Xoves, 21 Agosto de 2025

Mos celebrou a súa 32 edición da Festa da Terceira Idade con record de afluencia

0

O pasado domingo celebrouse a tradicional Festa da Terceira Idade do Concello de Mos que nesta súa trixésimo segunda edición acadou a maior afluencia da súa historia.

Tras dous anos sen poder celebrala por mor da pandemia, a veciñanza mosense tiña máis ganas que nunca de homenaxear aos seus maiores e ao amor que se profesan os matrimonios mosenses que levan medio século xuntos, nunha festa que a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, define como “a máis entrañable de todas as que temos en Mos”.

101 matrimonios foron o total de homenaxeados este ano o domingo día 28 de agosto, en Costoias, parroquia de Tameiga.

Trátase de parellas, das dez parroquias mosenses, que cumpren ou cumpriron os 50 anos de casados. A deste ano foi unha edición moi especial, xa que se homenaxeou tanto aos matrimonios que os cumpriron neste 2022, como nos dous anos previos, 2020 e 2021, e que debido á pandemia non puideron celebrar.

Esta emblemática festa concíbese desde a administración local mosense como parte do programa destinado aos maiores, coa finalidade de impulsar a participación social activa e a integración deste colectivo de idade na comunidade, así como lograr a participación en distintas actividades creativas e lúdicas. A xornada do domingo desenvolveuse contando coa presencia de toda a Corporación Municipal, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o Director Xeral de Maiores, Antón Acevedo, a concelleira de Política Social mosense, Sara Cebreiro, e a deputada autonómica, Feli Rodríguez. Os actos celebrados foron: a partir das 12:00h Misa cantada pola coral Ventos do Val, seguida da Banda de Música Xuvenil de Torroso; a partir das 14:00h comezou o xantar, a cargo do Concello para os matrimonios homenaxeados, quen tamén convidou a todos os asistentes a unha degustación de callos. A partir das 16:00 h tivo lugar a homenaxe aos matrimonios. A animación e o baile correu a cargo do grupo Club Naval.

Baiona celebra esta tarde unha festa infantil de “fin de verán”

0

O paseo Riberia de Baiona acollerá a partir das 17:00 h unha festa infantil de “fin de verán” organizada de forma gratuíta pola Concellería de Cultura do Concello de Baiona e que forma parte da programación Baiverán 2022.

Os nenos e nenas da Villa poderá gozar de inchables, un taller de tatuaxes e flocos de millo gratis para todos aquelas persoas que se acheguen a gozar destas actividades gratuítas programadas para a diversión dos máis pequenos e pequenas.

A xornada acabará cunha sesión de cinema ao aire libre, tamén para público familiar. A Praza do Concello albergará a proxección da película “Space Jam, novas lendas” a partir das 22:30 horas.

A Guarda acolle en setembro un itinerario formativo de 120 horas de duración para a dixitalización de mulleres

0

O Concello da Guarda colabora no Programa de Formación para a dixitalización de mulleres “Galegas Dixitais”, acollendo 3 módulos de formación que arrancan o 19 de setembro e durarán ata o 30 de outubro. A formación realizarase na Guarda en horario de 09:00 a 14:00.

É unha formación gratuíta dirixida a mulleres da Guarda orientada á mellora das capacidades dixitais, ao aumento das posibilidades de atopar emprego e adquirir os coñecementos en novas tecnoloxías precisos para o día a día.

Módulos

  • Competencias dixitais básicas: Coñecementos dixitais para o día a día (40h).
  • Competencias dixitais avanzadas: Coñecementos dixitais para o traballo (40h).
  • Competencias dixitais para o empredemento: Coñecementos dixitais para o negocio (40h).

As inscricións están xa abertas nos teléfonos 986 61 00 00 e no whatsapp 604 039 575, na recepción do Concello da Guarda e na web http://galegasdixitais.es/.

Protección Civil Val Miñor adquire un novo furgón

A Mancomunidade do Val Miñor vén de investir 14.000 € nun furgón para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor, concretamente unha Fiat Scudo de 9 prazas.

“Realizan de maneira altruísta unha labor encomiable e fundamental para a seguridade dos tres concellos, así que desde a Mancomunidade entendemos que era urxente solventar esta carencia que lles complicaba a súa propia organización”, explica Juan González, alcalde de Nigrán e actual presidente da Mancomunidade.

Este vehículo de segunda man permitirá remplazar definitivamente o todoterreo Nissan Patrol de case 30 anos de antigüidade e, ao mesmo tempo, facilitará moitísimo os grandes dispositivos na comarca, xa que se empregará fundamentalmente para o movemento de persoal e/ou traslado de material. “Eventos como a Arribada, San Xoan, a Vig-Bai, as cabalgatas de Reis ou a Festa da Bicicleta ou a seguridade nas praias implican moitos desprazamentos de persoal, polo que este furgón facilitará enormemente a nosa labor”, explica Iago Álvarez, o seu presidente, quen destaca que se trata dunha das agrupacións máis numerosas de Galicia con 136 voluntarios a día de hoxe. Así, este vehículo que ‘xubilará’ ao actual Patrol sumarase ao todoterreo e á camioneta pickup que conforman a súa frota.

Aberto o prazo de confirmación de praza para a aula matinal do curso 2022/23 en Ponteareas

Co calendario escolar a piques de arrancar, o Concello xa ten aberto o prazo de confirmación de praza de aqueles nenos e nenas que solicitaran a aula matinal dos centros educativos públicos de Ponteareas que, como cada ano, subvenciona o Goberno municipal nos colexios de educación infantil e primaria do ámbito rural e urbano.

As persoas interesadas teñen á súa disposición na web o formulario de autorización de cobro necesario para a formalización da praza, que pode entregarse de xeito presencial no Rexistro do Concello ou a través da sede electrónica. Tamén está accesíbel o formulario para aquelas familias que queiran realizar a súa solicitude.

Como sinala a alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández Davila, “o Concello fai un esforzo para ofrecer cada ano este servizo á veciñanza, xa que supón un importante apoio para que as familias poidan conciliar a vida persoal e laboral”. Ademais, a aula matinal permite “potenciar o desenvolvemento integral do alumnado, fomentar valores sociais como o compañeirismo e incentivando en cada neno e nena habilidades sociais, actitudes cooperativas, democráticas e cívicas”.

“Callos anti inflación” esta fin de semana en Salceda

A Praza do Concello acolleu a presentación da XXVIII Festa dos Callos que se celebrará esta fin de semana en Salceda de Caselas. A presentación, conducida polo Concelleiro de Cultura e Festexos, Álex Rodríguez contou coa presenza do Presidente do Grupo Señorío de Rubiós Antonio Méndez, cos representantes do grupo Coren Fernando Córdoba e Alejandro Alonso, e coa alcaldesa Verónica Tourón. Un dos puntos importantes a destacar na volta á normalidade da festa é que se mantén o prezo das últimas edicións. A ración de callos para degustar na propia festa, incluíndo o viño, o pan, o prato e a cunca, terá un prezo de 8 €, podendo tamén levar os callos “en tarteira” a 6 € a ración. Ademais, por terceiro ano, na festa serviranse tamén callos sen gluten para que as persoas celíacas non deixen de desfrutar do evento.

O presidente Antonio Méndez quixo mostrar o seu agradecemento ao Concello de Salceda de Caselas por contar un ano máis coa adega das Neves para a cita gastronómica, e presentou o viño que acompañará aos Callos esta fin de semana, un Sousón Tinto de Señorío de Rubiós, a uva máis abundante de Rubiós, e que grazas ao traballo feito especialmente por esta bodega, os tintos Rías Baixas contan cada vez cunha maior calidade.

Alejandro Alonso, o mestre cociñeiro encargado da elaboración do prato confirmou que se prepararán en torno as 20.000 racións de callos, para as cales se empregarán 1900 kg de ventre de vacún, 920 kg de carne de pata de tenreira, 2.200 kg de garavanzo remollado, 425 kg de lacón e 350 kg de chourizo galego, co seu sofrito correspondente, que sumarán un total de máis de 5.000 quilos de produto. A preparación dos callos comezará sobre a 1:30 para sobre as 7:30 facer a mestura do sofrito coas carnes e ter o produto preparado ás 8:30 para empezar a despachar sobre as 9:30. Fernando Córdoba, director da unidade de conservas e pratos do grupo de Coren definía a Alejandro como un claro referente de esforzo, traballo, compromiso, dedicación e sobre todo cercanía coa cultura galega, destacando tamén a importancia para o grupo Corén de poder colaborar coas administracións públicas neste tipo de eventos, que fan que se poña en valor un prato tan representativo da cultura galega como os Callos.

A cita virá acompañada por unha ampla programación ´preparada polo Concelleiro de Cultura Álex Rodríguez que comezará xa este xoves, e que inclúe a volta de citas consolidadas como o XIV Serán dos Callos, que este ano se celebrará no venres, e a primeira edición do Concurso de Charangas, organizado xunto á Charanga SGHAE, e que fará que durante toda a tarde do sábado a música e o ambiente festeiro enchan as rúas e praza da vila. Pepo Suevos será o encargado de dar o pregón da festa o domingo ás 12 do mediodía, pregoeiro que volverá subir ao escenario ás 20.00 horas no Auditorio Municipal para ofrecer o seu show. Esta é solo unha pequena mostra do amplo abano de propostas culturais e de ocio que acompañarán os callos durante toda a fin de semana.

Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura: “Este ano volvemos a organizar a Festa dos Callos co seu formato tradicional, nunha fin de semana que sirve de motor dinamizador da economía e turismo da vila, e no que recibiremos a visita de milleiros de persoas de Salceda e da contorna, para o cal é imprescindible o traballo e esforzo dos empregados municipais e do voluntariado”.

Verónica Tourón, alcaldesa: “Nesta edición recuperamos o pulso da Festa dos Callos con moita forza, con novidades e coa ilusión de que a nosa veciñanza poida desfrutar como sempre dunha cita gastronómica tan importante para o noso pobo. Esta fin de semana Salceda volverá a ser esa vila acolledora  a que acudiran milleiros de visitantes para celebrar connosco á volta á unha das nosas festas máis importantes”.

