font.

O proxecto Emprego Inclusivo, promovido pola Deputación de Pontevedra, e desenvolvido coa colaboración do Concello de Nigrán, está pensado para mellorar a empregabilidade das persoas situación de desemprego, facilitando a súa incorporación ou reincorporación ao mercado laboral, mediante formación ou capacitación técnica e prácticas en empresa, e Itinerarios Individualizados de Inserción, que engaden á formación, os servizos de orientación e intermediación laboral. Precisamente, este curso foi programado atendendo a unha maior demanda destes perfís laborais motivado polo Covid-19.

No curso, de 210 horas, aprenderán a realizar as tarefas de coidado e atención dos alumnos usuarios do servicio de comedor, inculcando bos hábitos alimenticios e ensinando ós nenos a comer de xeito saudable, e o control das saídas e entradas dos alumnos para que ningún abandone o recinto sen permiso. Na parte de acompañante de transporte escolar: o coidado dos menores durante o transporte e as operacións de acceso e abandono do vehículo, así como, no seu caso, da recollida e acompañamento dos/das alumnos/as dende e ata o interior do recinto escolar.

Paralelamente, Concello, Érguete e Zona Franca están a desenvolver un curso de auxiliar de comercio en Porto do Molle dirixido tamén a mellorar a empregabilidade entre persoas en busca activa de emprego.

A Eurocidade Cerveira-Tomiño e o Consorcio de Bidasoa Txingudi comparten experiencias sobre cooperación transfronteiriza

0

A cooperación entre territorios xoga un papel crucial como instrumento potenciador do desenvolvemento. Conscientes desta realidade, a Eurocidade Cerveira-Tomiño participa nun intercambio co Consorcio transfronteirizo de Bidasoa Txingudi, integrado polos municipios vascos de Hondarribia, Irun e Hendaye, este último no País Vasco francés.

Ambos territorios comparten agora a súa experiencia en colaboración transfronteiriza, especialmente no relacionado cos servizos e axendas compartidas, a gobernanza ou a dinamización de sectores relevantes para a economía local.

Ao longo do mes de setembro, responsables técnicos dos cinco municipios implicados comparten documentación e sesións virtuais para intercambiar experiencias e coñecementos. Así, o pasado 10 de setembro abordáronse aspectos relacionados coa mobilidade e a participación cidadá e o 16 intercambiáronse experiencias nos ámbitos da cultura, o turismo e o deporte. Nestas videoconferencias participaron tamén representantes da AECT Rio Minho presentando a Axenda estratéxica 2030 e o proxecto Visit Rio Minho.

A terceira sesión, adicada ao emprego e a colaboración empresarial, está prevista para o vindeiro día 24 coa presenza, entre outros axentes económicos, de acuBam (Asociación de Cultivos Baixo Miño) e a Axencia de Desenvolvemento do Bidasoa.

O intercambio realízase ao abeiro do Programa de Capacitación e Participación en Redes de Cooperación da Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, cofinanciado pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE, e busca o coñecemento doutras experiencias, innovacións e boas prácticas no ámbito europeo.

O proceso culminará no outono cun encontro institucional entre os alcaldes dos concellos participantes.

Nais e pais do IES Barral de Ponteareas solicitan “con carácter urxente” reforzar o profesorado e o servizo de limpeza do centro

A escasos días do comezo do curso escolar as nais e país do IES do Barral de Ponteareas lamentan “que a Xunta incumpra os compromisos publicitados nos medios de comunicación de baixar as ratios dos centros de ensino aumentando o número de Mestres para o presente curso”. ANPA e representantes das nais e pais no Consello Escolar, instan á Consellería de Educación “a reforzar de carácter urxente o equipo de docentes do centro”.

O reforzo solicitado atendería, sinalan, “as demandas do centro para desenvolver con normalidade o presente curso que convivir co perigo da COVID. “Señor Feijóo non hai escusa para recortar na educación dos noso fillos, invertir en educación e invertir no futuro e prosperidade da nosa nación”, lembran nais e pais.

Lamentan, por outra banda, que cando una das maiores premisas para evitar ou minimizar o perigo de contaxio e propagación sexa a hixiene e limpeza, “desde a Consellería opten por seguir mantendo o número de limpadoras/es que nos cursos anteriores, dividíndoas en dúas quendas una limpadora na quenda de mañá atendendo a limpeza de aseos e zoas común dun centro que mobiliza preto de persoas entre alumnado persoal docente, administrativo”, polo que salientan a necesidade de incrementar o persoal de limpeza.

Aseguran nais e pais que “tampouco saen as contas” xa que ano tras ano o centro ve como se multiplican o número de solicitudes de matricula “polo que tamén se pon enriba da mesa a necesidade de revisar o mapa escolar e modificalo para o mellor reparto do alumnado entre os centro da zoa escolar”.

“Non se pode deixar de obviar que para o presente curso o centro tivo que rexeitar alumnos por exceso de solicitudes derivándoos a outros centros da vila” rematan as nais e pais do IES do Barral .

A Asociación de Veciños de Torroso asinou hoxe a cesión de terreos que permitirá a humanización da contorna parroquial de San Mamede

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo Gómez e o concelleiro de urbanismo e edil da parroquia de Torroso, Alberto Mendez Lago;  reuníronse esta mañá co Presidente da Asociación de Veciños de Torroso, Juan José Romero Dominguez e demais membros da Xunta directiva, para proceder á sinatura da cesión de terreos do que na actualidade é o proxecto máis grande de toda Galicia do Plan Hurbe, ascendendo o orzamento total da obra de humanización a case 400.000 euros, 390.000 euros para ser exactos. Dos que a administración autonómica asume o 70% e o Concello financia un 30%.

Esta obra de humanización integrará o Centro Dotacional, o antigo Centro Cultural e a Igrexa de San Mamede nun espazo máis humanizado e habitable. Trátase dunha das principais promesas do programa electoral do goberno local mosense á que se dá cumprimento coa posta en marcha do proxecto.

A actuación abarcará uns 7.000 metros cadrados e suporá un cambio radical na parroquia, facendo máis habitable e humanizado o centro neurálxico da mesma; onde se concentran habitualmente gran número de veciños e foráneos que acuden a diario a esta zona para participar en actividades lúdicas, relixiosas, culturais, musicais…etc.

O Concello de Mos leva desde outubro traballando neste proxecto que se atopa dentro do Plan Municipal ‘Mos Humanizado’ e neste senso a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, agradeceulles hoxe

Á Asociación de Veciños a cesión de estes terreos xa que esta obra marcará un antes e un despois na parroquia.

Asi mesmo a rexidora local agradeceu tamen enormemente o seu arduo labor neste proxecto tanto ao arquitecto municipal, Manuel Toucedo, como á arquitecta mosense, Estefanía Grandal, que quixo sumarse desinteresadamente a este proxecto, xa que é veciña da parroquia de Torroso, coa que non dubidou en colaborar para mellorala co seu excepcional traballo.

O prazo de execución desta obra é de 9 meses e os traballos a realizar consisten nun proxecto de urbanización e acondicionamento para uso de lecer e esparcemento, tratando de unificar o conxunto do vial e o torreiro da festa cunha pavimentación con materiais pétreos, así como deseño dunha peza de unión realizada con pedra. Nesta peza concéntrase a maior parte da intervención: asentos, iluminación, escaleiras de paso, vexetación, etc.

A humanización complétase coa execución dunha beirarrúa pola estrada Puxeiros-Mos que conectará o vial pavimentado co Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso. Ademais realizarase un proxecto de iluminación con luminarias integradas no pavimento en diálogo co lugar e a intervención, e retiraranse as liñas aéreas (que serán soterradas) e as luminarias sobre postes, que serán substituídas por luminarias sobre báculos.