PROGRAMACIÓN

XOVES 1 SETEMBRO

  • 20.00 Rockeamos todas con Pakolas. Praza do Concello
  • 22.00 Concerto dúo Souzar. Auditorio Municipal

VENRES 2 SETEMBRO

  • 18.00 Festivaliño on the Road 2022. Praza do Concello
  • 22.30 XIV Serán dos Callos. Praza do Concello

SÁBADO 3 SETEMBRO

  • 19.00 Concurso de Charangas
  • 00.00 Concerto Turre’s Band. Praza do Concello

DOMINGO 4 DE SETEMBRO

  • 09:30 Apertura de billeteiras e despacho de callos.
    • Animación con Animar-T e charanga Nova Jomada.
  • 12:00 Lectura do pregón a cargo de Pepo Suevos.
  • 20:00 Monólogo Pepo Suevos. Auditorio Municipal

Covelo avanza e suma novos tramos á rede de saneamento

0

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, informa que veñen de comezar as obras do proxecto de “ramais de saneamento de Carballeda, en Covelo e O Barreiro e As Óseas, en Santa Mariña”.

O goberno de Covelo continúa así na súa estratexia de mellora dos servizos básicos investindo, nesta nova obra, un total de 69.753,81 € que se suman aos tramos xa executados nos ramais de saneamento en O Castro en Covelo, Costa en Godóns; Santa Cruz en Santa Mariña e Margarida en Paraños.

Ademais de ofrecer un servizo básico á cidadanía, as melloras na rede de saneamento son fundamentais para preservar e protexer o medio natural, un dos principais compromisos deste goberno.

O ano remata no Rosal cun curso de pilates para maiores de 50 anos

0

O Rosal acollerá durante os meses de outubro, novembro e decembro un curso de pilates pensado para promover o envellecemento activo, favorecer a cooperación social e promover espazos de encontro e o intercambio de experiencias entre as persoas de maior idade. A Asociación Cultural Persoas Maiores O Rosal pon en marcha en colaboración co Concello este taller de 30 horas no que poderá participar calquera persoa interesada maior de 50 anos.

O curso forma parte do proxecto Depo en Marcha 2022 da Deputación de Pontevedra e impartirase luns e mércores de 17.00 a 18.30 horas dende o 4 de outubro ata o 12 de decembro deste ano. As clases serán no centro polivalente do Rosal e terán un prezo único de 7 euros por persoa os tres meses.

Todos aqueles rosaleiros interesados poderán inscribirse para participar a través do teléfono 646 633 958.

O Consorcio de Augas do Louro garante o subministro de auga potable con Eiras por debaixo do 40 %

O Consorcio de Augas do Louro integrado polos concellos do Porriño, Mos, Salceda e Tui, reuniu hoxe ao seu comité na ETAP dos Valos. Representantes de todas as entidades que conforman o ente –o presidente e alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o concelleiro de Salceda, Rubén González (en substitución hoxe da alcaldesa Verónica Tourón) e a directora de Augas de Galicia, Teresa María Gutiérrez López–, comprobaron de primeira man a autonomía da rede de abastecemento en caso de alerta por seca.

E é que, a diferencia de outros concellos, como o de Vigo, co embalse de Eiras por debaixo do 40 %, o Consorcio podería seguir tratando e distribuíndo auga para fogares e industrias grazas a un sistema de bombeo e potabilización que permitiría garantir o subministro de auga apta para o consumo humano.

“O embalse neste momento atópase a un 81 % de capacidade e cun consumo semanal do 3%, unha cifra que se engrosará notablemente unha vez o Concello de Vigo se abasteza na súa totalidade do mesmo”, explicou Lorenzo.

Se ben na actualidade non está comprometida a dispoñibilidade deste recurso na zona de non darse choivas continuadas a situación pode complicarse de cara ao outono.

A última situación de seca que vivimos foi no outono do ano 2017 e os datos cos que traballamos de capacidade e as falta continuada de precipitacións apuntan a que pode darse unha situación complicada que dende o Consorcio comezamos a intentar minimizar hai meses.

Implementáronse medidas de reducción de consumo en todos eles –peche dos sectores de rego, evitáronse os baldeos e suspensión de eventos que conlevaban un consumo non necesario de auga–, e activouse o Plan de emerxencia contra seca co que contamos para tentar reducir o impacto da seca. Actuouse con contundencia, anticipación e responsabilidade.

Os alcaldes e alcaldesas dos catro concellos que conforman o Consorcio de Augas do Louro apelan a un consumo responsable de auga por parte da cidadanía e tamén do tecido empresarial, a fin de evitar a adopción de restricións e medidas máis drásticas, como as que foi necesario tomar nas anteriores crises os anos 2017 e 2008. Así, faise un chamamento a reducir no posible o rego de xardíns, enchido de piscinas, limpeza de rúas e vehículos, así como pequenos xestos diarios que teñen un gran impacto no consumo total, como pechar os grifos mentres se enxabona, non encher a bañeira, encher ben as lavadoras, etc…

O Porriño celebra a XV Dirt Track Xacob Agra

O Velódromo Municipal do Porriño acollerá este sábado, 3 de setembro, o XV Dirt Track Xacob Agra. Como cada edición, o motoclub Papaya en colaboración co Concello do Porriño, organiza esta carrera noturna que reunirá no óvalo porriñés a pilotos chegados de toda a xeografía galega e tamén do país veciño.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polo presidente do Moto Club Papaya, Joaquín Agra, o piloto local, Xacob Agra, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez,  e o técnico de deportes do Concello do Porriño, Julio Bernárdez, presentaron hoxe o evento.

“Nomes como o de Xacob Agra levan ao Porriño por todo o mundo e tamén atraen a moitos outros deportistas e afeccionados de fóra”, afirmou o alcalde, “Por iso son tan importantes probas coma o consolidado Dirt Track do Moto Club Papaya e por iso dende o Concello esforzámonos a diario por respaldar esta e outras probas deportivas que impulsan os nosos clubes, algo que merece a pena en vista dos múltiples éxitos deportivos colleitados polos nosos deportistas”.

Como cada ano a proba desenvolverase en eliminatorias por grupos (clasificatorias, repescas, semifinais e finais. Prevese que disputen a proba arredor de 40 pilotos (20 en adultos e outros tantos na modalidade infantil) chegados de toda a xeografía galega e tamén do país veciño. “Entre os participantes, por suposto, o anfitrión Xacob Agra e o piloto porriñés gañador da última edición, Iago Martínez”, apuntou o edil de Deportes.

A proba comezará a partir das 21 h.

Comezan en Arbo as obras de mellora do ensanche do vial da igrexa de Santa María á capela de San Pedro

0

O Concello de Arbo pretende mellorar a súa rede municipal de estradas, reparando as estradas e pistas asfaltadas, e pavimentando completamente as pistas que se atopan en terra. Unha das súas prioridades e mellorar a seguridade viaria en todas as súas estradas, executando ensanches e mellorar o trazado nos tramos mais perigosos.

Dada a amplía superficie do concello, e o gran numero de estradas existentes, a tarefa de mantelas todas en perfecto estado é complicado, sendo necesaria proxectos de pavimentación que rexeneren  completamente a rodadura en ditas estradas e que melloren a seguridade viaria coa optimización do trazado.

Coas actuacións previstas pretendese mellorar o servizo que ofrece para os usuarios o vial de acceso dende a Igrexa ata a Capela de San Pedro na parroquia de Arbo , obxecto da obra, pois é un vial utilizado, tanto por vehículos como por peóns, prevéndose a súa mellora e pavimentación, ao atoparse en mal estado.

As obras previstas conta  con traballos previos e escavacións: Roce do terreo, demolición dos pavimentos existentes e realización do movemento de terras necesario, coa escavación (principalmente en roca, con martelo  picador), así como a carga e transporte do material sobrante a entulleira.

Executaranse muros de pedra do país, para a contención dos camiños, ou a reposición do peche das parcelas afectadas. Realizarase a recollida das augas pluviais dispoñendo unha cuneta de formigón. Executaranse tubaxes de PVC. Pozos de rexistro e  arquetas. Renóvase a rede de iluminación do vial e a rede eléctrica e rede de telecomunicacións e pavimentación.

Por  medio da presente intervención, ponse en valor a Capela de San Pedro e a Igrexa de Santa María de Arbo  e o seu  entorno próximo, xa  a Granxa tratase da zona máis antiga de Arbo e  pretendese  conservar o patrimonio municipal, recuperar a imaxe de construcións tradicionais,  e dotar de servizos adecuados ás instalacións existentes,  así como mellorar a súa funcionalidade e fomentar o seu uso e mantemento, mellorando tamén a seguridade vial e facilitar o acceso ao barrio da Granxa.

O orzamento base de licitación ascende á cantidade de  202.988,56 € (IVE do 21% incluído que ascende a 35.229,42 €) e conta cunha achega da Deputación Provincial de Pontevedra, no marco do Plan Concellos 2022-2023: Liña 1: Investimentos. 

O Concello de Tui acondicionou o patio dianteiro do CEIP de Pazos de Reis

0

O CEIP de Pazos de Reis ten sido obxecto tamén ao longo das últimas semanas de diversas obras de mellora dentro das actuacións que o concello de Tui está a realizar nos centros educativos con fondos propios.

As obras executadas neste centro de Pazos de Reis este verán consistiron no acondicionamento do patio dianteiro, con zona axardinada, e bancadas para o horto escolar. Tamén se procedeu ao pintado de varandas, lixado e pintado de enreixados, e adecuación do patio de xogos traseiro con soleira de formigón e construción de escaleiras exteriores.

Xa durante a Semana Santa levárase a cabo a adecuación dos baños, o pintado das aulas de infantil e a colocación de tarima flotante na aula prefabricada.

A concelleira de Ensino, Sonsoles Vicente, explica que o CEIP de Pazos de Reis, é dos centros máis antigos municipio, lembrando que en 2008 celebrou xa o seu 50 aniversario.  A edificación construtiva quedou obsoleta ante as novas competencias curriculares que se veñen introducindo no ensino o que dificulta ter un maior número de alumnado, aínda que ano a ano vai incrementando a matrícula dentro das posibilidades do centro.