Como xa se dixo, as obras a realizar, comprenden a substitución do pavimento de aglomerado asfáltico por un pétreo (enlosado de granito/adoquín con solera de formigón baixo o pavimento) máis acorde co entorno, o que conlevará tamén unha renovación das instalacións, dotación de novas non existentes e reordenación do conxunto dos espazos adxacentes á Igrexa co consecuente novo amoblamento e deseño.

Os traballos de xardinería incluirán un estudo da vexetación existente para a súa mellora ou substitución. Xeración de novas sombras nos itinerarios propostos e axardinamento de baixo porte nos espazos ou percorridos que así o requiran.

A aceptación da subvención da Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia con cargo ao Plan HURBE para financiar o 70% da Humanización da Contorna Parroquial de San Mamede-Torroso foi aprobada no pleno extraordinario do 16 de xuño cos votos a favor do equipo de goberno local e as abstencións de PSOE, GañaMOS e BNG.

Instalados na praza do Mercado Municipal e Auditorio os primeiros aparcabicicletas do centro urbano de Ponteareas

Os primeiros aparcabicicletas do centro urbano de Ponteareas foron instalados o pasado venres na nova praza recentemente creada coas obras de humanización realizadas entre o Mercado Municipal e o Auditorio Reveriano Soutullo. Trátase de seis elementos para o estacionamento de bicicletas, tres situados no entronque coa rúa A Estrada e outros tres coa rúa Morales Hidalgo.

A instalación realízase coincidindo coa Semana Europea de Mobilidade, unha celebración que pretende promover a mobilidade sustentábel a pé, en bicicleta ou en transporte público.

Segundo informou o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, “un dos nosos obxectivos é potenciar o uso da bicicleta como medio de desprazamento en Ponteareas. Temos todo a favor: unha vila pequena, radial, sen apenas costas e unha grande tradición ciclista.”. Mera lembrou que “para promocionar o uso da bicicleta son necesarias medidas regulatorias como a redución da velocidade do tráfico a motor a 20 km/h que implementamos recentemente, pois a bici debe convivir na mesma calzada cos coches e estes deben aprender a respectar ás persoas ciclistas. Pero tamén debemos facilitar equipamentos como os aparcabicicletas. Por iso o noso obxectivo é dotar nos vindeiros anos destes elementos a todos os edificios públicos de Ponteareas e ao maior número de rúas e prazas”.

Afaga reclama a esencialidade das persoas maiores, as familias coidadoras e os servizos de atención

Hoxe luns, 21 de setembro, celébrase o Día Mundial do Alzheimer, no marco da complexa situación que deixou a pandemia da Covid19.

A crise vivida tennos que servir para reflexionar máis sobre a sociedade e a importancia que damos aos nosos maiores, ás persoas con demencia e ás familias, así como a necesidade de reforzar o Estado de Benestar que construímos. Se para todas as persoas a situación da pandemia foi difícil, para as persoas con demencia foi moito máis complicada, incomprensible e desorientadora. Por iso, neste Día Mundial, desde Afaga Alzheimer poñemos o acento na ESENCIALIDADE.

En primeiro lugar, as persoas maiores e as persoas con demencia son esenciais. En momentos como os que vivimos, nos que os servizos sanitarios e hospitalarios saturáronse, e empezou a decidirse sobre a vida das persoas en función da idade ou a capacidade cognitiva, consideramos que utilizar a idade ou as situacións de demencia para cribar e decidir se se atende ou non a un paciente é algo incomprensible e inhumano. Todas as vidas son importantes e todas as persoas teñen dereito á sanidade pública, universal e gratuíta. E non se pode caer no “edadismo” e utilizar isto para negarlles unha correcta atención.

En segundo lugar, son esenciais os servizos de atención: os servizos de proximidade, os centros de día, as unidades de atención terapéuticas, os servizos públicos, que sen dúbida propician que a sociedade estea ben atendida. Estes recursos intermedios garanten a sociabilidade, evitan o illamento das persoas e atrasan o avance da deterioración, que lles permite vivir o maior tempo posible no seu domicilio.

En terceiro lugar, son esenciais os miles de profesionais que traballan en residencias, centros de día e centros terapéuticos e servizos sociosanitarios que estiveron un pouco esquecidos durante esta pandemia e nós queremos poñer en valor o importante labor que realizan. Eles tamén son esenciais.

E, por suposto, son esenciais as familias coidadoras. Nós somos unha asociación de familiares e queremos poñer o foco de atención na necesidade de contar cos recursos adecuados para que os coidadores poidan realizar o seu labor compatibilizándoa coa súa vida persoal.

As familias con persoas con demencia ao seu cargo pasaron momentos moi complicados e duros durante o confinamento, á complexidade do momento pola gravidade do virus, engadíanse situacións difíciles pola perda de rutinas, as situacións de soidade, a falta de programas de estimulación, que propiciou un aumento das demencias, e a sobrecarga no coidado.

Por iso, insistimos en que é esencial atender ás familias que teñen unha persoa con demencia en casa. E queremos aproveitar este Día Mundial, para lanzar esa mensaxe sobre a esencialidade dos servizos e das persoas.

Actividades previstas para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer:

  • Entrega de premios da VI Edición do Concurso de Relatos Curtos ‘Nun Recuncho da Memoria’
  • Foi o Luns, 14 de setembro na sede de Vigo da Deputación coa presencia do deputado Carlos López Font e o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez.
  • Concerto da Coral Casablanca en favor de Afaga.
  • Foi o venres 18 de setembro, ás 20 horas. Real Club Náutico de Vigo
  • Conferencia: Título: ‘Covid e persoas con alzhéimer: consecuencias da pandemia’

•         Mª JOSÉ MORENO, Neuróloga do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo

•         ÁGUEDA ROJO, coordinadora da Unidade de Psicoxeriatría da Área Sanitaria de Vigo

  • Data: 22 de setembro de 2020 ás 19:30 Horas
  • Lugar: Auditorio do Concello de Vigo. Plaza do Rei, 1. Aforo limitado: 80 prazas.
  • Presencial e virtual a través de Facebook Live: https://www.facebook.com/afagavigo/.

‘Violencia Zero’ no Rosal coa performance de Mónica Sueiro

0

O Rosal será o escenario sobre o que se desenvolverá ‘Subterránea’, unha performance de Mónica Sueiro que se desenvolve ao abeiro do proxecto ‘Mulleres en acción: Violencia Zero’, unha iniciativa de acción artística da Deputación de Pontevedra que busca empregar o espazo público para reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención no estado actual do problema da violencia machista. Esta espectáculo, de balde e dirixido a público adulto, terá lugar este xoves 24 de setembro ás 12.00 horas na Praza do Calvario. 

A directora de escena, actriz, dramaturga, figurinista e pedagoga teatral Mónica Sueiro chegará ao Rosal cunha acción escénica na que a protagonista loita por saír da invisibilidade, reivindicando a súa presenza, conquistando a palabra, recoñecendo os seus propios méritos, facéndose forte e collendo impulso para volver ao seu territorio. Sueiro comeza a súa formación na Aula de Teatro Universitaria de Ourense con Sarabela Teatro, na que compaxina os seus traballos de actriz cos deseños de vestiarios. Dende entón continúa a formarse con grandes profesionais da interpretación, dirección e creación escénica do panorama nacional e internacional. Despois de estar uns anos centrada na dirección de escena e na pedagoxía teatral, retoma o seu proxecto como intérprete atendendo aos códigos escénicos que lle interesan e na procura de novas linguaxes.

‘Subterránea’ forma parte das acción artísticas preparadas para a quinta edición do programa ‘Violencia Zero’ promovido pola Diputación, que emprega a arte como axente mobilizador de conciencias ao tempo que ensalza o empoderamento da muller no campo cultural e artístico. É unha proposta de sensibilización para fomentar na veciñanza unha actitude crítica, visibilizar o traballo das artistas galegas, promover o achegamento á arte contemporánea a través do diálogo con todos os públicos e incentivando a integración de mulleres e homes na loita contra unha realidade que afecta a todos e todas.

“Re-accion nos Castelos” pecha o verán cunha mobilización cultural de máis de 800 persoas en Soutomaior e Sobroso

“Expectativas desbordadas e unha excelente acollida do público. Estamos encantadas”. Así definiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva o “éxito absoluto” do programa “Re-acción nos Castelos” que este verán acolleron os castelos de Soutomaior e Sobroso, mobilizando, a pesar das restricións da covid19, a máis de 800 persoas.

Con “Re-Acción nos Castelos”, unha das iniciativas coas que a Deputación quixo reactivar a actividade cultural na provincia e apoiar ao sector trala pandemia, Soutomaior e Sobroso convertéronse en escenarios inéditos de artes escénicas, música, danza e circo, contacontos, creación contemporánea e música clásica, amais da programación para as crianzas. Diferentes actividades condicionadas polos espazos e aforos e desenvolvidas baixo o estrito protocolo contra a covid19. Foron 14 espectáculos que esgotaron todas as prazas nada máis abrirse a inscrición, tanto as do público infantil como as do adulto.

Remata polo tanto a actividade nos Castelos aínda que a programación de “Re-acción Cultural” se segue a celebrar con “Música no Ar”, o ciclo centrado na música clásica en escenarios espectaculares da provincia como pazos, castelos e conxuntos patrimoniais. O vindeiro sábado 26, será o concerto do Cuarteto de Corda e instrumentos de Vento da Filharmónica de Pontevedra na Praza do Concello de Agolada.

Hoxe tamén rexístrase un descenso no número de casos activos por coronavirus en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.304 deles 1.148 son da área da Coruña, 689 da de Lugo, 541 da de Ourense, 667 da de Pontevedra, 457 da área de Vigo, 625 da de Santiago, e 177 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 32 están en UCI, 211 en unidades de hospitalización e 4.061 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 16.995 persoas curadas, rexistrándose 718 falecementos. A última persoa falecida en centros hospitalarios foi  unha muller de 87 anos que faleceu no Complexo Hospitalario de Ourense e presentaba patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 431.081.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Na xornada de onte produciuse un falecemento en centro residencial. Este tivo lugar na residencia de maiores Orpea Coruña (Culleredo)

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Ainhoa Lameiro e Daniel Pérez do Penedo Teimporta pechan unha boa actuación no Europeo

0

Ainhoa Lameiro e Daniel Pérez culminaron a súa actuación no Europeo de slalom que se está a celebrar en Praga. Daniel Pérez tivo un erro na primeira manga clasificatoria no último remonte a esquerda tendo que ir a repesca. Na repesca, se ben a súa prestación mellorou considerablemente, dous toques deixárono as portas da semifinal ao quedar sexto nesta (só pasaban os cinco primeiros). Destacar que, entre outros grandes atletas, nesta repesca o padexeirto de Alxén tívose que medir ante o campión olímpico Dennis Garghaud Chanut a súa curta de idade de tan só 18 anos.

Ainhoa Lameiro fixo unha actuación impecable na clasificatoria pasando directa a semifinal xa na primeira manga. Na manga de semifinal, nun esixente recorrido a nivel técnico e físico, Ainhoa completou unha sólida manga no que algúns toques e unha pequena pérdida de traxectoria relegaron a nosa canoísta a posición 16ª. Gran actuación da padexeira de Salceda finalizando neste Campioanto de Europa moi cerca das finais.

Na competición por equipos, Ainhoa finalizou en quinta posición mentres que Daniel fixo o propio en séptima posición.

Superorgullosos dos nosos cracks do Penedo Teimporta, levando as cores do club e de España por todo Europa.

O Concello de Ponteareas habilitará un grande aparcadoiro na rúa Sarmiento Rivera

O alcalde de Ponteareas Xosé Represas anunciou o próximo acondicionamento dun grande aparcadoiro na rúa Samiento Rivera (fronte ao cuartel da Garda Civil) e outro na rúa Redondela. Represas sinalou que o aparcadoiro de Sarmiento Rivera terá unha superficie de 6.500 m2 que o converterán no aparcadoiro máis grande dos existentes na vila e que poderá acoller máis de douscentos vehículos. Esta nova zona de estacionamento superará en máis do dobre á máis grande existente na actualidade, a da Avenida Rosalía de Castro, de 3.000 m2 e con capacidade para 130 vehículos.

O aparcadoiro que se habilitará a carón da rúa Redondela terá preto de 1.000 m2, unha superficie semellante á do aparcadoiro existente no centro da Avenida de Castelao con 60 prazas dispoñibeis.

Actualmente existen 650 prazas nun total de 8 aparcadoiros de uso público repartidos ao redor do centro urbano de Ponteareas, polo que os dous novos aparcadoiros suporán incrementar o número de prazas existentes en aproximadamente un 50% máis.

Os traballos de preparación dos terreos comezarán a vindeira semana cos labores de desbroce e a intención do goberno local é que en poucas semanas os aparcadoiros poidan estar operativos. O novo espazo de estacionamento de Sarmiento Rivera está a tan só 150 metros e a dous minutos camiñando da Casa do Concello.

Represas salientou que con estas novas actuacións “damos un novo paso de cara a promover a mobilidade sustentábel en Ponteareas, facilitando aparcamento na contorna máis próxima da vila e promovendo os desprazamentos a pé desde eses aparcadoiros a calquera destino do centro urbano”, sinalou Represas. O alcalde lembrou que “desde estes aparcamentos calquera punto da vila se atopa a menos de 10 minutos camiñando”.

A Xunta participará nun exercicio de loita contra a contaminación mariña coordinado pola Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

A Consellería do Mar participará activamente no desenvolvemento dun exercicio de loita contra a contaminación mariña que terá lugar a vindeira semana en Caminha froito da colaboración da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, e farano a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño-Intecmar e do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, implicados nos proxectos de investigación responsables desta acción coordinada (Radar on Raia, MyCoast e Meloa).

O evento encádrase dentro do programa de exercicios contemplado no Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal). Así, xunto ao Instituto Hidrográfico da Marinha Portuguesa (IH) e ao resto dos socios dos devanditos proxectos, estas institucións galegas traballarán na mellora das capacidades de resposta ante este tipo de continxencia, así como no fortalecemento do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, que é a base dos novos desenvolvementos.

No caso do proxecto Radar on Raia, coordinado pola Fundación Cetmar e coa participación do Intecmar, realizarase a validación da estación Radar HF de Leixões, recentemente integrada no Sistema de HF de Galicia e que nun futuro permitirá coñecer as correntes superficiais en tempo real para a rexión transfronteiriza de Galicia e Norte de Portugal. No marco deste proyecto, no que participa o Intecmar, avaliaranse tamén as boias de deriva (drifters) capaces de seguir o movemento dos primeiros metros da columna de auga.