Lembra tamén Sonsoles Vicente coma “dende a comunidade educativa e co apoio do Concello de Tui, estase demandando a construción dun novo colexio no espazo, así acordado xa no ano 2018, no que coñecemos como a Macoca”. Mentres non se realiza esa construción a concellería de Ensino realiza todos os anos obras “en prol da comunidade educativa para o seu mellor benestar e para conseguir unhas instalación públicas de calidade”.

Ponteareas regresará ao século XX cunha nova edición da Feira Tradicional dos Remedios

Ponteareas prepárase para unha nova edición da Feira Tradicional dos Remedios, que devolverá á vila ao século XX o vindeiro mes de setembro. O parque da Feira Vella, a Praza de Bugallal e as rúas da contorna acollerán o vindeiro 10 de setembro a décimo cuarta edición deste encontro cultural no que, como cada ano, haberá de 10.00 a 20.00 horas postos de artesáns e expositores.

O Concello xa ten aberto o prazo de inscrición para participar nesta nova edición. As persoas ou entidades interesadas poderán solicitar o seu posto ata o venres 2 de setembro enchendo o formulario recollido nas bases de participación. A organización da feira valorará todas as solicitudes recibidas e comunicará o luns 5 de setembro a cada persoa inscrita a súa participación ou non na feira.

Daráselle preferencia a aquelas persoas que realicen demostracións en vivo dos seus oficios, así como a todas e todos os expositores inscritos no rexistro de Artesáns de Galicia e a produtores e produtoras locais que cumpran os requisitos estipulados nas bases. As e os participantes deberán estar ataviados con vestimenta de principios do século XX.

O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, anima a todas as persoas interesadas a presentar as súas solicitudes e participar nunha feira única “que recrea o ambiente comercial de principios do século XX e que congrega cada edición a artesáns de produtos de alimentación, de tecidos, de complementos, de cosméticos ou de gando, entre outros moitos produtos e servizos”.

As persoas interesadas poderán consultar calquera dúbida a través do enderezo electrónico [email protected].

A Feira Tradicional dos Remedios forma parte do amplo abano de actividades que se celebrarán con motivo das Festas de Setembro. O goberno local dará a coñecer nos vindeiros días a programación completa dun mes cheo de cultura e lecer, que se intensificará entre o 8 e 11 de setembro, con motivo dos Remedios, e do 28 ao 2 de outubro, coa celebración de San Miguel.

O Goberno local convoca unha concentración en contra dos recortes no ensino público

0

O Goberno local de Redondela vén de anunciar convocatoria dunha concentración que, en contra dos recortes do ensino público, terá lugar o vindeiro 2 de setembro ás 20 horas na Praza do Concello e secundada pola Federación de ANPAS de Redondela.

A alcaldesa Digna Rivas adiantara en pasados días, tralo anuncio da Consellería de Educación de reducir o cadro de persoal do IES Mendiño en 4 profesores e profesoras, non so o seu apoio ás nais e pais e ás accións que en contra dos recortes e en defensa do ensino público convoque a comunidade educativa senón que o Goberno local “adoptaría todas cantas medidas estiveran na súa man para evitar unha medida arbitraria que ataca directamente á calidade do ensino e polo tanto, ao futuro dos nosos fillos e fillas”.

Tal e como manifestaron nestes días a Federación de ANPAS, engadiu a alcaldesa o debate que se debería ter agora en Redondela, como cuarto municipio da provincia, sería o de incrementar o profesorado dos nosos centros e, porén, tal e como apuntou a ANPA do IES Mendiño, “estamos loitando porque no nos quiten o que xa temos”.

O Goberno local enviou xa aos grupos da oposición, de cara a atopar un consenso, o texto do que será a Declaración Institucional do Concello de Redondela en contra dos recortes no ensino público, texto que comeza do seguinte xeito: Os grupos políticos PSOE, AER e BNG do Concello de Redondela, ante os continuos recortes que se están a producir nun dos dereitos fundamentais como é a educación queremos dirixir a seguinte declaración institucional a toda a comunidade educativa e ao resto da cidadanía, co a intención de unir forzas para loitar por unha educación pública, gratuíta e de calidade.

Rivas amosou a súa confianza do apoio partidos con representación no Concello “a un texto que non fai máis que poñer o foco de atención sobre o sistemático desmantelamento do ensino público que está a levar a cabo a Consellería”. A alcaldesa lembrou que a propia Constitución –Capítulo 2 Derechos y libertades , artigo 27 da Sección 1 De los derechos fundamentales y de las libertades públicas– especifica claramente que “Os poderes públicos garantirán o dereito de todos á educación, mediante unha programación xeral do ensino con participación efectiva de todos os sectores afectados”.

“Se a Consellería adopta sobre o futuro dos nosos fillos e fillas medidas unilaterais sen a participación efectiva de todos os sectores afectados, como di a Carta Magna, asemella que estaría incumprindo o propio texto constitucional”, afirma a alcaldesa.

Insistiu Rivas no feito que “por moito empeño que teña o persoal docente en manter o nivel de calidade do ensino, é imposible facelo se cada vez son menos profesores e profesoras e, como consecuencia, algunhas das aulas vaian sobrepasar o número de 30 alumnos”. “Non é momento para medias tintas nin posturas politicamente correctas, senón de posicionarse de xeito claro e ser responsable coa decisión que adopte”, recalcou a rexedora redondelá.

Nese sentido a alcaldesa de Redondela amosou a súa “fonda decepción” polo rexeitamento do PP a asinar o manifesto consensuado xa co ANPA do IES Mendiño, Federación de ANPAS, AER e BNG O PP, di Digna Rivas, “opta unha vez máis por borrarse antepoñendo a defensa das cores do seu partido en Santiago aos lexítimos intereses das súas veciñas e veciños”. Rivas foi contundente ao afirmar que, por fin “os populares deciden quitarse á máscara e amosar realmente cales son as súas prioridades, manexados dende a sombra polo que será o seu candidato, Javier Bas, busca volver agora como sexa e a costa do que sexa, aínda que o prezo a pagar sexa prexudicar os intereses xerais da cidadanía que deberían ser, como o son para nós, a súa primeira prioridade por enriba de cores partidistas”.

Nigrán e Baiona amplían o servizo de socorrismo ata o 15 de setembro

As praias de Baiona e Nigrán contarán con servizo de socorrismo ata o 15 de setembro e non só ata o 31 de agosto (como ven sendo habitual e estaba previsto). A Mancomunidade do Val Miñor, a través do seu presidente actual, Juan González, tramitou onte esta decisión ante a previsión de tempo soleado e, polo tanto, de gran concorrencia de bañistas aos areais.

“Aínda que en setembro xa non hai tanto turismo este ano esta sendo excepcional con moitísima xente todavía e, ademais, con previsión de bo tempo, así que consideramos que o apropiado é manter a vixilancia”, explica.

Dase a circunstancia de que este ano a Mancomunidade do Val Miñor conseguíu conformar a totalidade de 30 profesionais requiridos para atender as praias de Baiona e Nigrán durante todo o verán, circunstancia que non pasaba desde hai case unha década. Deste xeito, e tras a convocatoria por parte do Concello de Nigrán de catro cursos gratuítos para que a veciñanza en paro obtivese o certificado necesario, púxose fin na comarca a habitual crise estival en todos os municipios costeiros de Galicia para poder completar o persoal necesario.

“Levamos xa dous anos ofrecendo gratuítamente desde o Concello de Nigrán o curso obrigatorio para obter o certificado de profesionalidade polo problema de cada tempada para cubrir a demanda e aquí están os resultados”, explica o alcalde e presidente da Macomunidade, Juan González, quen subliña que estes cursos foron convocados desde o Concello e dirixidos a veciños de Nigrán desempregados que, agora, están a traballar. “Trátase dun certificado de profesionalidade moi demandado e cun custe económico alto tendo en conta que o traballo é moi estacional, ese era o motivo polo que había escasos socorristas coa titulación válida para exercer o seu traballo nas praias de toda Galicia”, engade.

Así, Praia América seguirá contando con 3 postos de socorrismo repartidos entre Lourido- zona central e Panxón, e Patos cun posto. Estes estarán opertativos de 12:30 a 20:00 horas e atendidos como mínimo por 2 socorristas e 2 voluntarios de Protección Civil.

O “avó de Oia”, Abel Diego Acevedo, celebra o seu 101 aniversario

0

O home de maior idade de Oia, Abel Diego Acevedo, cumpriu esta fin de semana os 101 anos cheo de saúde e ledicia. Natural de Acevedo (Loureza), este veciño de Burgueira celebrou esta data tan especial na compañía dos seus seres queridos.

A alcaldesa, Cristina Correa, e máis a tenente de alcalde, Carmen María Estévez, visitaron na tarde do sábado ao “avó de Oia” para felicitalo polo seu 101 aniversario e facerlle entrega dunha torta. Neste día de celebración, as representantes do Concello transmitíronlle o agarimo e bos desexos de toda a veciñanza.

Despois dunha vida de traballo, esforzo e sacrificio, Abel explicoulles ás representantes municipais que unha das cousas coas que máis desfruta agora é escoitar a misa dos domingos pola radio.

Con tantas vivencias acumuladas ao longo da súa vida, Abel tampouco ten queixa da súa saúde. “Imos indo”, asegura, contento no seu día de celebración e homenaxe rodeado da súa familia (leva máis de 70 anos casado e ten 2 fillos, 5 netos e 4 bisnetos).

O Museo de Pontevedra pulveriza os seus números cos visitantes en agosto

O Museo de Pontevedra está a pulverizar as súas cifras de visitantes e consolidándose como unha institución de referencia no país. A día de hoxe, todos os datos de visitas de 2022, tanto o acumulado anual, os datos de verán, do mes de agosto como sobre todo da semana de festas están a superar con grande marxe os números do ano pasado, un exercicio no que se xa se acadaran os mellores rexistros da última década.

O presidente en funcións César Mosquera manifestou a súa satisfacción polo crecemento sostido do número de persoas visitantes ao Museo e o éxito das coleccións permanentes, das exposicións temporais, así como das diferentes actividades programadas que, ao seu entender, poñen de manifesto o bo traballo que está a facer a institución, aínda con moito marxe de mellora, segundo destaca.

“A exposición de Ruth Matilda Anderson e os traxes tradicionais vai camiño de ser a máis visitada do ano, está a ter un éxito elevadísimo. O mes de agosto é de récord, a semana das festas é de ‘récord, récord’ (…). O Museo está tirando moi ben e aínda lle queda moito percorrido. Un museo da súa potencia ten que mellorar esas cifras e vanse mellorando a moi bo ritmo”, salientou.

A desagregación dos datos reflexa que todos os indicadores marcan subidas de afluencia de público. Atendendo ao acumulado anual, no que vai de ano o Museo rexistrou un total de 108.543 visitantes, unha cifra moi rechamante que leva camiño de récord absoluto ao final de exercicio. En 2021 a estas alturas acudiran ao Museo un total de 72.787 persoas, 35.756 menos que este ano, o que supón un incremento en 2022 dun 49%. Por ter unha referencia do abafador crecemento de público deste exercicio hai que subliñar que no ano 2014 a cifra de visitas a 31 de decembro fora de 94.468, en 2015 de 73.715, en 2016 de 107.478, ou de 80.765. Só se roldaron os 150.000 visitantes que este ano van camiño de superarse moi amplamente en 2017 e 2018.

Na semana das Festas da Peregrina, entre o sábado 13 e o domingo 21 de agosto, rexistrouse unha entrada de 14.628 persoas, case 2.000 máis que no mesmo período do ano anterior. Houbo varias xornadas nas que se superaron amplamente as 2.000 persoas visitantes por día, chegando a 2.775 na xornada do ‘pico’ máximo, e só baixando ata as 1.357 o domingo 14, cando as instalacións do Museo de Pontevedra estiveron abertas só en horario de mañá, apenas media xornada.

Finalmente, os números do que vai do mes de agosto tamén son moi positivos. Ata principios desta semana houbo un total de 32.548 visitantes, unha cifra que supera en centos a do ano anterior a estas alturas. Un dos motivos do tirón semella estar tanto no atractivo do edificio estrela do Museo, as Ruínas de San Domingos, como na exposición inaugurada o pasado día 4 baixo o título ‘Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia’, que vai camiño de ser a máis visitada de todo o ano. En só apenas 20 días sumou 3.716 persoas, atraendo unha afluencia de público tanto autóctono como foráneo que con toda seguridade se multiplicará ata o seu peche o vindeiro 23 de outubro.

Tamén a mostra ‘Arte Prehistórica. Da rocha ao museo’ está a resultar atractiva: dende o pasado 14 de xullo leva rexistradas 5.073 visitas, sendo a día de hoxe a que máis visitantes recibiu en termos absolutos durante todo o ano, por diante das mostras ‘A presenza invisible. Perfumes Art Nouveau & Art Decó’ (4.150), ‘De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano’ (4.096), e ‘Voilá la femme. XXV Aniversario’ (2.794). Con respecto á orixe das persoas visitantes mantense a tónica que xa se rexistrara na Semana Santa, practicamente duplicando o número de persoas estranxeiras interesadas en coñecer os edificios e programación do Museo, incrementándose tamén as persoas visitantes de orixe galega, e manténdose sostidas as visitas de turistas do resto do Estado.

Tui celebra cun amplo programa a Xornada Europea da Cultura Xudía

0

A cidade de Tui súmase, un ano mais, á celebración das Xornadas Europeas da Cultura Xudía cun amplo programa de actividades que abrangue dende o xoves 1 de setembro ata o domingo 11 de setembro. Unha renovada oferta de actividades para difundir e valorizar o amplo patrimonio cultural tudense ligado á presenza da comunidade xudía e logo sefardí neste territorio de fronteira.

A programación deste ano destaca pola presenza dunha visita nocturna, á luz das candeas, pola historia do Tui xudeu o venres 2 de setembro ás 22,30 horas, na que se convida aos participantes a portar algunha vela ou candea, e unha visita teatralizada arredor do patrimonio xudeu tudense o domingo 4 de setembro ás 12,00 horas. Completa o abano de visitas unha especifica á colección de Sambenitos do Museo Diocesano o sábado 3 de setembro ás 12,00 horas.

Helena Madeira, cantante e arpista portuguesa será a protagonista da parte musical destas Xornadas cun concerto de música sefardí que terá lugar o domingo 4 de setembro ás 20,00 horas na Praza do Pracer no conxunto histórico de Tui.

Unha exposición sobre a familia Coronel, destacados representante dos cristiáns novos ou criptoxudeu tudenses, en Tui e a exposición “Diálogos” no Paiol de Marte de Valença completan a oferta expositiva, xunto a unha mesa redonda sobre a celebración no vindeiro ano 2023 do IV centenario da morte do médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, e unha charla sobre “Lo que debes conocer de los judios” a cargo do investigador Elyjah Byrzdet.

Finalmente, máis dunha decena de restaurantes tudenses súmanse á celebración das “Xornadas Gastronómicas sefardís: o bacallau” cunha oferta de pratos e menús arredor deste peixe.

As xornadas en torno ao 4 de setembro de 2022, a Rede de Xudarías de España, da que Tui forma parte dende o ano 2019, como membro da Asociación Europea para a Preservación e Promoción da Cultura e o Patrimonio Xudeus (AEPJ), únese á Xornada Europea da Cultura Xudía, un evento cultural que se organiza desde o ano 2000 co obxectivo de pór de relevo a diversidade e riqueza do xudaísmo e a súa importancia histórica local, rexional e nacional, coa firme intención de promover o diálogo, o recoñecemento e o intercambio cultural.

A temática elixida para celebrar en 2022 a Xornada Europea da Cultura Xudía en 35 países europeos foi RENACER, un concepto entretecido en moitos aspectos da vida e a práctica xudías, como é no sentido de recuperación do pasado. Un concepto que permite seguir as pegadas e a memoria naqueles lugares onde houbo presenza xudía, e que a pesar da súa desaparición conserva aínda na actualidade unha herdanza e un patrimonio sen o cal non seriamos capaces de entender o presente, e cuxo legado, de xeración en xeración, constitúe un tesouro fundamental na transmisión da identidade. Hoxe, temos a sorte de contar en Tui con testemuños materiais e inmateriais que permiten coñecer e pór en valor este importante e enriquecedor patrimonio. Acceder a este patrimonio sempre é posible, non xa pola visitas preparadas para estas xornadas, senón que a “Ruta xudía” está sinalizada e a través de turismotui.mobi pódese seguir esta itinerario con xeolocalización e información complementaria á existente nos sinais.

Ao longo da fin de semana do 3 e 4 de setembro convidamos a visitar o espazo RENACER, na Praza da rúa Ordoñez, simbolizado por unha grande bolboreta Monarca, unha fermosa especie que representa a transformación, e simboliza a vida, o tempo e o renacemento. As súas ás estarán expostas neste lugar, inmediato á entrada ao conxunto histórico tudense, e convidamos ao visitante que cando as atopes, tire unha fotografía con elas e a suba a Instagram. Etiquétenos co noso perfil de Instagram @redjuderias e usando os hashtags: #renacer #redjuderias.  Así, axudaranos a construír o mapa de Sefarad, porque con todas as imaxes crearemos un gran mosaico co noso logo. Ademais, entre os autores de todas as fotografías enviadas, sortearemos unha viaxe de dúas noite con aloxamento e almorzo para 2 persoas na cidade da Rede de Xudarías que elixa o gañador.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a celebración destas Xornadas e o amplo programa preparado contribúe ao posicionamento de Tui e a súa ampla oferta cultural e turística, obxectivo estratéxico do goberno municipal. Destaca o rexedor tudense coma cada vez son máis os visitantes que se achegan á cidade atraídos tamén polo patrimonio xudeu tudense.

PROGRAMA

Xoves 1 de setembro

  • Inauguración da exposición “As familias cripto-xudías, entre a diáspora e a asimilación: os Coronel”. Anexo Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui. 20,00 h.  Visita guiada á exposición polo comisario: Suso Vila
  • Mesa redonda “Anticipando o IV centenario de Francisco Sánchez”, coa participación de Suso Vila, Rosendo Bugarín González e Rafael Sánchez Bargiela. Edificio “Francisco Sánchez” – 20,30 h.

Venres 2 de setembro

  • Inauguración da exposición “Diálogos” no Paiol de Marte de Valença 10,00 PT
  • Descubrimento placa de bronce Red de Juderías na fachada da Casa do Concello, 12,30
  • Visita á luz das candeas á historia xudía de Tui, 22,30 h. Inicio Oficina de Turismo.

Sábado 3 de setembro

  • Photocall da Red de Juderias na praza da rúa Ordoñez para concurso, con sorteo de agasallos
  • Confección dunha alfombra de flores dedicada ao Camiño de Santiago Portugués. Paseo da Corredoira, dende as 09,00 h. Organiza: Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas.
  • Visita guiada á colección de Sambenitos ás 12,00 h. Inicio Oficina de Turismo.

Domingo 4 de setembro

  • Photocall da Red de Juderias na praza da rúa Ordoñez para concurso, con sorteo de agasallos
  • Visita teatralizada  ao patrimonio xudío de Tui ás 12,00 h. Inicio Oficina de Turismo.
  • Concerto de música sefardí con Helena Madeira. Praza do Pracer. 20.00 h. (en caso de choiva na igrexa de San Domingos).

Luns 5 de setembro

  • Conferencia de Elyjah Byrzdet (investigador, autor de varios libros de historia, xudaísmo e xenealoxía) “Lo que debes conocer de los judíos”. Edificio Francisco Sánchez, 20,00 h.

Mércores 7 de setembro

  • Inauguración da exposición “Portas de Tui e Valença” de Rosa María Vila na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, 20,00 h.

Do 1 ao 11 de setembro: Xornadas gastronómicas sefardís: o bacallau

Como gañar unha viaxe a Sefarad?