O exercicio servirá ademais para avaliar a resposta de dous modelos de drifters desenvolvidos polo proxecto Meloa, coñecidos como os drifters wavy littoral, con comunicacións GSM para zonas costeiras, e os drifters wavy ocean, con comunicacións satelitais para o seguimento de vertidos en alta mar. Ademais, utilizaranse os produtos de apoio á toma de decisións desenvolvidos e agregados no ámbito do proxecto MyCoast, entre eles un modelo de derivas e diversos produtos de predición meteo-oceanográfica.

Desenvolvemento do exercicio

O centro de operacións do exercicio, que ten unha duración prevista de arredor de 48 horas,  establecerase o 21 de setembro na Capitanía de Caminha. O lanzamento das boias de deriva realizarase fronte á ría de Vigo ou Leixões/Caminha en función das condicións meteo-oceanográficas, e sempre co obxectivo de lograr a maior área de cobertura posible entre Porto e Vigo.  Será o martes 22 de setembro grazas ás embarcacións cedidas pola Capitanía de Leixões ou Caminha, se ten lugar en Portugal, ou do Servicio de Gardacostas de Galicia e Salvamento Marítimo, no caso de que se efectúe en España.

Todos os datos enviados polas boias de deriva serán compilados en tempo case real nunha páxina web e, paralelamente, as derivas das boias compararanse cos modelos oceanográficos de apoio á toma de decisións. Ao mesmo tempo realizaranse validacións entre os datos das boias e os datos recollidos polos sistemas Radar HF.

O exercicio culminará cunha rolda de prensa que terá lugar na Cámara Municipal de Caminha o xoves 24 de setembro, cando se presentarán os principais resultados do exercicio e se incidirá na  importancia da cooperación transfronteiriza e da observación costeira.

A iniciativa servirá ademais para reforzar a colaboración entre institucións a ambos lados da fronteira, así como entre os tres proxectos implicados, financiados pola Unión Europea a través de distintos programas: Radar on Raia, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 e encadrado no eixo prioritario 1 “Crecemento intelixente a través dunha cooperación transfronteiriza para o impulso da innovación”; MyCoast (Interreg Atlantic Area) e Meloa (Horizonte 2020).

Varios cursos de idiomas “non clásicos” centran a oferta formativa de outono da OMIX de Tomiño

0

O Concello de Tomiño, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), oferta diferentes actividades para os vindeiros meses. Unha vez máis, os idiomas son unha das apostas fortes dirixidas á mocidade do concello, pero tras varias tempadas con cursos de inglés, francés, portugués, italiano, nos últimos anos apostouse por introducir a oferta de idiomas non clásicos, coma o chinés, o ruso e o xaponés, con grande aceptación por parte da cidadanía.

Así, a principios de outubro comezan os novos cursos de idiomas RUSO E XAPONÉS nivel básico, e o de CHINÉS nivel A2.1. As tres actividades formativas teñen aínda aberta a inscrición na páxina web municipal (www.tomino.gal) e serán en formato on-line e presencial, dependendo das circunstancias sanitarias.

Lili Wo, profesora nativa de Shangai e profesora na Universidade de Vigo, é a docente que vai impartir o curso de XAPONÉS BÁSICO os días xoves, de 17.00 a 19.00h. Este curso ten como obxectivo adquirir coñecementos básicos comunicativos: compresión auditiva, lectora, expresión verbal e escrita, estando destinado á mocidade sen coñecementos previos da lingua xaponesa e tendo un custe simbólico de 5 euros.

A mesma docente impartirá o curso de Curso online e/ou presencial de chinés nivel A2.1 dirixido á mocidade que xa ten coñecementos básicos comunicativos da lingua chinesa (A1). Neste curso afondarase máis na cultura e melloraranse os coñecementos en caracteres, léxico, gramática, e traballarase especialmente a comprensión auditiva, lectora, a expresión verbal e a escrita. A data prevista de inicio é tamén o día 1 de outubro, días xoves, de 19.00 a 21.00 horas e o prezo, 5 euros.

Pola súa banda, o cursiño online de Ruso nivel básico, será impartido pola profesora nativa Nina Yarovenko, graduada na Universidade Estatal de Moscú e con amplia experiencia. Está destinado a todas as persoas interesadas en coñecer o idioma e a cultura de Rusia. Inicio, 5 de outubro; días luns, de 19.00 a 20.00 horas. Custe, 5 euros.

Curso básico de correo electrónico online

Por outra banda, impartirase un curso básico de correo electrónico co obxectivo de aprender a crear unha conta de correo electrónico en  Gmail, redactar mensaxes, facer filtrado e clasificación de correos, xestionar varias contas, coñecer outros programas de xestión de emails e saber utilizalos de xeito efectivo e produtivo.

A data de realización será a finais do mes de setembro, e o horario será escollido polas persoas participantes. xa que se trata dunha plataforma e-learning cun titor que atende de xeito personalizado as consultas do alumnado. Custe do curso: 5€. A inscrición está aínda aberta e pódese realizara comodamente dende a casa: https://tomino.gal/curso-basico-de-correo-electronico-online/.

Cambio de enderezo da OMIX

A OMIX de Tomiño e o Departamento de Cultura, mudouse novamente ao Campo da Feira coma acostumaba a estar en anos anteriores.

As consultas poden facerse tamén por whatsapp ao número 604 062 369, ou concertar unha cita para o asesoramento por videochamada. Aténdese presencialmente só CON CITA PREVIA.

Unha moza necesita a axuda dos bombeiros para saír dun coche accidentado en Nigrán

0

Unha muller quedou atrapada despois de bater co seu coche contra un muro en Nigrán.

Para liberar á única ocupante do vehículo foi necesaria a intervención dos equipos de salvamento e excarceración, que facilitaron, deste modo, a atención sanitaria.

Foi un particular quen, ás 00:30 horas de hoxe, alertou do que pasaba a través da súa chamada ao 112 Galicia. Isto permitiu activar un operativo que integraban os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como os Bombeiros do Baixo Miño e os membros do GES de Val Miñor, que, finalmente, fixeron fronte á excarceración da ferida para que puidese recibir a asistencia médica.

Ademais, comprobaron o estado do vehículo e descartaron que ardese como apuntaban algunhas das persoas que chamaron ao 112 Galicia para avisar. Iso si, precisaron o lugar no que se produciu o accidente, isto é, na estrada de Camposancos, concretamente, na parroquia de Priegue.

Cómpre indicar que o operativo completárono os axentes da Garda Civil de Tráfico co fin de coñecer as circunstancias do accidente.

A Deputación abre o prazo de inscrición para as webinars do I Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos

Tralo gran arranque do I Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos coa webinar sobre o cancro a cargo de Xosé Ramón García Bustelo, a Deputación de Pontevedra abre o prazo de inscrición na web (www.depo.gal) para as seguintes seis conferencias que se celebran entre outubro e decembro. Este ciclo, que a Deputación organiza en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias, ten como obxectivo principal achegar a ciencia á sociedade e, debido á pandemia da Covid-19, realízase de maneira on line en formato webinar.

As conferencias, que serán ás 19 horas, están abertas a todos os públicos que desexen informarse sobre temas de actualidade, impartidas por nove destacadas persoas científicas. Deste xeito, o vindeiro 1 de outubro terá lugar a seguinte sesión que estará formada por dúas webinars enmarcadas en sanidade: “Como os nanomedicamentos poden cambiar as nosas vidas”, a cargo da catedrática en Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica María José Alonso Fernández, e “Inmunidade fronte a Covid-19” que impartirá a presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía, África González Fernández. En canto á webinar “Cambio estacional de hora e fuxo horario en España”, chegará o 22 de outubro con Jorge Mira Pérez, catedrático de Electromagnetismo.