  • Sobe unha foto a Instagram pousando coas nosas ás.
  • Etiqueta a @redjuderias e utiliza os hashtags #renacer #redjuderias
  • Debes seguir á conta @redjuderias en Instagram
  • Cada participante pode subir máis dunha fotografía

O Concello de Oia abre o prazo de inscrición da Aula de Acollida

0

O Concello de Oia abre o prazo de inscrición do programa Aula de Acollida para o curso escolar 2022-23, prazo que remata o vindeiro 6 de setembro. As familias que queiran inscribir aos seus fillos neste servizo municipal, que busca garantir a conciliación da vida laboral e familiar, poden realizar a súa inscrición na Casa do Concello.

O programa desenvólvese nunha das aulas do centro CEIP Mestre Manuel García. O servizo estará dispoñible desde as 7.30 horas ata o inicio das clases. Durante este tempo, os nenos e nenas asistentes desfrutarán de xogos, actividades de lecer, etc.

A folla de matriculación deberase presentar no Rexistro Xeral do Concello, achegando xunto a ela a seguinte documentación: resgardo de matrícula escolar, copia do libro de familia, copia dos DNI da nai e do pai, título de familia numerosa -de ser o caso-, e fotocopia da cartilla da seguridade social do menor.

O prezo do servizo é de 30 euros ao mes (con almorzo) e de 25 euros ao mes (sen almorzo), agás no caso de subscribirse ao programa máis dun irmán. Nestes supostos aplicarase unha bonificación do 20% (no caso de ter dous usuarios do servizo na mesma unidade familiar) ou un 40% (no caso de ter tres usuarios do servizo na mesma unidade familiar). Ademais das persoas usuarias habituais, o Concello de Oia tamén pon a disposición das familias a posibilidade do uso do servizo por días soltos. Neste caso as tarifas son de 2,50€/día (con almorzo) e 2,00 € (sen almorzo).

Salceda rehabilita a Casa de Fontán para vivenda de aluguer social

A corporación municipal de Salceda de Caselas aprobou por unanimidade na sesión do pleno ordinario o proxecto da Rehabilitación da vivenda municipal en Fontán para destinala ao uso de aluguer social.

Este proxecto desenvolvido e impulsado dende a Concellería de Benestar Social e dende alcaldía ten como finalidade cumprir con dous obxectivos fundamentais, rehabilitar os inmobles de titularidade municipal,  poñéndoos en valor e ao mesmo tempo destinalos para un uso social.

Ángela Ledo Souto, concelleira de Benestar Social, indicou “é un día moi importante para o noso concello porque coa aprobación deste proxecto, poderemos garantir unha mínima oferta de aluguer social que con anterioridade non estaba dispoñible e que contamos poder seguir ampliando no futuro”.

A rehabilitación da casa de Fontán será de carácter integral coa finalidade de cumprir con todos os requisitos de habitabilidade, acesibilidade e eficiencia enerxética para dotar a vivenda da maior calidade habitacional.

O orzamento de reforma integral da vivenda ascenderá a 80.565,71 euros(IVE incluído), dos cales a Xunta de Galicia aportará 40.000 euros e o concello 40.565,71 euros.

A execución das obras se realizará durante os anos 2022 e 2023 de forma bianual, tal e como marca a orde de subvención que financia parcialmente esta actuación.

Verónica Tourón, alcaldesa, rematou dicindo que “este é un exemplo claro do compromiso social do noso goberno para coa cidadanía de Salceda, compromiso que continuamos mantendo e que queremos ampliar durante todo o noso mandato. Ademais de aproveitar os recursos, rehabilitando instalacións municipais para poñelas ao servizo da veciñanza”.

Nigrán ofrece unha excursión ao parque acuático de Amarante

0

O Concello de Nigrán ofrece o domingo 4 de setembro unha excursión ao parque acuático de Amarante (Portugal).

Os interesados teñen de prazo do 29 ao 31 de agosto para inscribirse na Oficina de Turismo de Panxón (de 9:00 a 14:00 horas) abonando 18 € por adulto e 10 € por neno (de 5 a 11 anos) sendo gratis os menores de 5 anos.

O prezo inclúe viaxe en autobús e entrada no aquapark (non está incluído o xantar, no recinto hai zona de picnic e restaurantes pero non se permiten envases de vidro nin cubertos de metal). A saída é ás 9:30 desde o Concello de Nigrán e a chegada está prevista ás 22:00 horas aproximadamente.

O Concello do Porriño renova o piso da escola de Mosende

O Concello do Porriño comezou os traballos de renovación do piso das aulas da Escola de Educación Infantil de Mosende.

Trátase dun edificio que, aínda que depende da Xunta, é de titularidade municipal, e a falta de mantemento dende hai anos fixo que as condicións non sexan as acaídas para que os nenos e nenas desenvolven as súas actividades.

Tal e como comprometera o rexedor, o Concello está a cambiar o actual piso de lousa por tarima flotante para que os nenos e nenas poidan xogar con comodidade e en mellores condicións.

“Esta é unha das melloras que viñan reclamando dende hai anos xa que o pavimento actual non é adecuado para a utilización dos xogos e actividades que os nenos e nenas que acuden á escola desenvolven directamente no chan”, explicou o alcade, Alejandro Lorenzo.

A fin de solventar esta situación, instalarase un pavimento de tarima flotante nas dúas aulas, concretamente tarima flotante vinílica instaladada sobre manta de corcho de 2 mm en cada unha delas. As actuacións requiren unha inversión de preto de 6.500 euros que o Concello asume con fondos propios.

Cabe destacar que neste centro acometéronse xa varias melloras, como a reparación das filtracións da cuberta, a revisión do sistema de calefacción, pintado dos accesos e renovación da instalación eléctrica.

“Seguiremos atendendo as demandas deste e do resto dos centros educativos e estudando  outras actuacións para mellorar todas e cada unha das nosas instalacións, sobre todos as que usan os pequenos e pequenas”, concluíu o alcalde.  

A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 9 e sábado 10 de setembro

0

Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro (ao Carón do Centro Cultural) o venres 9 en horario de 10:15 ás 14:00 horas e de 16:30h a 21:00 h e o sábado 10 de 10:15 ás 15:00 horas.

O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.

Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar espere 2 horas. Non esqueza traer a tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Informe ao médico se está a tomar algún medicamento. É desexable solicitar cita para doar no telefono gratuíto 900 100 828.

Ponteareas contará cun camiño escolar seguro grazas á Deputación

A colaboración da Deputación permitirá ao Concello de Ponteareas facer realidade o primeiro camiño escolar seguro na contorna do CEIP Ramiro Sabell, dando así resposta á petición formulada por toda a comunidade educativa. A transformación deste espazo, que na actualidade se atopa degradado, será financiada pola Adminsitración provincial cun orzamento de 963.527 euros. As achegas do plan ReacPon (722.645 euros) e do Plan Concellos (240.882 euros) permitiron a licitación da obra. Ata a zona desprazáronse o deputado provincial Carlos Font e a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, que destacaron a importancia da recuperación do espazo público nun ámbito tan sensible.

Entre as actuacións que se están a realizar destaca a creación de tres plataformas únicas, é dicir espazos a un único nivel, con prioridade peonil e tráfico rodado limitado. Unha delas situarase na EP-4001 entre a avenida de Galicia e a rúa das Camelias, que creará un novo espazo peonil para dar pulo ao comercio local. A segunda das plataformas acometerase na mesma estrada provincial entre a rúa das Camelias e a rúa dos Nardos, e converterase nunha prolongación da anterior que, ademais, integrará o parque Ferro Ucha. A terceira das plataformas levarase a cabo entre a rúa Nardos e Feliciano Barrera, que dá acceso aos IES Val do Tea e Pedra de Auga.

Peonalización das rúas do Forno e dos Nardos

Os fondos da Deputación de Pontevedra servirán tamén para levar a cabo a peonalización completa da rúa Forno Telleiro e rúa dos Nardos. E entre esta última e o CEIP Ramiro Sabell procederase á reforma da sección viaria para mellorar a seguridade, crearase unha beirarrúa de 4,50 metros de ancho cun único carril de circulación e un aparcadoiro nunha das marxes. As actuacións neste tramo completaranse coa plantación de case 200 árbores. Ademais, na rúa de acceso ao CEIP Ramiro Sabell modificarase a sección para dotar de maior seguridade viaria ao acceso ao centro.

O itinerario beneficiará a máis de 1.500 escolares -amais de persoal- do CEIP Ramiro Sabell e dos IES Val do Tea, Pedra de Auga e Barral tralas implicación activa da comunidade educativa do primeiro destes centros. A idea da creación deste itinerario xurdiu dun proceso participativo no que se deu prioridade ao fomento da autonomía da rapazada e a creación dunha contorna amigable, segura, saudable, divertida e atractiva.

Observación estelar no Alto do Castelo do Faro, esta fin de semana en Covelo

0

Organizado polo Concello de Covelo, en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o GDR Condado Paradanta, dentro da programación cultural estable que se ofrece ao longo do ano no concello, esta fin de semana trinta persoas poderán gozar do roteiro guiado e observación estelar no alto do Castelo do Faro. Esta proposta, ademais, está deseñada dentro da estratexia de promoción turística que o goberno de Covelo desenvolve tanto en tempada alta como baixa.

Mañá sábado ás 17:30 horas partirán da igrexa de Prado as e os participantes nesta  actividade para subir ao miradoiro paisaxístico do Faro, o punto geodésico máis alto de Pontevedra con 1.154m de altitude situado na parroquia de Prado. De once da noite a dúas da madrugada observarán o firmamento da man da Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía.

A seguinte oportunidade para participar nesta actividade de interpretación astronómica será o sábado 1 outubro. As persoas interesadas deberán contactar nos números de teléfono 622 676 355 / 986 65 00 27.

A concelleira de Turismo, Lourdes Enes, explica que son ocasións únicas nas que aprender ao aire libre da man de expertos, gozar dunha actividade saúdable nunha contorna natural e confraternizar co resto das e dos participantes.

Areeiro informa de que a uva chega en bo estado á vendima

O centro do Areeiro da Deputación de Pontevedra vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que confirma o moi bo estado sanitario da uva debido, sobre todo, ao tempo seco e solleiro que se ven rexistrando este verán, que fixo que non se producisen danos na uva. Areeiro tamén informa de que as elevadas temperaturas, favoreceron a maduración. Nas mostras de uva albariña recollidas esta semana nas parcelas do centro, o grao alcólico situouse en todas en valores correctos.

No que se refire ao mildio apenas se observaron manchas nalgunhas follas, e mesmo a vexetación que medra nas plantas testemuña de Areeiro sen tratar, atópase en moi bo estado ata o punto de que está a ocultar os efectos deste patóxeno no inicio de campaña. Amais, a medio prazo non se prevén precipitacións, o que prognostica unha boa evolución esta enfermidade. No caso do oídio, o persoal do centro observou esta semana avances da presenza deste patóxeno nas plantas que xa estaban afectadas, no resto das plantas non se observaron síntomas, polo que se prevé que tampouco sexa necesario en xeral, de aplicar un tratamento pos vendima  de cara á seguinte campaña.

Por outra banda, como as previsións meteorolóxicas para as vindeiras xornadas seguen a falar dun tempo seco ou precipitacións illadas, é pouco probable que a botrite se instale na uva antes de ser recollida. A Estación Fitopatolóxica tamén recomenda prestar atención ós síntomas de golpe de sol nos acios,de plantas con alteracións de madeira, e da aparición de máis cepas con síntomas de estrés hídrico. A estes hai que engadir a vixilancia por novos repuntes da erinose de verán e os danos pola avespa asiática. No caso dos trips  e a acariose aconsellase continuar comprobando a súa evolución xa que se observaron ataques de ambas pragas, polo que se debe extremar a vixilancia de cara á vindeira campaña.

O persoal de Areeiro tamén informa de que case non se rexistraron capturas de machos  de avelaíñas do acio e de que o número de perforacións das eirugas atopadas esta semana foi baixo. No caso dos cicadélidos, capturáronse poucos exemplares de esta especie. Os novos resultados das mostras recollidas esta semana tamén resultaron negativas, é dicir, ausencia do fitoplasma da flavescencia.

O Concello de Tui realizou obras de reforma na aula de Ribadelouro do C.R.A Mestra Clara Torres

0

O Concello de Tui está a realizar nestes meses de vacacións escolares diversas obras de mantemento e mellora nos distintos centros educativos de Tui, entre eles tamén as aulas do Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres.

En concerto, con fondos propios, procedeuse á substitución de toda a carpintería de aluminio e ao pintado da aula.

A concelleira de Ensino, Sonsoles Vicente, sinala que “o espazo precisaba illamento térmico, xa que se creaba unha alta condensación debido a antiga carpintería”. Deste xeito, coas obras executadas conséguense acadar obxectivos esenciais: illar a aula das humidades, aportar un maior confort para os nenos e as nenas, e acadar aforro enerxético ao evitar a perda de calor nos espazos.

O Concello de Tui executou xa o ano pasado nesta aula de Ribadelouro a mellora no seu patio cuberto, na zona de xogos e no areeiro.  A estas sumouse no Nadal a reforma case integral dos baños da aula.

O Concello abre o proceso de licitación das obras de remodelación e mellora da alameda de Chapela

0

O Concello de Redondela deu a coñecer a apertura, esta vindeira semana, o proceso de licitación das obras da Alameda Rosalía de Castro de Chapela, traballos que “permitirán a remodelación e mellora dun espazo céntrico amplamente utilizado pola veciñanza”, afirma a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

O espazo “gañará zonas verdes, de sombra e de esparexemento ”, explica a rexedora local que adianta que o proxecto elaborado polo estudo de arquitectura Gándara e Pons, redefinirá o espazo e a súa contorna, “nunha obra longamente demandada pola veciñanza de Chapela que, deste xeito, seguirá mellorando os seus espazos céntricos”.

Lembra a alcaldesa de Redondela que lugares como o antigo apeadoiro de ferrocarril e a propia vía férrea pasaron de ser “lugares infrautilizados e cun impacto visual negativo, a espazos de ocio para a cidadanía transformándose nunha Vía Verde que, a día de hoxe, é un dos puntos clave para o desfrute das veciñas e veciños”.

Ás obras da alameda de Chapela, que Digna Rivas non dubidou en cualificar de “centro neurálxico da convivencia da cidadanía da parroquia”, engadiranse en breve as de remodelación do campito e creación do skatepark no final da Vía Verde “dúas que seguirán transformando Chapela e ofrecendo espazos de lecer para a cidadanía de todas as idades”

Aínda que o proxecto da Alameda transforma o espazo e a súa contorna mantén, porén, case que se modificacións  áreas como a zona infantil. De feito o parque, construído hai poucos anos, presenta segundo o estudo previo un “bo estado de conservación e servizo” algo que para a rexedora local redondelá non é froito da casualidade senón “do constante e detallado traballo de mantemento que leva a cabo a Concellería de Parques es Xardíns que xestiona Alberto Álvarez en todas as zonas infantís do municipio. O proxecto, polo tanto, contempla nese espazo a única modificación do valado perimetral para favorecer o acceso dende a zona norte”.

Precisamente  nese sector situaranse as ‘zonas de sombra’ constituídas por estruturas de aceiro negro que soportarán unha cubertas téxtiles especificamente deseñadas para resistir as condicións atmosféricas de exterior e, para maior seguridade das persoas usuarias, tratadas con aditivos antiraios UVA para filtralos ao máximo e ofrecer a máxima protección.

Digna Rivas subliñou a novidosa utilización de pavimentos táctiles nos itinerarios peonís accesibles, “seguindo a política de accesibilidade que desenvolvemos dende a nosa chegada ao Concello”. Ditos pavimentos táctiles terán de orientar, dirixir e advertir ás persoas cegas sin que constitúan nin perigo nin molestia para el tránsito para o tránsito peonil no seu conxunto.

Este pavimento táctil de material antideslizante –explica a alcaldesa redondelá– “permitirá una fácil detección e recepción de información mediante o pe ou o bastón branco por parte das persoas cegas”.

Este sistema que se utilizará por primeira vez en Redondela utilizará dous tipos de elementos. Unha franxas de orientación e ancho variable que contrastarán de modo suficiente solo circundante servirán como guía para os itinerarios peonís e a proximidade de cambios de nivel mentres que outros elementos, en forma de botóns troncocónicos de 4 mm de altura advertirán sobre a proximidade de puntos de perigo.

Digna Rivas amosou a importancia dunhas obras que “como todas as que estamos a realizar e lavamos realizadas, van máis aló que simples lavados de cara e buscan a transformación dos espazos para o seu desfrute por parte da cidadanía e a mellora da súa calidade de vida”.

A Xunta fomenta o deporte e o lecer co minicampamento ‘Aventura en Paradanta’, en Covelo

0

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou aos participantes no minicampamento Aventura en Paradanta que ten lugar no concello de Covelo. Trátase dunha actividade enmarcada na campaña de verán deste ano do Goberno galego da que desfrutan ata este venres 20 mozos de toda Galicia.

Estes minicampamentos Coñece Galicia permiten a estancia durante cinco días nun establecemento turístico da zona e unha completa programación de actividades. Así, os participantes, de entre 10 e 14 anos, visitan lugares próximos como a localidade portuguesa de Monção, o río Xabriña ou un lagar de cera, e desfrutan de tardes de xogos na área recreativa da Canuda e de deportes como rafting no Miño, paddle surf ou tiro con arco.

Durante o seu encontro con este mozos e mozas, Cristina Pichel puxo en valor a variada oferta da campaña de verán da Xunta de Galicia. Ademais, destacou que todas as actividades desta campaña permiten a adquisición de coñecementos e fortalecen as habilidades dos mozos en distintos ámbitos como o das relacións sociais.

O verán que queres contar

Nesta campaña, o Executivo autonómico oferta máis de 10.800 prazas, o maior número da historia. Ademais de minicampamentos como o de Covelo, esta oferta inclúe campamentos convencionais, campos de voluntariado e prazas para a organización de actividades por parte de entidades sociais.

A Guarda optará a financiación a través de Fondos Europeos para a última fase de modernización do seu mercado

0

O pasado 4 de agosto presentouse ante o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo un proxecto integral de apoio ao comercio establecido no mercado municipal da Guarda no que se solicita unha axuda de 261.172 € procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

A intervención ten como obxectivo converter o mercado municipal, un referente en calidade, nun espazo para a cohesión social que actúe como tractor do comercio minorista, e en definitiva como dinamizador económico para o resto do comercio local.

A clientela que acude a día de hoxe ao mercado ten diversas motivacións: buscan a calidade dos produtos e unha boa relación calidade-prezo, queren impulsar a agricultura e os produtos locais, buscan o ambiente e o bo trato do mercado e, para outros/as, ir á praza é cuestión de costume. A través desta intervención o que se pretende é mellorar a experiencia de compra desa clientela habitual e, sobre todo, captar a nova clientela e conseguir que acaben acudindo ao mercado para facer a súa compra diaria, e non só dun xeito ocasional.

Algunhas das accións concretas que se incluirían dentro desta actuación serían a instalación de taquillas intelixentes para a recollida de pedidos fóra do horario comercial do mercado, un programa de formación e mentorización individual para praceiros/as sobre ferramentas dixitais e fomento da economía circular, a creación dun observatorio do comercio, campañas de marketing dixital, diversas actuacións para fomentar a redución no uso de bolsas e envoltorios de plástico, ou a creación dun espazo denominado “A cociña do mercado”, que se converterá nun foco de actividades de dinamización e posta en valor dos produtos do mercado.

Nigrán achega unha subvención ao CEE Juan María para construir un ximnasio

0

O Concello de Nigrán achegou 20.000 € e agora entregará outros 20.000 € á Asociación ‘Esperanza do Val Miñor’, responsable do CEE Juan María de Parada, para construír e dotar ao centro dun ximnasio propio desde este inicio de curso. O goberno local tomou esta decisión despois de que o colexio de educación especial investise o ano pasado 18.000 € en maquinaria deportiva que foi distribuída por diferentes salas do seu complexo educativo ao carecer dun espazo específico.

“Como creo que resulta evidente, este goberno é sensible a este tipo de demandas que comprenden a saúde das persoas que máis difícil o teñen. Cando nos transmitiron esta petición non dubidamos en tramitar esta subvención directa de 40.000 €; achegamos xa os primeiros 20.000 € e agora entregaremos outros 20.000 € ao ter xa rehabilitado máis do 50% do espazo”, explica o alcalde, Juan González.