Xa en novembro, o día 5 será a quenda dunha conferencia formada por dúas charlas baixo a temática intelixencia artificial: Senén Barro, catedrático da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, impartirá “Os paradoxos da intelixencia artificial”; e Ulises Cortés, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, encargarase de “Humanismo, ética e intelixencia artificial”. Máis adiante, o 19 de novembro terá lugar a webinar “A tecnoloxía das cadeas de bloques: máis alá do bitcoin e contra o coronavirus”, a cargo de Martín López Nores, membro do departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo. Pola súa banda, o catedrático de Economía Aplicada Luis Caramés será o encargado de impartir a conferencia “Incerteza e ciclo económico” que se celebrará o 26 de novembro. Por último, o 3 de decembro será a quenda dunha sesión formada por dúas charlas que versarán sobre pesca, acuicultura e biotecnoloxía: a catedrática de Bioloxía Concepción Ferreiro impartirá “Microalgas: Microfactorías verdes” e a coordinadora nacional da Área de Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos do CSIC Isabel Medina falará sobre “O mar, fonte de saúde: beneficios do consumo dos produtos da pesca e da acuicultura”. Este ciclo de conferencias busca achegar a ciencia ao conxunto da sociedade ao mesmo tempo que lle dá visibilidade ás mulleres deste eido como Aida Fernández Ríos.

Medio Ambiente conserva e sinaliza un niño de ‘Avispón Europeo’ autóctono unha das poucas especies depredadoras da Vespa Velutina

0

O departamento de Medio Ambiente do Concello de Redondela, xestionado por Roberto Villar, ven de sinalizar no paseo do Río Maceiras un niño de Vespa Crabro para que continúe coa función de depredador natural da vespa asiática ou velutina.

Premer a foto para ampliar

Dende que na primeira semana de setembro se recibira en Medio Ambiente o aviso da presenza dun niño desta especie, o S.E.I.S (Servizo de Emerxencias Incendios e Seguridade) de Redondela procedía a balizalo e a comprobar si podía causar problemas de inseguridade. Unha vez pasados os datos, a técnica do departamento de Medio Ambiente apuntou que a vespa crabro é unha especie que non abunda moito e que é un dos poucos depredadores naturais das Velutinas.

Logo de realizar as consultas técnicas pertinentes sobre a vespa crabro e comprobar nas últimas semanas que non houbo ningún tipo de incidencia no paseo balizado, decidiuse dende a parte técnica do Concello conservar o niño balizado para favorecer a reprodución desta especie capaz de depredar as vespas asiáticas ou velutinas.

Así procedeuse a indicar o lugar cun cartel de precaución no que se mencionan unha serie de pautas para non perturbar a tranquilidade das vespas crabro unha especie que está considerada “non agresiva” per que deféndense si se senten atacadas preto do niño, polo que non deben ser molestadas.

Dende Medio Ambiente piden que se respecte o niño e non se lle den golpes o tronco , nin se lle metan cousas dentro.

A contorna da antiga fábrica de Regojo será recuperada e transformada nun espazo de lecer para a cidadanía de Redondela

0

Os xardíns da Urbanización Regojo, unha das zonas máis novas do casco urbano de Redondela, serán remodelados na súa integridade para ofrecer un novo espazo de lecer á veciñanza e, ao mesmo tempo, para que sexan “un permanente recordatorio da importancia que tivo na historia industrial de Redondela e fábrica que aquí estaba instalada”, afirmou a alcaldesa, Digna Rivas, durante a visita realizada ao espazo a recuperar.

A alcaldesa, acompañada pola concelleira de Urbanismo, María Castro e polo concelleiro de Parques e Xardíns, Alberto Álvarez, recibiu detalladas explicacións do proxecto por parte da directora do obradoiro de emprego ‘Redondela Vila Bela III’, Imelda Barrio Santamaría, cuxo alumnado das especialidades de cantería e xardinería está a realizar os traballos de adecuación ca contorna.

Segundo explicou a directora do obradoiro, trátase dun amplo espazo –ao redor de 3.000 metros cadrados distribuído ao redor da cheminea da antiga fábrica– que pola súa distribución en socalcos ofrece numerosas vantaxe á hora de distribución tanto dos espazos coma dos distintos elementos que irán dentro dos mesmos.

[su_image_carousel source=”media: 21338,21340,21341″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Dado que o obxectivo é dobre, poñer unha nova zona de lecer ao servizo da veciñanza e poñer en valor o a historia industrial de Redondela, todos os elementos, realizados polos alumnos da especialidade de cantería do ‘Redondela Vila Vela III’, están directamente relacionados coa industria téxtil da que Regojo foi un referente a nivel nacional e internacional. Agullas, máquinas, carretes de fío ou as míticas ‘camisas Dalí’ estarán representadas con todo detalle por todo o parque nun excelente traballo do alumnado do obradoiro.

Pola súa banda, o alumnado da especializade de Deseño Gráfico do xa rematado obradoiro de garantía xuvenil ‘Redondela Sotible’ xa elaborara con anterioridade os paneis explicativos que se distribuirán por toda a zona para que a historia desta industria e a súa importancia, non caia no esquecemento. Cómpre salientar, e así figura nos paneis, que nos anos 70, Regojo era a fábrica de camisas máis importante de España, facendo 12.000 camisas diarias, exportando 30.000 unidades a Alemaña mensualmente e cunha rede de máis de 15.000 tendas en toda España.

Los laterais, tamén distribuídos en socalcos, estableceranse dúas zonas de xogos, para maiores e adultos, elaborados en pedra, que contribúen a darlle un novo valor a todo o espazo. Finalmente, a cheminea, que preside toda a zona, poñerase en valor dotándoa de alumeado.

A alcaldesa Digna Rivas, quen gabou o traballo realizado polo alumnado do obradoiro de emprego ‘Redondela Sostible’, amosaba a súa satisfacción pola realización dun proxecto “que ofrece unha nova alternativa de lecer a veciñas e veciños, incrementa os espazos verdes do casco urbano e permite manter viva unha parte da historia industrial do noso municipio”.

A Deputación aposta polo deporte da provincia repartindo 1,2 millóns de euros entre 132 clubs de tódalas especialidades

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o gasto de 1,2 millóns de euros destinados a novas subvencións ao deporte das que se beneficiarán un total de 132 clubs da provincia. En concreto, destinaranse 775.000 euros para clubs deportivos que participan en competicións federadas no ámbito nacional, e outros 473.500 para clubs de deportes náuticos, co obxectivo, en ambos casos, de apoiar a súa participación en ligas e competicións oficiais.

No caso dos clubs federados que compiten en ámbito nacional, serán 81 os beneficiados destas axudas. Trátase de entidades de múltiples disciplinas deportivas, como o atletismo, balonmán, ciclismo, judo, tenis de mesa ou voleibol. E, no caso das subvencións ao deporte náutico, destinaranse a 51 clubs de remo, vela e piragüismo. Para os primeiros destinaranse 141.5oo euros, mentres que 71.500 euros serán para clubs de vela e 260.500 euros para os de piragüismo.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou que este ano a institución destina en conxunto un investimento de máis de 3 millóns de euros ao deporte da provincia, no marco da súa firme aposta por este eido. “Somos unha grande referencia en deporte e queremos seguir apostando para que os clubs teñan os recursos para poder manter a súa actividade, máis agora nestes tempos complicados de pandemia”, destacou.

Galicia rexistra un total de 4.350 casos activos por coronavirus, 15 menos que no día de onte

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.350 deles 1.178 son da área da Coruña, 725 da de Lugo, 527 da de Ourense, 658 da de Pontevedra, 440 da área de Vigo, 637 da de Santiago, e 184 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 29 están en UCI, 207 en unidades de hospitalización e 4.114 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 16.758 persoas curadas, rexistrándose 715 falecementos. As dúas últimas persoas falecidas en centros hospitalarios foron varón de 96 anos que faleceu no Hospital Lucus Augusti e unha muller de 85 años que tamén faleceu no HULA. Todos presentaban patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 426.934.

Na xornada de onte produciuse un falecemento en centro residencial. Este tivo lugar na residencia de maiores DomusVi Lugo (Outeiro de Rei).

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Arbo xa dispón da súa primeira vivenda social

0

O Concello de Arbo conta xa coa súa primeira vivienda social, logo de ter rematados os traballos de reparación e mellora da vivenda dos mestres da antiga escola de Cequeliños, traballos para os que o Concello recibía unha achega por importe de 8.269 € do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Consellería de Medio Ambiente.

A adxudicación do contrato realizábase a principio de ano e os traballos encargábanse a empresa local. As obras de rehabilitación da casa de mestres de Cequeliños, tiveron que se aprazadas durante o estado de alarma o que retrasou un pouco a evolución do proceso. Cómpre salientar que outra das viviendas de titularidade municipal, a casa dos mestres de Sela, tamén foi rehabilitada para a posta en marcha da Casa do Maior que, dende xuño de 2019, da servizo a cinco persoas dependentes.

O obxetivo da recuperación das vivendas de mestres de Cequeliños e poñelas a disposición, en réxime de alugamento, para residencia habitual e permanente para aquelas familias con baixos recursos. Así o anunciou o rexedor da localidade de Arbo, Horacio Gil, quen explicou que unha vez rematada a antiga casa de mestres de Cequeliños “reforzarase a política social” que se esta levando a cabo dende a chegada do seu Goberno ao Concello de Arbo.

“Melloras no SAF, Axudas de Emerxencia social, a Casa do Maior en Sela, a compra de inmoble para Centro Social que se licitara en breve, ou o terreno para a residencia da Terceira Idade, avalan o traballo realizado dende o ano 2014 ata o momento”, conclúe o rexedor local

Galicia rexistra un total de 4.365 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.365 deles 1.223 son da área da Coruña, 744 da de Lugo, 509 da de Ourense, 651 da de Pontevedra, 431 da área de Vigo, 626 da de Santiago, e 181 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 29 están en UCI, 200 en unidades de hospitalización e 4.136 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 16.525 persoas curadas, rexistrándose 710 falecementos. As tres últimas persoas falecidas en centros hospitalarios foron varón de 93 años que faleceu no hospital privado POLUSA de Lugo, unha muller de 85 años que faleceu no Hospital Lucus Augusti e un varón de 89 anos que faleceu no CHUAC. Todos presentaban patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 421.776.

Ensino

Casos positivos de Covid-19 relativos aos centros educativos, tanto nas escolas infantís dependentes da Consellería de Política Social, como no resto dos centros de ensino non universitario, dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Nigrán acomete unha nova fase da escavación do Castro de Chandebrito para consolidar o recinto amurallado primixenio

0

O Concello de Nigrán e a Comunidade de Montes de Chandebrito continuarán coa escavación e musealización do Castro de Chandebrito acometendo traballos para conservar, consolidar e restaurar a muralla superior do primeiro recinto, datada no VIII a.C. Con este obxectivo o Concello tramitou xa unha subvención por importe de 13.000 € á Deputación de Pontevedra destinada á rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural. O goberno local continúa deste xeito os traballos de escavación que iniciou no 2019 a través da cooperativa Árbore Arqueoloxía coa meta de situar este Castro como referente etnográfico en toda Galicia.

Esta segunda actuación, conforme á propia autorización de Patrimonio e e tamén a cargo de Árbore, suporá restaurar un tramo de aproximadamente 110 metros cadrados de muralla localizados na terraza superior e que quedaron parcialmente á vista nas escavacións promovidas desde o Concello o ano pasado en 58 metros cadrados onde se atoparon tres construccións diferentes e outras dúas murallas a maiores. “Pedimos esta subvención para consolidar a muralla máis antiga, a primixenia, pero non descartamos máis actuacións complementarias neste ano e o vindeiro, o potencial é enorme e non queremos desaproveitalo”, indica Juan González, alcalde de Nigrán, quen incide que o obxectivo final é musealizar ao aire libre toda a cima do Castro mediante sucesivas actuacións. “Estamos máis que satisfeitos cos traballos desenvolvidos por Árbore no 2019, grazas a eles temos un claro camiño a seguir para ir descubrindo paso a paso esta cima”, incide González.

Entre os achados documentados destacan miles de fragmentos de cerámica de diferentes periodos históricos, o que sitúa a Chandebrito como un referente etnográfico de toda Galicia

O Castro de Chandebrito foi oficialmente escavado no 2008 nunha pequena intervención que permitiu situalo como habitado entre os séculos VI a.C ao II a.C, sen embargo, a nova investigación realizada no 2019 por Árbore Arqueoloxía a instancias do Concello de Nigrán amplía a ocupación do VIII a.C ao I d.C. É dicir, ten a súa orixe a finais da Idade de Bronce, nos inicios da cultura castrexa que tres séculos máis tarde se espallaría por toda Galicia dando lugar á maioría dos asentamentos coñecidos. Así o certifican as decenas de pezas atopadas (fusos de fío, lá e liño, pedras de afiar, pezas de metal, unha conta púnica…) e os miles de fragmentos de cerámica de diferentes épocas da Historia e moi ben conservadas, algunhas delas con decoración profusa (apareceron desde ánforas romanas ou fenicias que certifican o comercio dos habitantes de Chandebrito cos pobos mediterráneos a cerámica propiamente castrexa). “Esta nova escavación quedará totalmente á vista, polo que dará unha idea clara ao visitante de como era o Castro na súa orixe, que segundo os diferentes achados podemos situar no S. VIII”, explica Benito Vilas, un dos arqueólogos responsables.

“Estamos ante o gran tesouro patrimonial de Nigrán e da comarca. O potencial deste castro é maior do que xa se supoñía; dende o Concello seguiremos promovendo novas fases de escavación porque sabemos que este é o camiño para que sexa un referente etnográfico de toda Galicia”, destaca o alcalde, Juan González, quen incide en que, despois dos incendios, “todos comprendemos que a cultura, o respecto ao medio ambiente e a actividade económica deben ir sempre da man” por iso dende o goberno local se aposta por facer investimentos como a musealización deste espazo único con increíbles vistas á ría de Vigo ou a creación do primeiro parque forestal da comarca en terreos queimados das parroquias de Camos e Chandebrito.

O Concello de Baiona colabora axuda a que se cumplan os protocolos sanitarios nos colexios do municipio

0

O Concello de Baiona, en colaboración cos centros educativos do municipio, implantou unha serie de medidas para protexer á comunidade escolar ante a actual situación sanitaria. Entre as medidas levadas a cabo atópase a distribución de espazos nos centros polo que dende o Concello axudaron nesta tarefa mediante a cesión de valos, que permiten a correcta circulación e disposición do alumnado.

Doutra banda, entre as novas medidas orientadas a conseguir centros seguros procedeuse á recolocación do mobiliario das distintas estancias dos colexios, para manter a distancia mínima interpersoal esixida.

Durante os meses de verán o Concello de Baiona estivo traballando para preparar a volta ás aulas, sempre pendentes das actualizacións das directrices marcadas pola Xunta. Con todo, pola situación excepcional que se está vivindo, este ano tivéronse que intensificar as tarefas nos colexios, así como apostar por novas medidas cuxo fin é garantir que os centros educativos sexan lugares seguros para toda a comunidade educativa.