Desde a ‘Asociación Esperanza do Val Miñor’ inciden no importante que resulta o exercicio físico para mellorar a calidade de vida dos seus usuarios, polo que consideran este ximnasio, que estará listo para o vindeiro curso, unha mellora fundamental no servizo educativo e ocupacional do centro.

O Concello de Nigrán colabora activamente co CEE Juan María financiando incluso programas como o de terapia canina a cargo dunha empresa especializada.

O Rosal axuda ás comunidades a mellorar as Traídas de Augas Veciñais

0

En 2021, o Concello aprobou unha liña de axudas ás traídas de auga veciñais para financiar ata o 80 % do orzamento presentado co obxectivo de mellorar as súas instalacións, sendo a cantidade máxima a recibir por traída 5.000 euros.

O obxecto destas subvencións comprendía a adquisición de materiais ou equipamentos, investimentos para mellorar as instalacións dos sistemas de captación de augas (fontes, pozos…), sistemas de almacenamento e potabilización (depósitos e o seu entorno, filtración ou decantación), e sistemas de distribución (extensión ou mellora nas redes de distribución).

Tras as presentación dos proxectos polas diferentes comunidades de augas, tivo lugar unha valoración e unha puntuación e procedeuse ao reparto do crédito. Deste xeito, Marzán, que recibiu unha subvención de 5.000 euros, empregou os cartos para a colocación, dentro do caseto de chaves, dunha placa de suplemento do depósito onde poder colocar un decantador e instalar o sistema de cloración no punto de entrada de auga ao depósito cumprindo así coa normativa vixente.

A axuda á Comunidade de Fornelos foi tamén de 5.000 euros, e empregárona para a renovación de parte da rede de distribución con novas tubaxes para evitar as roturas constantes que tiñan nas vellas e evitar así o consecuente gasto en arranxos e a perda de miles de litros de augas.

En Tabagón, os case 4.900 euros recibidos foron empregados para a substitución dun tramo de tubaxes deterioradas que provocaban constantes roturas. A subvención empregouse tamén para a creación de novas conexións entre diferentes puntos da rede de abastecemento para nivelar a tubaxe e evitar o desnivel existente entre diferentes puntos de subministro coa consecuente perda de presión da auga.

Na Videira, que percibiu algo máis de 4.300 euros, os investimentos foron para a substitución das tapas existentes nas captacións por outras de aceiro inoxidable con premarco para selar as arquetas e evitar filtracións garantindo o selo sanitario. Procedeuse tamén á instalación dun sistema de comunicación para o control de calidade e de enchido do depósito en continuo. Isto permite que cando o depósito estea cheo, deixe de entrar auga, evitando o gasto innecesario de consumibles para a desinfección da auga e facendo un uso sustentábel dos recursos hídricos, permitindo que o exceso de auga non consumida volva á súa orixe.

Por último, Pancenteo aproveitou a súa axuda, de preto de 790 euros, para realizar o lavado e pintado do depósito de auga, minimizando así o impacto visual do mesmo na contorna.

Esta liña de subvencións supuxo un paso máis no compromiso do goberno municipal coas traídas de augas veciñais. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, sinala que, ademais das axudas económicas “o Concello está a financiar as análises de potabilidade obrigatorias en fontes e pozos e ofrece soporte levar a cabo reparacións urxentes do día a día”. Ademais, a rexedora quere “agradecer aos veciños e veciñas a súa implicación, pois xogan un papel moi importante na corresponsabilidade e xestión dun ben básico como é a auga, polo tanto, o Concello seguirá colaborando con eles en todo o que precisen”. De feito, despois dun primeiro ano de traballo conxunto que tanto Fernández Callís como a veciñanza valoran positivamente, o Concello prevé o lanzamento dunha nova liña de axudas ás traídas veciñais no vindeiro mes de setembro.

O Concello retira os restos do paseo pilotado e da ponte de madeira da senda do Tea ao seu paso pola Moscadeira

O Concello de Ponteareas procedeu nos últimos días á retirada de restos dun paseo pilotado e dunha ponte en madeira tratada construídos hai máis dunha década na seda do río Tea e que presentaba un importante deterioro debido ás enchentes constantes nesta zona. As actuacións, que afectaban a un tramo de 55 metros da marxe esquerda do río ao seu paso pola Moscadeira, eran unha prioridade, xa que “o importante deterioro que presentaban estes restos, con anacos de viga, táboas rotas… supoñían un perigo para as persoas usuarias deste tramo”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo.

Tras conseguir a autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil despois de dous anos de trámite, o Concello procedeu á retirada do que quedaba do paseo pilotado e da ponte de madeira, construída durante a creación das instalacións para salvar un regato temporal e as dificultades de tratarse dunha zona inundable. Non obstante, as enchentes constantes que sufre ese espazo “provocaron o desprendemento e desprazamento destas estrutura, incluso a perda de numerosos tramos, quedando soamente restos inservíbeis”.

A retirada dos restos de infraestrutura permitirá tamén recuperar o trazado da senda do río Tea e mantelo medioambientalmente, xa que os obstáculos que obstruían esta zona provocou a aparición de numerosos atallos e novos sendeiros que estaban a contribuír á degradación da ribeira.

As Neves segue adiante co proxecto de mellora de infravivendas

0

O Concello das Neves segue adiante coa rehabilitación de vivendas e xa ten en marcha as obras en dúas casas máis, unha na parroquia de San Xosé de Ribarteme e outra en Tortoreos.

Este proxecto, que neste 2022 abranguera un total de 7 casas-nas devanditas parroquias e tamén nas de As Neves (Estación), Santiago de Ribarteme, San Pedro de Batalláns, Setados e Vide,será posible logo de obter unha subvención do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, dentro  do ‘Programa de Infravivenda do Plan RehaVita’: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora e acceso á vivenda, para este ano.

12 vivendas nos últimos anos

O proxecto para a recuperación de vivendas nas Neves, impulsado pola Concellería de Servizos Sociais, permite recuperar casas que non reúnen as condiciones mínimas de habitabilidade cando os seus propietarios carecen de recursos económicos para reformalas.

Grazas ao mesmo, dende o ano 2019 melloránse 12 vivendas, ás que hai que sumar as 7 previstas para este ano, que contarán cun orzamento de

105.000 euros, dos cales o Instituto Galego de Vivenda e Solo achega o 95% do total -99.750 – e o Concello das Neves o 5% restante -5.250 euros-.

Prioridade ao arranxo de paredes, tellados, baños e cociñas

O custo de cada obra achégase ao máximo permitido, 15.000 euros, destinados, na maioría dos casos, para evitar a entrada de auga e humidades nas vivendas, co arranxo de tellados e paredes e tamén completar melloras en cociñas e baños.

Pilar González Casas, concelleira de Servizos Sociais, apunta que este programa de rehabilitación continuará ao longo de 2023. “Estamos xa traballando no mesmo e a intención é poder atender a un número maior de veciñas e veciños”. Neste sentido, a concelleira subliña a importancia desta iniciativa e o feito de que o Concello das Neves é o que máis atende e actúa neste eido para mellorar as condicións de vida das persoas.

O Porriño repara o camiño derrubado na Arrotea, en Pontellas

O Concello do Porriño, a través da concellería de Vías e Obras que dirixe Ramón Porto, inicia a reparación do muro de contención dun camiño na Lameira, en Pontellas.

Trátase do muro que sustenta o camiño que vai dende Corzón á Lameira , no que se teñen producido desplomes que manteñen inoperativa parte da calzada nese tramo.

“Esta situación leva anos requerindo unha intervención de urxencia, xa que hai un enorme perigo de desplome e o estado no que se atopa supón un gran risco para vehículos e peóns”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “O vial neste momento, e dende hai anos, non é seguro”.

As obras a executar para a reposición do servizo no vial contan cun orzamento de 17.120,84 euros que se financiarán con fondos propios. Os traballos comprenden a execución do muro que da soporte á calzada, o recheo de compactación do trasdós e a reposición da calzada.

A música de Teoría de la Nada soará en Baiona ao abeiro do programa Violencia Zero

0

A Deputación de Pontevedra continúa a espallar o programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” por toda a provincia, nesta ocasión cunha actuación protagonizada polo grupo madrileño Teoría de la Nada na praza de Victoria Cadaval, en Sabarís (Baiona) a partir das 21.00 h de mañá, venres, 26 de setembro. A actuación contará coa presenza da deputada provincial de Igualdade, Victoria Alonso e do alcalde de Baiona, Carlos Gómez.

A través dunha historia que comeza na infancia e transcorre por todas as etapas dunha persoa nun mundo hostil e patriarcal, Teoría de la Nada recitarán textos e cantarán sobre a represión dos corpos, a perda da inocencia, o individualismo ou as expectativas impostas. Baixo estas premisas interpretarán temas como Reina de las dudas, baseada nas relacións sentimentais tóxicas na adolescencia e a aprendizaxe cara unha aceptación propia, máis alá da validación masculina, ou “Como este tiempo rígido”, que fala dos medos.

Teoría de la Nada naceu no 2015 en Madrid e fai concertos nos que colabora con diferentes mulleres artistas coa idea de xerar unha comunidade de apoio nun mundo artístico ateigado de homes. En 2019 o grupo cesa a súa actividade e as súas compoñentes toman rumbos diferentes. Tras reencontrarse en 2021, o dúo volve ós escenarios. As súas cancións falan de vivencias persoais, de historias de amor e amizade, de revolución, das persoas que se van atopando polo camiño, da súa propia historia de amor e da do resto desa familia escollida que se forma no intento de loitar contra a individualidade.

O programa “Violencia Zero”, coas súas diferentes expresións artísticas, xa pasou por Pontevedra, Vigo, Moraña, Silleda, Meaño, Forcarei, Agolada, A Lama, Oia, Moaña, Caldas de Reis, As Neves, Redondela, Salceda, Fornelos, o centro Príncipe Felipe, Tui,  Meis, A Cañiza, e tras esta parada en Baiona, chegará aos concellos de Covelo, Barro, Rodeiro, Cambados e Vilaboa.