O concelleiro Óscar Martínez destaca que este labor é posible grazas aos operarios municipais, que teñen que deixar as súas ocupacións habituais para colaborar coas escolas. “A prioridade nestes días –sinalou Martínez– ten que ser a mellor protección posible para as nenas e os nenos de Baiona”.

Pola súa banda, o concelleiro de Educación, Óscar Carreño, explicou que os centros precisan axuda para poder botar a andar un curso que se prevé moi complicado, e o Concello está a colaborar para que este desenvólvase correctamente, “aínda que as competencias na implantación destas medidas sexan autonómicas e non municipais”.

Nigrán abre este luns o prazo de inscrición para as actividades municipais, que tendrán un aforo máis reducido pola Covid-19

0

O Concello de Nigrán abre do luns 21 de setembro ao sábado 26 o prazo de inscrición para as actividades deportivas municipais e culturais, que arrancarán o 5 de outubro e se manteñen igual que o ano pasado pero cun aforo reducido de entre un 50% e 30% en grupos de como máximo 10 persoas e cun protocolo específico de seguridade supervisado polo Servicio de Prevención de Riscos Municipal. Igualmente, habilitaranse grupos matinais de persoas maiores de 65 anos para Ioga, Zumba e Mantemento. Os prezos, as bonificacións e o tipo de actividades continúan igual e en todos os casos deberán desenvolverse con emprego de máscaras en todo momento.

A inscrición para as actividades deportivas (ioga, ximnasia de mantemento, ximnasia de terceira idade, aerobic-step, taichi, taekwondo, pilates, zumba, tenis) levarase a cabo na Oficina de Turismo de Gaifar (Panxón) en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00  de luns a venres e o sábado de 10:00 a 14:00. Estas se terán lugar, sempre que a climatoloxía o permita, ao aire libre no espazo deportivo de Gaifar. Pola súa banda, as inscricións para as culturais (música, cerámica, torno e pintura) serán tamén do día 21 ao 26 de setembro no Auditorio Municipal de 10:00 a 14:00 de luns a venres. En ambos casos as prazas se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. 

O Concello de Nigrán manterá un estricto protocolo de seguridade sanitaria con control de temperatura ao inicio da actividade, distancia de seguridade, realización de test periódicos aos monitores, desinfección de mans… Precisamente por criterios de seguridade sanitaria, a sala de máquinas permanecerá pechada.

As actividades finalizarán o 31 de maio e, tal e como sucedeu neste curso pasado, os poderán suspenderse xerando o dereito de devolución dos meses non disfrutados.

Ponteareas acomete a ampliación de pontencia e reforma da instalación eléctrica do centro de transformación do Complexo Deportivo Municipal

A Concellaría de Vías, Obras e Alumeado, que dirixe Chus Garrote, vén de adxudicar o proxecto de ‘Amplicación de potencia e reforma da instalación eléctrica do centro de transformación do Complexo Deportivo Álvaro Pino”, proxecto adxudicado por 32.653,28 € e permite unha importante mellora na seguridade e protección das instalacións.

A concelleira visitou as instalacións co responsable da empresa xestora, Insdega, para deseñar os tempos de desenvolvemento de execución da mellora que en ningún momento interferirá coa actividade diaria do complexo.

Arredor de dous mil usuarios/as empregan as distintas instalacións do complexo deportivo Álvaro Pino formadas por dous pavillóns, o ximnasio, a pista de padel e a piscina. Ademais, o complexo acolle multitude de torneos e competicións deportivas nas que participan deportistas de toda a península.

“Seguimos centrados na mellora dos espazos, instalacións e servizos que ofrecemos á cidadanía e que son de todas e de todos nós. Seguimos contruíndo unha cidade que aposta polas persoas e pola sostibilidade na liña marcada pola nosa estratexia de crecemento Ponteareas, habitat saudable”, explicou Chus Garrote.

Estas obras contan co apoio da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos e co financiamento tamén dos fondos propios do Concello.

Executada a mellora de camiños rurais municipais en tres lugares da parroquia de Chenlo

Remataron as obras de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas nos lugares de Ladeira, As Cales e Vilar, na parroquia de Chenlo, segundo informa a Concellería de Infraestruturas que dirixe Pedro Pereira.

Estas obras consistiron na mellora do firme e da drenaxe. Realizáronse cunetas novas para a recollida de augas pluviais e os camiños pavimentáronse con aglomerado quente de 5 cms de espesura.

Mellora de camiños rurais

Pereira manifestou que “estes camiños atopábanse en moi mal estado e a súa reparación propúxose pola concellería de Infraestruturas para acollerse a estas subvencións da AGADER”.

A actuación tiña un orzamento de 49.000 € e o Concello do Porriño recibiu unha subvención da AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural), outorgada e confirmada o pasado mes de agosto.

Sanidade levanta na Guarda as restricións preventivas adoptadas con motivo da COVID-19

0

Despois de escoitar as recomendacións do Comité Clínico, en canto a evolución do número de casos activos durante esta última semana, Sanidade decide poñer fin as restricións que anunciara o pasado 11 de setembro. O anuncio farase público no DOGA e terá vixencia a partir das 0:00 h do sábado 19 de setembro.

A última comunicación da situación epidemiolóxica na Guarda, realizada na tarde do xoves 17 de setembro, elevaba a 22 o número de casos activos, 8 menos que fai unha semana. Así mesmo Sanidade comunicaba que hai 53 casos aos que se lle está facendo estreito seguimento.

O concello seguirá mantendo para este sábado a medida de prevención de non celebrar o mercadillo, salvo cos postos de alimentación e flores. No caso de manterse a evolución epidemiolóxica desta semana, o próximo sábado día 26, celebrarase de novo o mercadillo completo, tendo sempre en conta as medidas de prevención recomendadas.

A vindeira semana A Guarda acolle as celebracións do Día de Santa Trega(festividade local -23 Set), que neste ano tan atípico, e ante as medidas de prevención motivadas pola pandemia da COVID-19, terán que realizarse dun xeito distinto.

As misas, que tradicionalmente se celebran na ermida no Monte de Santa Trega, celebraranse na Igrexa Parroquial e con limitacións de aforo tal e como ditan as normas sanitarias vixentes, non se realizarán as Poxas de produtos típicos nin a procesión.

A Ermida de Santa Trega estará aberta ao público nesta xornada para todos os fieis e devotos que desexen facer as súas ofrendas, sempre respectando as distancias de seguridade, o uso obrigatorio de máscaras de protección e hidroxel.

Como en anteriores ocasións, o concello insta a cumprir as medidas de prevención a toda a poboación: uso da mascarilla, hixiene de mans e o mantemento da distancia social, sobre todo tendo en conta que co comenzo da actividade escolar aparecen novos factores de risco. Dende o concello queremos trasladarlle ás familias que reforcen as medidas de precaución cos cativos, prestando especial atención a aparición de febre.

Mercado semanal de Tui, seguro e regularizado

0

O mercado semanal que cada xoves se celebra en Tui cumpre coas medidas de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias e o 100 % dos postos que acoden ao mesmo están regularizados. Dende que retomou a súa actividade o pasado 18 de xuño, tras o parón debido ao estado de alarma, o mercado semanal celébrase agora na prolongación da rúa Casal Aboy e nos terreos das antigas instalacións de Cam-Fran.

O goberno municipal apostou na súa reapertura polo cambio de ubicación para garantir que puideran regresar os 160 postos autorizados cumprindo a normativa establecida, que recolle entre outras medidas a distancia mínima entre postos.

Dende o Concello apostouse por un mercado seguro co establecemento de xel hidroalcólico nas entradas e saídas do mercado, fixando un sentido de tránsito único con percorridos separados por valos e cinta e marcando unha separación de 6 metros con respecto ao posto situado enfronte e coma mínimo metro e medio co lateral. Amais nas inmediacións habilitouse un aparcamento gratuíto para facilitar a asistencia de público.

Amais dende o Concello fixouse coma obxectivo que todos os vendedores e vendedoras acudirán en igualdade de condicións no referido ao pago das taxas municipais. Por este motivo no momento de retomar a actividade do mercado comunicóuselle aos vendedores ambulantes que acumulaban débedas dende 2019 que dispuñan dun prazo improrrogable de 30 días para regularizar a súa situación, ou en caso contrario, segundo o recollido na ordenanza municipal, revogaríase a autorización do posto por incumprimento das condicións establecidas.

Transcorrido ese prazo o 97,5% dos 160 postos regularizaron a súa situación segundo explica a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Mª Núñez, quen sinala que “isto deixa de manifesto claramente que o mercadillo de Tui cumpre as súas expectativas de venda”. A edil salienta a implicación do goberno municipal para garantir a continuidade do mercado dun xeito seguro e en condicións de igualdade para todos os vendedores e vendedoras.

Amais na última mesa de traballo coas asociacións representativas dos vendedores ambulantes da provincia que acoden os xoves a Tui xurdiron novas propostas que están a ser estudadas. A concelleira de Mercado, Ana Mª Núñez, agradece a implicación dos vendedores ambulantes para que o de Tui sexa un mercado seguro e digno, e un referente en modelo de venda ambulante. Tamén agradece a súa entrega e bo facer ao equipo técnico, persoal municipal, e Policía Local.

Sanidade lembra a importancia de vacinarse este ano fronte á gripe

A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo, presentou hoxe, na compaña do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas. a campaña de vacinación da gripe 2020, que ten como obxectivo xeral diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas do padecemento desta enfermidade, minimizando o efecto na saúde mediante a súa prevención. A tal efecto, o departamento sanitario galego vai investir 3,2 millóns de euros.

Tal e como destacou a directora xeral, outros obxectivos específicos da campaña, que arranca o día 13 de outubro e remata o 31 de decembro, por tanto, 12 semanas de xeito continuado, é acadar unha cobertura na poboación de 65 ou máis anos e nos traballadores sanitarios do Sergas igual ou superior ao 75%. No caso das mulleres embarazadas e persoas con condición de risco, o obxectivo de cobertura sitúase unha porcentaxe igual ou superior ao 60%.

Sanidade lembra a importancia de vacinarse este ano fronte á gripe, xa que, no contexto da pandemia pola covid, poden coincidir ambas infeccións, de aí o trascendental da vacinación antigripal das persoas en risco e a redución da carga desta enfermidade.

A Consellería de Sanidade mercou inicialmente un total de 617.500 doses, e o resto das doses, ata completar o total de 865.830, son subministradas polo Ministerio de Sanidade (248.330). O total de doses deste ano supón 200.830 máis que no ano anterior.

A directora xeral destacou que, respecto das coberturas fronte á gripe no pasado ano, Galicia, cun 60,42%, sitúose 6,5 puntos por riba da media nacional, e subliñou que manterase a indicación de vacinación ao persoal sanitario do Sergas dende unha semana antes do inicio da campaña xeral, por tanto para este colectivo comezará o 5 de outubro.

Incidiu Carmen Durán en que a campaña conta con 900 puntos de vacinación, entre centros de primaria e hospitalaria do Sergas, centros médicos e consultas privadas, residencias da 3º idade públicas ou privadas, centros penitenciarios, unidades de atención aos drogodependentes, centros de menores e discapacitados, etc.

Poboación diana

A poboación diana da campaña á que se lle oferta gratuitamente a vacina son as persoas de 60 ou máis anos, especialmente os de 65 ou máis anos ou as que convivan en institucións pechadas (residencias de persoas maiores e outros centros de atención e crónicos).

Tamén son poboación diana da campaña as persoas de menos de 60 anos que teñen un risco de complicacións derivadas da gripe, presentado esta campaña como novidade as mulleres durante o puerperio (ata 6 meses tras o parto), sempre que non se vacinarán no embarazo.

Son igualmente poboación diana as persoas que lles poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións. Trátase de persoal de centros sanitarios de primaria e hospitalaria, públicos e privados, de oficinas de farmacia, de institucións xeriátricas e de atención a enfermos crónicos, estudantes en prácticas en centros sanitarios, asistentes domiciliarios de pacientes de alto risco ou persoas maiores, así como convivintes de persoas de grupos de risco.

Outras persoas nas que se recomenda a vacinación son as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade e os traballadores expostos directamente a aves ou porcos nas granxas ou explotacións avícolas ou porcinas e tamén ás aves silvestres.

Remarcar que, por primeira vez, Galicia empregará nesta campaña unha vacina tetravalente de alta carga para as persoas máis vulnerables, aquelas de 65 ou máis anos ingresadas en residencias.

Sinalar, así mesmo, que entre a loxística da campaña está o feito de que a partir da terceira semana da campaña realizarase unha chamada por parte dos profesionais de enfermería de atención primaria á poboación de 65 a 74 anos. Ademais, enviaranse sms masivos de recordo de vacinación á poboación entre 65 e 74 anos, estableceranse axendas de citación especial para vacinación e vacinaranse aos enfermos crónicos nas visitas a domicilio. Por último, o Sergas lembra a importancia, este ano máis que nunca, de concertar cita para a vacinación nos centros de saúde e non acudir directamente sen ser citado.

Sigue por streaming o Trofeo Amizade de Natación

O club natación Ponteareas e o complexo deportivo Álvaro Pino retoman a súa axenda de competicións e eventos e convidan a gozar da celebración do XXI Trofeo Amizade que terá lugar esta fin de semana na piscina municipal. A empresa xestora do complexo acordou celebrar este trofeo a porta pechada para garantir a seguridade sanitaria tanto das e dos propios participantes como das usuarias e dos usuarios habituais da piscina municipal que non poderán adestrar mañá sábado ao estar só aberta para os e as participantes no trofeo.

“Seguindo a liña fixada dende o comezo da pandemia, daremos prioridade á seguridade sanitaria por iso para prexudicar o menos posible aos nosos usuarios habituais abriremos a piscina o vindeiro domingo día 27 de setembro para que poidan recuperar este sábado no que a piscina se pecha para que se poida celebrar o Trofeo Amizade”, explica o xerente de INSDEGA.

Co obxectivo de minimizar riscos e a pesar de que no mes de setembro a piscina non abre os domingos, a empresa xestora toma esta medida excepcional de abrir o domingo 27  para que este sábado non coincidan nas mesmas instalacións os e as participantes no torneo cos e coas nadadoras habituais da piscina municipal. 

Neste trofeo participarán clubs de distintas localidades galegas: Boiro, Pontevedra, Coruña, Lugo, Arteixo, Ourense e Vilagarcía. Cun formato diferente 11 equipos galegos e preto de 200 nadadores e nadadores van competir na primeira proba que se celebra en piscina tras a interrupción producida pola crise sanitaria no mes de marzo, contando cun sistema de cronómetro electrónico.

Para que todas e todos poidamos gozar deste espectáculo deportivo a competición do sábado, en categoría absoluta, vaise retransmitir por streaming na ligazón:

O CNPonteareas agradece ao Concello de Ponteareas, a Protección Civil e aos patrocinadores locais o esforzo e a colaboración para que con todas as medidas de protección e seguridade sanitaria saia adiante con éxito.