O proxecto do estacionamento disuasorio na contorna da Praza de Ponteareas entra nos seus últimos días de licitación

0

O proxecto do aparcadoiro disuasorio que quedará instalado na contorna da Praza de Ponteareas, entra nos últimos días do proceso de licitación para, unha vez pechado este, dar comezo a unha obra que “non só contribuirá a dar solución ao estacionamento dos vehículos das persoas residentes na zona, senón que será un paso máis para a desmasificación de, diariamente se produce nas beiravías da estrada”, explicou hoxe a alcaldesa Digna Rivas.

Rivas lembrou que o proxecto do aparcadoiro disuasorio foi “unha aposta deste Goberno consciente da necesidade de dotar á contorna dun lugar es aparcamento tanto para as persoas residentes como para a veciñanza en xeral”. “A Praza de Ponteareas, sen un aparcadoiro adecuado, sería unha obra totalmente carente de sentido e nesa liña, damos resposta ao compromiso adquirido coa veciñanza”, apunta.

A rexedora local subliñou a importancia de que Redondela poida contar contar “cun aparcadoiro próximo ao centro urbano que complemente aos dous xa existentes no casco urbano –fronte ao mercado de abastos e no Campo da Feira– reforzados tamén polo aparcadoiro soterrado da Xunqueira”.

A maiores de ser un proxecto que da continuidade á transformación iniciada polo Goberno socialista de Redondela no marco da mobilidade sostible e da recuperación de espazos públicos para a cidadanía, o estacionamento, “cunha situación estratéxica –xusto na entrada do centro urbano– contribuirá á diminución do tráfico rodado no casco urbano dada a súa proximidade ao mesmo”.

A actuación que se vai desenvolver na zona terá tamén un impacto medioambiental positivo engadido, xa que o solar linda co río e conecta co paseo do Salgueiral o que permitirá un maior aproveitamento deste espazo natural e a súa posta en valor.

Rivas lembrou que, no seu momento, o Goberno que preside foi quen de formalizar, ante notario, a compra da parcela situada a carón do convento de Vilavella, de 4000 metros cadrados e a nave situada na mesma –que será derrubada para a creación do aparcadoiro–, ata entón propiedade da firma Building Center, nun prezo que quedou establecido en 449 350 euros dos que 416 226 euros foron achegados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2019.

A compra do solar supuña o primeiro e imprescindible paso para acometer o ambiciosos proxecto de transformar completamente a Praza de Ponteareas, unha das principais vías de entrada ao casco urbano, “e gañar o espazo para as persoas, para o esparexemento da veciñanza e para a convivencia cidadá”.

Nese sentido, as liñas marcadas e actuacións desenvolvidas polo Goberno socialista de Redondela coinciden plenamente coa idea da Unión Europea das Cidades 2030, de transformar cidades e pobos nos que as persoas sexan máis importantes que os vehículos.

Tomiño mellora o seu sistema de axudas ás comunidades de augas veciñais

0

O Concello de Tomiño, representado pola súa alcaldesa, Sandra González, asinou 3 convenios que permitirán que as comunidades de auga veciñais realicen obras de gran calado destinadas a evitar fugas e a mellorar tanto a captación como a calidade da auga.

Ao acto de sinatura asistiron a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o presidente da Asociación das Traídas de Augas (COXAPO), Juan Joaquín Pousa, Manuel Álvarez, presidente da Comunidade de Usuarios de Augas Tomiño Forcadela, e o presidente da Comunidade de Usuarios de Augas de Goián, Alberto Fernández.

O Concello de Tomiño, amosando un gran compromiso coas traídas veciñais que se encargan de xestionar un recurso tan importante coma é a auga para o consumo humano, decidiu mudar o sistema de axudas imperante para optimizar o seu funcionamento.

Até o de agora, o montante das subvencións anuais, que ascendían a 50.000€, repartíase entre as máis de 30 comunidades de augas veciñais, garantindo o mantemento das mesmas pero deixándoas sen a posibilidade de levar a cabo reparacións de maior consideración. Por este motivo, o goberno local chegou a un acordo coa totalidade das traídas, que en asemblea decidiron que o máis eficiente era apostar anualmente por dúas obras de gran magnitude nas instalacións que precisasen dunha maior posta a punto.

Grazas á sinatura deste novo convenio, no presente ano as Comunidades de Usuarios de Augas Tomiño Forcadela e a de Goián percibirán 30.000€ cada unha. Ambas destinarán estas axudas principalmente a reparacións nas tubarías e a obras nos mananciais de captación.

Pola súa banda, COXAPO, que é unha asociación sen ánimo de lucro que integra 168 comunidades de usuarios de augas de toda Galicia, sendo 28 delas do Concello de Tomiño, empregará os 20.000€ de subvención para realizar análises das augas, un servizo que estará a disposición de todas as traídas que o soliciten, e tamén utilizará esta axuda para o desenvolvemento dunha aplicación informática que lles permitirá ás comunidades de usuarios de augas controlar telemáticamente o servizo, asegurando unha adecuada xestión e aproveitamento deste recurso.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González afirma que se trata dun paso moi importante cara optimizar a xestión dun ben tan prezado como é a auga. “En épocas como a que estamos a vivir na actualidade cunha seca que asola practicamente a todo o Estado, este tipo de actuacións cobran aínda máis relevancia, pois permitirán aproveitar ao máximo cada gota, reducindo a perda de auga e tamén mellorarán tanto a captación como a calidade das augas que consumirá unha gran parte da veciñanza de Tomiño”.

Mocidade e maiores únense para gozar dunha tarde de literatura e teatro en Ponteareas

Ponteareas acolle este sábado 27 unha xornada na que persoas maiores e mocidade camiñan xuntas para facer gozar ao público dunha tarde de cultura. En colaboración co Concello de Ponteareas, a Asociación de Maiores de Ponteareas presentará ás 19.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal ‘Historias dunha vida’, un libro editado pola propia asociación que recompila os relatos presentados á segunda edición do concurso de escritos organizado ao abeiro do seu programa de Habilidades Básicas do Galego.

“É un orgullo contar na nosa vila con entidades que traballan cada día para dinamizar a creatividade, a escritura e as costumes galegas”, salienta o concelleiro de Lingua e Cultura, Fernando Groba. Este certame buscaba recrear a vida dos galegos e galegas de hai máis de 40 anos, a súa rutina diaria e os seus traballo e esforzos.

Tras a presentación do libro será a quenda da compañía de teatro Dramiño, un grupo afeccionado que levará a escena ‘O que eu quixen ser’, a representación da historia dunha vida inventada.

A concellaría de Cultura, así como a de Benestar Social, dirixida por Verónica Carrera, convida a toda a veciñanza a participar nesta nova cita literaria e teatral coa que seguir enchendo Ponteareas de cultura.

A Deputación lanza unha liña de axudas para a implantación da agrocompostaxe

A Deputación de Pontevedra, ao abeiro do Revitaliza, vén de abrir unha liña de axudas de 1,5 millóns de euros destinada a fomentar a agrocompostaxe en sinerxía cos biorresiduos municipais. Isto é, subvencionará empresas ou cooperativas relacionadas co agro ou o gando que aposten por aproveitar os seus biorresiduos, misturalos cos de orixe doméstica dos concellos, e despois darlle uso ao compost resultante para fertilizar os seus solos.

Segundo explicou o vicepresidente Mosquera, empresas ou cooperativas que produzan residuos agrogandeiros, silvícolas, vitivinícolas, hortofrutícolas, adegas ou similares, e que precisen utilizar fertilizantes, pódense sumar a esta iniciativa e recibirían subvencións para construír ou adaptar instalacións e adquirir maquinaria coas que realizar a agrocompostaxe.

O obxectivo é aproveitar sinerxías e solucionar o déficit que teñen este tipo de empresas para conseguir fertilizantes de boa calidade e, ademais, solucionar tamén o problema dos concellos para tratar os residuos orgánicos xerados pola poboación. Trátase dunha nova vía coa que tratar os residuos para as zonas máis densas nas que a opción é o colector marrón, dende o que despois hai que levar os biorresiduos a unha planta de maior ou menor tamaño. Ao abeiro do Revitaliza seguirase apostando por compostaxe en kilómetro cero mediante composteiros comunitarios e individuais.

Nestes momentos, lembrou Mosquera, existen xa varias plantas de compostaxe en activo, mais o que se pretende coa agrocompostaxe  é acurtar o círculo actual de levar os biorresiduos a unha planta, producir o compost, distribución, saída ao mercado e compra do compost por parte do produtor agrogandeiro .

Coa nova fórmula, explica Mosquera, “pechamos o círculo e damos un salto adiante para o tratamento de residuos municipais na dirección máis eficiente e avanzada que se pode facer” porque o sector agrogandeiro sería o inicio e o destino dos biorresiduos e o produto final sen intermediarios. “É o método que mellor funciona no mundo”, salientou, “porque alía a quen produce biorresiduos e está interesado en utilizar o compost”.

Xa houbo un intento por parte da Deputación de poñer en marcha este modelo –denominado austríaco- mais  por problemas administrativos que agora quedan superados pola nova normativa de residuos non saíu adiante. Agárdase unha boa receptividade por parte do sector e, no caso de esgotarse o crédito, valoraríase unha nova inxección de fondos para atender todas as solicitudes. Nesta primeira fase, o máximo de axuda a un proxecto sería do 75% do proxecto e nunca máis de 600.000 euros.

Habería varios condicionantes para que as empresas ou cooperativas percibisen as subvencións: o primeiro achegar parte dos seus biorresiduos, o segundo utilizar residuos municipais domésticos e o terceiro utilizar o compost resultante por necesidade da súa actividade. Tamén se esixe unha garantía, que a pureza dos biorresiduos a utilizar ten que ser moi elevada para xerar un fertilizante de moi boa calidade. Por outra parte, as entidades solicitantes deben ter unha facturación media nos tres últimos anos igual ou superior a 500.000 euros.

Nestes momentos estanse a xirar cartas informativas a boa parte das empresas do sector agrogandeiro na provincia para informar da iniciativa. Segundo apuntou Mosquera, esta vía da agrocompostaxe non sería viable para ámbitos non masivos como poderían ser Vigo ou Pontevedra que precisarían de macroplantas.